CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Chega a neve ao "Aquí Galicia", que hoxe gozará da contorna, da gastronomía e das xentes de Pedrafita do Cebreiro

13/01/2018

É un dos concellos máis visitados da nosa comunidade ao ser punto de entrada para Galicia de milleiros de peregrinos e un dos enclaves máis importantes do Camiño de Santiago

Chega a neve ao "Aquí Galicia", que hoxe gozará da contorna, da gastronomía e das xentes de Pedrafita do Cebreiro

Santiago, 13.01.2018.- Chegou a neve á nosa comunidade e o “Aquí Galicia” (16.40 h.) quererá ser testemuña deste espectáculo paisaxístico desde Pedrafita do Cebreiro, un dos concellos máis visitados da nosa comunidade ao ser punto de entrada para Galicia de milleiros de peregrinos e un dos enclaves máis importantes do Camiño de Santiago.

Situado nos Ancares, o magazine que presenta Lucía Rodríguez, con Juan Fuentes e Bernardo Montaña, percorrerá a súa paisaxe espectacular, desde o Alto do Poio ata a ruta dos muíños do río Navia e o espazo natural de Rede Natural. Tamén realizará turismo para coñecer o santuario de Santa María A Real, o monumento ao peregrino e algunhas aldeas rehabilitadas deste municipio, así como o Conxunto Etnográfico do Cebreiro, onde o máis destacado son as súas pallozas, declaradas Ben de Interese Cultural.

Nestes días de neve, onde case toda Pedradita do Cebreiro está cuberta por un manto branco, verase como viven os veciños esta situación, como é o seu día a día. No apartado gastronómico do programa, como non podía ser doutro xeito, falarase do tradicional queixo do Cebreiro, con selo de Denominación de Orixe Protexida, e descubrirase como se elabora.

Todos estes contidos estarán amenizados coas actuacións do grupo Garibaldi, formado por músicos de Verín, Xinzo de Limia, Pontevedra e Vilafranca do Bierzo; o trío Florida Show, de Ponferrada; os grupos de música e baile tradicional Xistra e Abrente, de Pedrafita do Cebreiro e das Nogais, respectivamente, e da academia de baile moderno Creative Dance Studio.