CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A CRTVG, na BBC Academy de Birmingham, presente nunhas sesións de CIRCOM sobre o xornalismo de datos

12/06/2018

Participaron un total de 13 xornalistas procedentes de canles da República Checa, Finlandia, o Reino Unido, Holanda, Suecia e Galicia

A CRTVG, na BBC Academy de Birmingham, presente nunhas sesións de CIRCOM sobre o xornalismo de datos

Santiago, 12.06.2018.- A CRTVG participou nunhas sesións organizadas por CIRCOM, a asociación das televisóns públicas rexionais europeas, sobre xornalismo de datos. A rede contén millóns de arquivos con datos abertos e moitos deles están ao alcance de todos. Só hai que saber como buscalos, filtralos e manexalos para poder construír historias xornalísticas propias e singulares. Isto foi o que se tratou ao longo deste luns 11 e martes 12 de xuño nas instalacións de The Mailbox, sede da BBC en Birmingham, Inglaterra.

Neste taller de traballo afondouse na procura de portais de datos abertos e de 'web scraping' que ofrecen una morea de información. Unha vez extraída, esta pódese organizar mediante fórmulas e táboas dinámicas de Excel para que o profesional, guiado polo seu criterio xornalístico, poida construír a nova historia que se vai contar. Despois, só haberá que poñerlles cara a eses datos, humanizar o contido con entrevistas para obter una historia que enganche e interese, e que, por suposto, é nosa e ninguén máis ofrece.

Este taller de traballo impartírono os profesores Helena Bengtsson (SVT) e Johnathan Stoneman (BBC), expertos en xornalismo de datos, e coordinouno Jane Birch, editora de informativos de BBC. Participaron un total de 13 xornalistas procedentes de canles da República Checa, Finlandia, o Reino Unido, Holanda, Suecia e Galicia.

Nos últimos anos, un total de vinte traballadores/as da CRTVG teñen participado en seminarios e encontros internacionais organizados por CIRCOM en áreas como o xornalismo audiovisual con móbil, as relacións coas redes sociais ou os novos formatos de noticias elaboradas para que teñan percorrido dixital.