CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Chega á TVG 'O sabor das margaridas', novo thriller policial onde o secuestro dunha moza dá lugar a unha historia de vinganza

03/10/2018

Dirixida por Miguel Conde, a serie (22.20 h.) ten como protagonistas a María Mera, Tony Salgado e Ricardo de Barreiro e conta coa colaboración especial de Nerea Barros

Chega á TVG 'O sabor das margaridas', novo thriller policial onde o secuestro dunha moza dá lugar a unha historia de vinganza

Santiago, 03.10.2018.-   Unha fría noite de 2010, uns días antes da chegada do papa Bieito XVI a Santiago de Compostela, a moza Marta Labrada desaparece en estrañas circunstancias nunha gasolineira de Murias, unha pequena vila de Galicia. O medo a que o caso salte aos medios de comunicación obriga a intervir á Garda Civil, enviando a inspectora Rosa Vargas, que terá que actuar con prontitude e o maior sixilo posible.

Así comeza 'O sabor das margaridas', thriller policial de seis episodios con localizacións exteriores en Abegondo, A Estrada, Vedra, Santiago e Teo. Dirixida por Miguel Conde ('Serramoura', 'Seis irmás' e 'Baixo sospeita'), esta coprodución da TVG con CTV ten como protagonistas os actores María Mera, Ricardo de Barreiro e Tony Salgado e conta coa colaboración especial de Nerea Barros, gañadora do Goya á mellor actriz revelación por 'A illa mínima'.

'O sabor das margaridas' ten lugar nunha illada vila do interior de Galicia, onde unha espesa atmosfera gris impregna as súas rúas dun incómodo silencio, outorgando un halo de sospeita a cada un dos seus habitantes. É un intenso thriller cheo de sorpresas, onde o secuestro de Marta Labrada dá pé a unha historia de vinganza en que misterio e suspense conducen o espectador por este pequeno lugar cheo de segredos.

Rosa Vargas, tenente novata da policía xudicial da Garda Civil afanarase en pescudar que lle puido ocorrer á moza e así resolver o seu primeiro caso. Contará coa axuda do cabo Mauro Seoane e do brigada Alberto Figueroa, gardas civís do cuartel de Murias, cos que a relación non sempre será doada. O que parece un caso sinxelo vai complicarse e volverse máis escuro e perigoso cando a investigación da desaparición de Marta vaia sacando á luz outros segredos, misterios, asasinatos, chantaxes, drogas, prostitución… que ata ese intre permaneceran ocultos na vila “onde nunca pasa nada”.