CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Coa estrea de 'Entre pastores e lobos', a G2 achégase ás mandas salvaxes e aos últimos pastores da serra de Queixa

01/02/2022

Este novo documental da Galega segue o biólogo Pedro Alonso para coñecer tamén a realidade dos lobos na súa contorna natural

Coa estrea de 'Entre pastores e lobos', a G2 achégase ás mandas salvaxes e aos últimos pastores da serra de Queixa

Santiago, 01.02.2022.- A segunda canle da Galega estrea este martes á noite a longametraxe documental 'Entre pastores e lobos' (23:25 h), unha historia real nas montañas do noroeste ibérico, unha viaxe por outras memorias para achegarse á natureza salvaxe e á complexidade dos ciclos naturais das montañas.

No noroeste da Península Ibérica vive unha das maiores poboacións de lobos de Europa. Resgardados por paisaxes únicas, os lobos non ocupan espazos naturais illados, senón que viven entre a xente. O documental segue a Pedro Alonso, un biólogo experto no estudo do lobo ibérico, que leva máis de 30 anos seguindo os seus pasos e intentando comprendelos, acumulando tras el milleiros de quilómetros percorridos por estradas e pistas nos montes de Galicia.

Xunto con Juan e Tomás, leva anos seguindo a poboación de lobos dunha cordilleira única en Europa. É difícil atopar un lugar neste continente onde a cultura do pastoreo deixase unha pegada tan evidente na paisaxe. E onde as súas tradicións e o seu folclore ancestral siga a transmitirse con vigor e orgullo de xeración en xeración, a pesar do declive demográfico e da pronta desaparición dos últimos pastores. Hoxe en día, só oito pastores defenden a tradición e contemplan o final dun modo de vida, atrapado entre o romance e a necesidade.

Para coñecer a realidade dos lobos na súa contorna natural, o equipo de documentalistas de ‘Entre pastores e lobos’ achégase a estes últimos pastores da serra de Queixa e ás mandas de lobos salvaxes destas montañas.


Galería de imaxes