CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Comeza a gravación de "Oh Happy Day", un novo concurso musical da TVG con grupos vocais e corais galegas

31/03/2015

O formato deste ‘talent show’, en que participan 8 agrupacións, foi emitido con éxito en Cataluña e no País Vasco 

Os concursantes deberán interpretar cancións de estilos variados, todas elas moi coñecidas polos espectadores

Comeza a gravación de "Oh Happy Day", un novo concurso musical da TVG con grupos vocais e corais galegas

Santiago, 31.03.2015.-   Comezou a gravación de “Oh Happy Day”, un novo concurso musical que sorprenderá os espectadores da Televisión de Galicia polo seu contido innovador e polo seu formato de entretemento e espectáculo. No canto dos ‘talent show’ individuais, nesta proposta competirase por agrupacións. Serán 8 grupos vocais e corais galegas os que deberán amosar ao longo de 10 galas que teñen as mellores dotes interpretativas para ir superando cada fase eliminatoria. 

“Oh Happy Day” estará presentado polo xornalista ourensán Rodrigo Vázquez, quen, ademais das actuacións dos coros, dará paso a vídeos de seguimento dos ensaios e da preparación do repertorio de cada edición, dos lugares de procedencia dos grupos e ás historias humanas que hai detrás de cada un deles. 

Este novo concurso, que produce Portocabo para a TVG, emitiuse con éxito na ETB vasca e na TV3 catalá. Na súa versión galega, contará cun xurado profesional composto por Najla Shami, cantante e compositora, que creceu entre Galicia e Kuwait; Ramón Bermejo, ademais de impartir cursos de técnica vocal, canto e voz, e actuar con importantes músicos de jazz e o director do Coro da Ra, e Eva Perales, xornalista e produtora musical catalá, con orixes na Pobra de Trives, moi coñecida pola súa participación noutros concursos televisivos.

As corais concursarán en “Oh Happy Day” con cancións moi coñecidas para o público galego, de estilos musicais variados (pop, soul, clásico, rock, gospel, tradicional). O obxectivo será achegar un programa moi entretido para toda a familia, en que se retratará a variedade da música coral e vocal de Galicia dunha maneira digna e con respecto.

Na foto superior, o presentador Rodrigo Vázquez, acompañado polos membros do xurado.

Galería de imaxes