CRTVG

Buscar

CRTVG viva

Catro obras son as finalistas do noveno Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

07/10/2015

'Non teño espello no baño', 'Evasión', 'Hai un punto que me doe' e 'Asalto ao rexional das 11', foron elixidas entre un total de 59 propostas

O xurado está integrado por Camilo Franco, César Carracedo, María Paredes, Gloria Ferreiro, Ana Romaní e Tito Asorey, este último, encargado tamén da adaptación radiofónica

Catro obras son as finalistas do noveno Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

Santiago,  07.10.2015.-  A novena edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico xa ten finalistas. As obras presentadas baixo os lemas  'Non teño espello no baño', 'Evasión', 'Hai un punto que me doe'  'Asalto ao rexional das 11' serán agora dramatizadas por un equipo de actores e actrices dirixido por Tito Asorey e emitiranse nas últimas semanas de novembro  na Radio Galega. Tras a súa emisión, darase a coñecer o Premio do Xurado e o Premio da Audiencia, cada un deles dotado con 3.000 euros.

Abertas as plicas das obras finalistas, unha innovación desta edición do certame, os autores e autoras resultaron ser Avelina Pérez Pérez  ('Non teño espello no baño'), Clara M. Gayo Pérez  ('Evasión'), Marian Bañobre e Santiago Cortegoso ('Hai un punto que me doe') e Daniel García Níñez  ('Asalto ao rexional das 11').

O xurado do IX Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico está formado polo actor e  director da compañía Il Maquinario Teatro, Tito Asorey, o crítico de teatro Camilo Franco, César Carracedo, gañador da edición anterior, a coordinadora de actividades culturais da Agadic, María Paredes, por designación da Secretaría Xeral de Cultura, Gloria Ferreiro, xefa de Programas da Radio Galega, e Ana Romaní, directora do espazo 'Diario Cultural'. 

Un total de 59 obras presentáronse nesta edición do Premio de Teatro Radiofónico, organizado pola Radio Galega coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, que patrocina o certame. O galardón pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre a dramaturxia contemporánea e o medio radiofónico, divulgar a escrita teatral galega e contribuír á recuperación desde unha perspectiva contemporánea do xénero de teatro radiofónico.

Na foto superior, Ana Romaní, directora do espazo "Diario Cultural".