CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Comeza a rodaxe para TVG da primeira ficción inspirada na vida de Rosalía de Castro

02/06/2017

Esta nova produción, 'Contou Rosalía', dirixida por Zaza Ceballos, completa a serie de películas dedicada a mulleres célebres galegas 

Comeza a rodaxe para TVG da primeira ficción inspirada na vida de Rosalía de Castro

Santiago, 02.06.2017.- Comezou esta semana a rodaxe na Coruña da miniserie 'Contou Rosalía', nova produción para a Televisión de Galicia, inspirada na figura da autora galega. Ambientada no Madrid de mediados do século XIX, a propia Rosalía contará como foi a súa vida social, como viviu a súa paixón de escritora e o seu reencontro co historiador Manuel Murguía. Trátase da primeira ficción sobre a súa vida.

Dirixida por Zaza Ceballos, 'Contou Rosalía' ten un equipo técnico principalmente galego e un elenco encabezado nos papeis principais por Melania Cruz, interpretando unha Rosalía apaixonada e namorada, e por Fran Lareu, como Manuel Murguía, un personaxe de gran forza e carisma. Interveñen amais Ledicia Sola, Alejandro Jato, César Cambeiro, Pepo Suevos, David Perdomo ou Celso Parada

A ambientación desta miniserie, que amosa o lado máis íntimo da escritora, desafiando limitacións de todo tipo e en medio do clima conspiratorio do final da era absolutista, sitúase na Coruña, grazas á súa conservación de espazos arquitectónicos que permiten recrear espazos como o pazo do Señor de Muros, o café do Oeste e as casas de Carmen e os irmáns Chao.

'Contou Rosalía' completa así un ciclo de ficcións producidas pola Televisión de Galicia protagonizadas por catro grandes figuras femininas da historia de Galicia: Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal e Juana de Vega

A miniserie é unha produción de Zenit Televisión, que conta coa participación da Corporación Radio e Televisión de Galicia e coa axuda da Axencia Galega das Industrias Culturais.