CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Celta-Sevilla, Burgos-Lugo e Dépor-Sanse, partidos destacados esta fin de semana no 'Galicia en Goles'

14/10/2021

Na páxina web da Radio Galega e na aplicación para o móbil os oíntes poderán seguir integramente os compromisos do Obradoiro e do Breogán

Celta-Sevilla, Burgos-Lugo e Dépor-Sanse, partidos destacados esta fin de semana no 'Galicia en Goles'

Santiago, 14.10.2021.-    As emisións deportivas desta fin de semana na Radio Galega comezan o venres ás 20.30 h, co seguimento do Barcelona-Burela da Primeira de fútbol sala no Palau. No ‘Galicia en Goles’, que se prolongará ata a medianoite, a audiencia terá a última hora dos equipos galegos.

O sábado, desde as 15.00 h, o protagonismo será para o Dépor-Sanse, da Primeira Federación, ademais do Ceares-Coruxo, da Segunda RFEF. Os afeccionados ao baloncesto poderán escoitar integramente o Obradoiro-Murcia a través da web e da app, con conexións durante a tarde no ‘Galicia en Goles’. Ás 23.00 h, a última hora do programa repasará a actualidade do motor na sección ‘Gas a Fondo’ e informará dos olímpicos galegos no espazo ‘Galicia en París’.

O domingo, a edición matinal do ‘Galicia en Goles’ comezará ás 11.45 h cunha intensa xornada de fútbol: Tudelano-Rácing de Ferrol, Rayo Majadahonda-Celta B, Leganés B-Bergantiños, Móstoles-Arenteiro, Silva-Estradense e Deportivo-Lleida feminino. Desde as 15.00 h, o interese pasará por Balaídos co Celta-Sevilla, da Primeira LFP, xunto ao Burgos-Lugo, da Segunda LFP; Compostela-Marino e Arousa-Navalcarnero, da Segunda RFEF, e os sete encontros que completan a xornada na Terceira RFEF. Na páxina web da Radio Galega e na aplicación para o móbil os oíntes terán a opción de escoitar integramente o Breogán-Real Madrid, da Liga ACB. A partir das 23.00 h da noite, os especialistas debaterán en ‘Ao Contraataque’ sobre os resultados dos equipos galegos nas principais categorías de fútbol.

Fóra das competicións deportivas, a Radio Galega ofrece na fin de semana o programa ‘Convivir Deportivo’. Este sábado, ás 13.00 h, Alfonso Pardo desprázase ata o concello do Incio para presentar o club de fútbol Terra Brava.