CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Comeza a rodaxe de 'Ons', a nova película de Alfonso Zarauza, que conta coa colaboración da TVG

08/10/2019

Este filme de misterio reunirá durante cinco semanas neste enclave do Parque Nacional das Illas Atlánticas actores e actrices da altura de Antonio Durán ‘Morris’, Melania Cruz, Miguel de Lira, María Vázquez e Xulio Abonjo

Comeza a rodaxe de 'Ons', a nova película de Alfonso Zarauza, que conta coa colaboración da TVG

Santiago, 08.10.2019.-    A Illa de Ons acolle desde hoxe a rodaxe da nova película de Alfonso Zarauza, ‘Ons’, un filme de drama e misterio que conta coa participación da TVG, en cumprimento das accións de apoio dos medios públicos ao sector audiovisual, dentro do coñecido como o cumprimento do 6%.

A gravación de Ons reunirá durante cinco semanas neste enclave do Parque Nacional das Illas Atlánticas actores e actrices da altura de Antonio Durán ‘Morris’, Melania Cruz, Miguel de Lira, María Vázquez, Xulio Abonjo e Marta Lago, entre outros. A longametraxe conta a historia dun matrimonio en crise e a aparición dunha misteriosa muller que naufraga nunha illa deshabitada.

O novo proxecto audiovisual de Zarauza, director de películas como ‘Os fenómenos’, ‘Encallados’ e ‘A noite que deixou de chover’, foi presentado onte no Estaleiro de Purro, en Bueu, coa presenza do conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; do produtor executivo da película, Xavi Font; da deputada provincial de Cultura, María Victoria Alonso; do concelleiro de Cultura de Bueu, Xosé Leal, e de varios dos actores protagonistas.

O director destacou que se trata ‘dun filme de misterio, cun verniz autoral, que trata o amor desde a propia necesidade del e todo en estreita combinación co espazo paradisíaco da Illa de Ons’. Apuntou tamén que o traballo ten unha clara visión feminista, tanto na historia que conta coma na cantidade de mulleres que participan nel.