CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

CIRCOM gaña o XX Premio Internacional Grupo Compostela - Xunta de Galicia

03/05/2016

O galardón á Asociación Europea de Televisións Rexionais, da que forma parte a CRTVG, anunciouse esta mañá nunha conferencia de prensa en Santiago

O xurado destacou a súa promoción das identidades e culturas europeas a través da promoción da diversidade e da tolerancia

O presidente de CIRCOM, Jean-Marc Dubois, anunciou que os 6.000€ do premio serán destinados ao Centro da Xuventude Europea, para a realizaci&

CIRCOM gaña o XX Premio Internacional Grupo Compostela - Xunta de Galicia

Santiago, 03.05.2016.-    O Grupo Compostela de Universidades (CGU) e a Xunta de Galicia anunciaron esta mañá a decisión de entregar o XX Premio Internacional Grupo Compostela–Xunta de Galicia a CIRCOM, a Asociación Europea de Televisións Rexionais de Servizo Público (en que participa a CRTVG), como recoñecemento polo seu apoio á diversidade e ao desenvolvemento rexional en Europa.

O anuncio fíxose nunha conferencia de prensa en que participaron o presidente do Grupo Compostela, Marek Kreglewski; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño Rey; o secretario seral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; o presidente de CIRCOM, Jean-Marc Dubois, e o secretario seral de CIRCOM, Fernando Ojea, director de Proxección Social na CRTVG.

O xurado do premio, formado por tres representantes da Xunta de Galicia e outros tres das universidades membros do Grupo Compostela, asociación internacional sen ánimo de lucro que traballa a prol da cooperación e a promoción do diálogo no eido da educación superior, valoraron o apoio que CIRCOM fai a prol da diversidade cultural e das identidades europeas, así como "a promoción dos valores de tolerancia e integración na construción de Europa", tal e como sinalou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a rolda de prensa.

O presidente de CIRCOM Rexional, Jean-Marc Dubois, agradeceu o galardón destacando que esta institución agrupa televisións de 33 estados, máis de 250 canles públicas e máis de 10.000 profesionais traballando nelas”, e “o propósito do Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia de promoción do ideal común europeo é exactamente o propósito de CIRCOM”.

Ademais, anunciou que a dotación económica do premio, de 6.000 €, será destinada ao Centro da Xuventude Europea, unha organización do Consello de Europa, que organiza no mes de xullo un campamento de verán de paz que xuntará en Estrasburgo mozos europeos e de países en conflito. Este apoio será destinado a que mozos refuxiados sirios poidan participar neste campamento.

Tras o anuncio do premio a CIRCOM Rexional, o seu presidente e o seu secretario xeral mantiveron unha charla-coloquio con estudantes da Facultade de Ciencias da Comunicación baixo o título “Canles rexionais de servizo público: unha ferramenta para a democracia en Europa”.

Desde a súa creación en 1997, o Premio Grupo Compostela-Xunta de Galicia galardoou persoas e institucións senlleiras procedentes de diferentes eidos. Nas catro últimas edicións, o premio recaeu no programa Erasmus da Comisión Europea (2015), `no científico sueco Lennart Levi (2014), na canle europea de noticias Euronews (2013) e no Colexio de Europa (2012).

A cerimonia de entrega terá lugar o 20 de setembro de 2016, no marco da XXII Asemblea Xeral do CGU, que este ano se celebrará na Universitat Jaume I de Castellón.

CIRCOM: Asociación Profesional de Televisións Rexionais de Servizo Público en Europa

CIRCOM nace no ano 1983 da man dun grupo de profesionais de diversas televisións europeas, co propósito de axudar a desenvolver as identidades rexionais en Europa. A idea de base era utilizar o importante rol da televisión no desenvolvemento da idea de Europa.

Hoxe en día está formado por unhas 300 canles de televisión de 33 países europeos e ten como obxectivos principais o intercambio de ideas e experiencias, o fomento das coproduccións entre os seus membros, servir de punto de encontro de profesionais e investigadores dos medios e contribuír ao desenvolvemento das culturas e identidades europeas con prácticas innovadoras.

No ano 2013, CIRCOM celebrou a súa Conferencia Anual na Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago.

 

Na foto superior, de esquerda a dereita, o secretario xeral de CIRCOM, Fernando Ojea; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o reitor da USC, Juan Viaño; o presidente de CIRCOM, Jean-Marc Dubois; o presidente do Grupo Compostela, Marek Kreglewski, e a secretaria executiva do Grupo Compostela de Universidades, Isabel Lirola

Galería de imaxes