CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Chega á TVG 'A miña familia pola túa', unha divertida proposta en que dúas nais, con estilos de vida opostos, intercambiarán o seu fogar

22/01/2020

Na estrea do programa (22.30 h), trocarán de familia unha defensora radical da comida tradicional galega e outra partidaria dunha alimentación máis saudable e de practicar deporte a diario

Chega á TVG 'A miña familia pola túa', unha divertida proposta en que dúas nais, con estilos de vida opostos, intercambiarán o seu fogar

Santiago, 22.01.2020.-     Imaxinas que dun día para outro che cambien a túa nai e teñas que obedecer a outra persoa? Isto é o que lles pasará a partir de hoxe aos/ás participantes de ‘A miña familia pola túa’, o novo programa da TVG para a noite dos mércores, unha divertida proposta en que dúas nais, de familias con estilos de vida radicalmente opostos, intercambiarán o seu fogar durante unha semana de convivencia.

Neste espazo, un éxito mundial, adaptado a máis de 20 países e producido por Magnolia TV e La Región para a TVG, as familias elixidas vivirán unha aventura que non as deixará indiferentes. Haberá risas, pero tamén tensión; haberá emoción, pero tamén algún que outro desgusto. E é que cando alguén de fóra entra nunha familia como membro novo, pode pasar de todo.

Durante a semana de intercambio, cada novo membro deberá adaptarse ao estilo de vida e á rutina diaria da súa nova familia. Nos primeiros días, a nai que chega ao seu novo fogar terá que coñecer e adaptarse ás normas polas que se rexe a familia que vive alí, para máis tarde impoñer a súas propias regras en función dos aspectos que non lle gustaran. Ao final da semana, as dúas familias enfrontaranse nun acareo para expoñer as súas diferenzas no seu modo de organizar a vivenda e os seus hábitos familiares. Aprenderán algo os uns dos outros? Levarán un bo recordo da experiencia? Ou as loitas farán irremediable a situación?

Na estrea de ‘A miña familia pola túa’, intercambiarán as súas vidas unha defensora radical da comida tradicional galega e outra partidaria dunha alimentación máis saudable. Na casa de Celia, unha nai gandeira do concello de Rois, non entran os alimentos procesados e envasados en plásticos. Todo o que a familia consome procede da súa explotación: leite fresco das súas vacas rubias galegas, ovos das súas galiñas criadas con agarimo e todo tipo de verduras e hortalizas recentemente recollidas, que cultiva, seguindo os métodos ancestrais, sen ningún tipo de aditivo químico. Asegura que na súa casa comen “como se come en Galicia, como auténticos tolos, a fartar”. Habitualmente cociñan filloas e churrasco na lareira que aínda conservan na casa. Será capaz de aceptar unha alimentación que ela cualifica “para astronautas”? Conseguirá inculcar a súa paixón polo menú enxebre?

Pola súa parte, Mary é unha nai que defende unha alimentación alternativa, “moderna”, segundo a cualifica ela, sen graxas, sen lácteos de orixe animal e sen azucres. Na súa casa cociñan carnes, pescados e verduras á prancha, que complementan con suplementos alimenticios e batidos de diferentes sabores que fan as delicias dos seus fillos e que axudan a que o seu home perdera 16 kg de peso. Mary considera que a dieta e o deporte son fundamentais para unha boa saúde e así o aplica na súa familia e na súa propia vida. Como se desenvolverá nunha casa onde a reciben cunha gran torta a base de ovos, azucre e leite fresco de vaca? Cambiará os seus costumes alimenticios? Conseguirá convencelos para facer deporte?