CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Comeza esta noite na TVG a 30ª temporada de 'Luar', coa presenza de Ázucar Moreno e Leilía, que actuaron no primeiro programa

10/09/2021

Este aniversario será un dos eixes da nova etapa, en que se botará a vista atrás para lembrar as primeiras emisións e se convidará a destacados humoristas a facer monólogos sobre estas tres décadas de vida (21.55 h)

Comeza esta noite na TVG a 30ª temporada de 'Luar', coa presenza de Ázucar Moreno e Leilía, que actuaron no primeiro programa

Santiago, 10.09.2021.-   O 30 de setembro de 1992, 1.200 persoas asistían ao primeiro programa de ‘Luar’ na discoteca Dona Dana de Touro. Case tres décadas despois, o espazo da TVG comeza hoxe a súa 30ª temporada, un auténtico récord de lonxevidade na televisión actual. Este aniversario será un dos eixes da nova etapa do programa, en que se botará a vista atrás para lembrar as primeiras emisións e se convidará tamén a destacados humoristas a facer monólogos sobre estes 30 anos de vida. O tiro de saída darao esta noite Víctor Fábregas.

1.273 programas despois, ‘Luar’ establecerá paralelismos con aquela primeira edición, en que o programa contou coa presenza no escenario de Ázucar Moreno e Leilía. As irmás Salazar e o grupo de pandeireteiras, unha das primeiras formacións galegas que se lanzaron a percorrer as aldeas recompilando cancións tradicionais, estarán outra vez en ‘Luar’ para presentar os seus novos traballos musicais e para lembrar aquela noite.

O espazo da TVG tamén ofrecerá a actuación do músico pontevedrés Marcelo Dobode, que interpretará temas do seu primeiro traballo discográfico en solitario, titulado ‘Turoqua’. Nel rompe as fronteiras visibles da tradición, que recobre cun verniz de modernidade e fusión ata acadar unhas melodías que foxen de calquera tipo de etiqueta.

Completan o cartel musical desta noite a orquestra Los Satélites, unha das de máis tradición e historia de Galicia, a Asociación Folclórica Queixumes dos Pinos e a rondalla feminina ferrolá Só Elas.

Ademais, esta noite dará comezo unha nova edición, a duodécima xa, do concurso musical ‘Recantos’. Os espectadores coñecerán os novos ‘recanteiros’ da temporada 21-22 e asistirán á primeira actuación de Carminha, procedente de Vigo, e de Luci Pérez, representante da comarca Lugo Sur.

Será unha noite nostálxica, pero tamén con moitas sorpresas, como a cara da nova presentadora que acompañará a Xosé Ramón Gayoso e que coñecerán esta noite tanto os espectadores como o público, que, despois de dúas temporadas atípicas por mor da pandemia, regresa ao estudio de gravación, con todas as medidas de seguridade e sempre baixo os criterios marcados polas autoridades sanitarias.