CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Comeza a gravación de "Urxencia Cero", a nova serie da TVG, e da quinta temporada de "O Faro"

27/07/2015

Esta ficción narrará o día a día na unidade de trasplantes dun hospital e os seus protagonistas serán os doadores e todos os profesionais que dedican as súas vidas a salvar as dos demais

O serial das sobremesas da canle autonómica, que engancha os espectadores cada tarde con diferentes tramas de amor, celos, intrigas e vinganzas, volverá en outono con novos episodios

Comeza a gravación de "Urxencia Cero", a nova serie da TVG, e da quinta temporada de "O Faro"

Santiago, 27.07.2015.-     Hoxe arranca nos estudios de gravación de Voz Audiovisual a rodaxe de "Urxencia Cero", a nova serie da Televisión de Galicia, que chegará á programación proximamente. Esta ficción narrará o día a día na unidade de trasplantes dun hospital e os seus protagonistas serán os doantes e todos os profesionais que salvan vidas.

A "urxencia cero" é a excepción clínica coa que a Organización Nacional de Transplantes lle dá prioridade absoluta a un paciente que se atopa en estado crítico. É un privilexio, pero tamén un gran risco, xa que o único requisito para entrar nese club exclusivo é o da extrema gravidade. "Urxencia Cero" é a historia ficcionada dunha unidade de transplantes especializada neste tipo de casos prioritarios. A serie compartirá os estudios da exitosa "Serramoura", cuxa segunda temporada, xa gravada, chegará á TVG o vindeiro outono.

A nova aposta da canle autonómica é unha serie coral, que conta cun equipo de grandes actores. Algúns son rostros moi familiares para o público da Televisión de Galicia, pero a serie tamén incorpora varios novos valores que prometen ser a gran revelación da tempada. Así, no elenco atopamos nomes como Rocío Barrio, Covadonga Berdiñas, Nacho Castaño, Ana Conca, Raquel Espada, Julia Gómez, Paula Morado, Salvador do Río, Artur Trillo, Dani Trillo, Carolina Vázquez, Carlos Villarino e Pomba Saavedra.

Asesorados por algúns dos mellores médicos de Galicia, os protagonistas meteranse na pel dos distintos profesionais que interveñen nun proceso de trasplante. "Urxencia Cero" conta coa colaboración da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e co apoio directo dos profesionais do Sergas e, en especial, da Coordinación de Trasplantes de Galicia e do CHUAC.

Mensaxe solidaria

España é líder mundial, desde hai 23 anos, no trasplante de órganos. E Galicia é unha das comunidades punteiras dentro do territorio nacional. Con todo, en Galicia non acompaña ao número de operacións a contía das doazóns, que se atopan por detrás doutras autonomías. "Urxencia Cero" nace cunha clara vocación: concienciar o público galego da necesidade de doar, achegando os espectadores da Televisión de Galicia ao traballo dos profesionais que dedican as súas vidas a salvar as dos demais. Os verdadeiros protagonistas da serie son os doadores, os heroes desta historia.

Quinta temporada de "O Faro"

"O Faro", a primeira ficción de emisión diaria promovida conxuntamente pola maioría das canles autonómicas agrupadas en FORTA, producida por Atlántida Media e gravada integramente na contorna de Santiago de Compostela, comeza tamén estes días a rodaxe da súa quinta temporada, que chegará ás pantallas da TVG o vindeiro outono. Deste xeito, aos seguidores da serie quédalles cada vez menos para saber que será de Ricardo e Lucía despois da atípica cerimonia que os uniu en matrimonio no último capítulo da cuarta temporada.

Este serial, que engancha os espectadores cada tarde con diferentes tramas de amor, celos, intrigas e vinganzas, ademais de obter destacados índices de audiencia ao longo dos máis de 300 capítulos emitidos ata o momento, foi premiada recentemente pola Academia Española de Televisión como mellor ficción autonómica.