CRTVG Viva
Comeza a rodaxe de “Lobos Sucios”, película inspirada nas minas nazis en Galicia e participada por TVG
Gravarase desde este próximo luns e ao longo de mes e medio en complexas localizacións, sobre todo galegas
Dirixida por Simón Casal, con Marián Álvarez e Manuela Vellés nos papeis principais, é un thriller que ficciona feitos reais durante a II Guerra Mundial
Na presentación, a directora da TVG salientou que a longametraxe "ten moitísimos ingredientes" sobre un tema, o volframio galego e os nazis, desco&nt

A Coruña, 15.10.2014.- Este próximo luns comeza a rodaxe de “Lobos Sucios”, unha coprodución galega, catalá e belga en que participa a Televisión de Galicia e que ficciona feitos reais acontecidos en Galicia durante a II Guerra Mundial. Coas minas de volframio como pano de fondo, a trama quere recuperar unha historia pouco coñecida protagonizada por mulleres. Así o presentaron este mediodía na Coruña o director da mesma, Simón Casal; parte do elenco actoral (Marián Álvarez, Pierre Kiwitt, Ricardo de Barreiro, Xosé Manuel Esperante, Isak Ferriz e Xabier Deive); a directora da TVG, Rosa Vilas; a produtora executiva, Paula Cons, e o compositor Sergio Moure.
Segundo indicou o seu director, a película inspírase no documental homónimo de Felipe Rodríguez, a partir do que se preparou o guión durante dous anos. “Lobos Sucios” conta a historia de dúas irmás galegas, Manuela (Marián Álvarez) e Candela (Manuela Vellés), que puideron cambiar o curso da historia da Segunda Guerra Mundial. Xunto ás protagonistas completan o reparto deste emocionante thriller, os galegos Ricardo de Barreiro, Xosé Manuel Esperante e Luisa Merelas; así como o catalán Isak Ferriz, o alemán Pierre Kiwitt e a gran promesa do cine belga, Thomas Coumans.
Sobre “Lobos Sucios”, a directora da TVG, Rosa Vilas, recoñeceu que a longametraxe ten “moitisimos ingredientes” sobre un asunto que todo o mundo coñece de oídas. “O tema do volframio en Galicia si que, máis ou menos todos podemos ter unha idea, pero do Padornelo para alá é totalmente descoñecido. Se ti lle contas á xente de que vai, non dan crédito que tiveramos algo que ver co tema nazi da II Guerra Mundial”, indicou. Rosa Vilas destacou tamén o feito de que no equipo “as mulleres teñan un peso importante”, tanto na parte artística coma na técnica.
A rodaxe percorrerá, ao longo de mes e medio, complexas localizacións coruñesas como As Pontes, Santa Comba -na mina de Barilongo- e Lousame -na mina de san Finx-, ademais de Guitiriz e Zamora, entre outros lugares. Transcorrerá en variados exteriores e interiores naturais de toda Galicia, desde unha espectacular mina de volframio, onde se van recrear ao milímetro as súas instalacións na década dos 40, ata un case inaccesible bosque de teixos, único en España.
Esta nova longametraxe participada pola TVG, TVE e TV3 é unha coprodución internacional entre a galega Agallas Films, a catalá Dream Team Concept e a belga Left Field Ventures, e conta coa colaboración do ICAA, da axencia galega Agadic, do Centre du Cinema et de l'Audiovisuel Federation Wallonie Bruxelles e do Tax Shelter belga.
Na foto, un momento da presentación hoxe na Coruña, coa directora da TVG e o equipo artístico da longametraxe