CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Chega o gran día para Héctor e Carmela en "Viradeira", que esta noite emite o último capítulo da temporada

17/04/2018

Coas coordenadas do Augusta no seu poder e o científico entretido na súa propia voda, os “trangalleiros” irán tras o tesouro

Chega o gran día para Héctor e Carmela en "Viradeira", que esta noite emite o último capítulo da temporada

Santiago, 17.04.2018.-  Por fin chegou o gran día en “Viradeira” (22.35 h.), que hoxe emite o último capítulo da temporada. Dorneda acolle por fin a voda do ano, en que se unirán en matrimonio Carmela, a dona do mesón, e Héctor, o científico que chegou á vila na busca dun tesouro e que semella que se fixo co máis valioso de todos. Pero, lonxe de ser un día tranquilo para os noivos, os problemas xurdirán a cada paso.

E é que Héctor está enfadado coa súa nai por ocultarlle a separación do seu pai e agora non quere que asista á cerimonia. Pola súa parte, Carmela está pensando en hipotecar o seu negocio para pagar a fianza do seu pai e conseguir que Manel saia do cárcere. Está tan preocupada con este asunto que nin sequera ten moi claro en que vai acabar o da voda.

Por outro lado, en Dorneda celébranse eleccións municipais o mesmo día, polo que os convidados están un pouco revoltos. Roxelio, o alcalde saínte, dubida da súa capacidade para vender o seu tío na loita pola alcaldía. Mentres, Encarna, a muller máis poderosa da vila, prepara un moi pouco lícito plan para, coa axuda de Macario e Chino, asegurar a vitoria de Muxo. Así que pode pasar de todo nas urnas.

Ademais, non hai que esquecer que continúa a busca do Augusta e que os “trangalleiros” dispoñen das coordenadas do pecio. Con Héctor entretido coa súa voda, esta vez non deixarán pasar a oportunidade de facerse co tesouro.