CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Programación TVG

O programa 'Bamboleo' recibe esta noite a visita de Raúl e de Pili Pampín

12/10/2019

Ademais das súas habituais e divertidas seccións, o espazo presentado por Lucía Regueiro (22.05 h) contará coa actuación da orquestra La Ocaband

O programa 'Bamboleo' recibe esta noite a visita de Raúl e de Pili Pampín

Santiago, 12.10.2019.-    ‘Bamboleo’ (22.05 h), o programa de entretemento dos sábados á noite na Televisión de Galicia, recibe esta semana a visita do cantante Raúl, que se fixo coñecido pola preselección ao festival de Eurovisión 2000 co mítico tema ‘Sueño su boca’. O artista vasco interpretará algúns dos seus grandes éxitos e tamén terá tempo de homenaxear ao recentemente falecido Camilo Sesto.

A música galega virá nesta ocasión da man da popular artista Pili Pampín, que, como é habitual nas súas actuacións, porá o público en pé. Ademais, o espazo presentado por Lucía Regueiro contará coa actuación da orquestra La Ocaband.

Nas seccións habituais do programa, ‘Agora ou Nunca’ amosará o potencial artístico de Clara de Asís, co tema ‘Vuelve conmigo’, de Marián Conde, e de Áurea Durán, que interpretará ‘Fue tan poco tu cariño’, de Rocío Dúrcal.

Coma sempre, ‘Bamboleo’ ofrecerá tamén as seccións ‘A ITV do amor’, onde un concursante terá que adiviñar cal é a verdadeira parella dunha persoa a partir de certas probas; ‘A Jrileira’, onde Manuel e Antonia se enfrontarán ao karaoke cantando ‘Por amarte así’, de Cristian Castro, e ‘Dirtidansi’, en que participará a parella composta por Vladyslav e Aiusha.

ler máis

Os campións galegos Ana Peleteiro e Adrián Ben únense á celebración do décimo aniversario de 'Land Rober Tunai Show'

10/10/2019

O humorista J.J. Vaquero e o grupo Herdeiros da Crus, presentando o seu novo disco, tamén están convidados á festa (22.15 h.)

Os campións galegos Ana Peleteiro e Adrián Ben únense á celebración do décimo aniversario de 'Land Rober Tunai Show'

Santiago, 10.10.2019.-    O programa ‘Land Rober Tunai Show’ está de celebración. Hoxe fai 10 anos exactos da primeira emisión do programa. E quen mellor que Ana Peleteiro e Adrián Ben para unirse ao show. Recentemente chegados do Campionato Mundial de Atletismo celebrado en Doha, a ribeirense especialista en triplo salto e o viveirés máis veloz nos 800 metros experimentarán o ritmo frenético do programa e terán que enfrontarse a un reto. Que sairá desta xuntanza de campións?

Por se fose pouco, o espazo presentado por Roberto Vilar contará coa presenza do humorista J.J. Vaquero, que, tal como se define, chega sen pelos na lingua: cómico rudo e directo. Vai dar gusto velo no ‘A quen lle pasou?’ toleando coas anécdotas máis disparatadas do público.

Ademais, o ‘Land Rober’ recibe esta noite os máis grandes. Os Heredeiros Da Crus aterran no programa da TVG para presentar o seu noveno disco: ‘Derretidos’. Coa esencia de sempre, a banda de Ribeira estrea o álbum máis movido de todos tras 27 anos de traxectoria. O vídeo do tema ‘Esquimales’ poderá verse por vez primeira e en primicia nas redes sociais do programa durante o directo.

ler máis

A gaiteira Susana Seivane únese ao elenco de 'Malo Será!', que esta semana desembarca no Teatro Jofre de Ferrol

09/10/2019

Un duelo de vaqueiros, a conquista de América e unha festa de aniversario do máis peculiar son algúns dos argumentos dos sketchs cos que gozarán os espectadores da TVG

A gaiteira Susana Seivane únese ao elenco de 'Malo Será!', que esta semana desembarca no Teatro Jofre de Ferrol

Santiago, 09.10.2019.-     O programa itinerante ‘Malo Será!’ ofrecerá, un mércores máis, dúas horas de humor cos mellores cómicos da escena galega, nesta ocasión desde o Teatro Jofre de Ferrol. Á función desta noite unirase como convidada especial toda unha profesional da música: a gaiteira Susana Seivane.

Un auténtico duelo de vaqueiros, a conquista de América de Cristóbal Colón ou mesmo unha festa de aniversario do máis peculiar son algúns dos argumentos dos sketchs cos que gozarán os espectadores da Televisión de Galicia, baixo o título ‘Ferrol, onde eu nacín’.

Tamén gozarán das voces de Susana Sampedro e Lucía Veiga, que, co acompañamento da marabillosa gaita de Seivane, interpretarán, ao remate da función, a popular canción ‘Ferrol’ de Los Limones. Tampouco faltará a versión dunha das habaneras máis coñecidas da cidade: ‘Ferrol, onde eu nacín’.

Marcos Pereiro, Federico Pérez, Lucía Veiga, Cristina Andrade, Oswaldo Digón, Evaristo Calvo, Susana Sampedro e Susana Seivane son as actrices e actores cos que ‘Malo Será!’ desembarca esta semana na cidade departamental.

ler máis

A TVG abre esta noite o 'Larpeiros Social Club', unha sociedade gastronómica onde cociñar e festexar, con máis convidados e troula ca nunca

08/10/2019

Visitarán o programa (22.15 h.) novas promesas da cociña galega e tamén chefs consagrados, mentres que Lola preparará as súas receitas máis especiais e Benigno sorprenderá con algúns pratos inéditos

A TVG abre esta noite o 'Larpeiros Social Club', unha sociedade gastronómica onde cociñar e festexar, con máis convidados e troula ca nunca

Santiago, 08.10.2019.-    Logo de máis de dez anos de aventuras, a casa dos ‘Larpeiros’ quedou pequena. Son tantos os cociñeiros e amigos que se sumaron a esta gran familia que xa non entran pola porta. O seguinte paso estaba claro: fundar o ‘Larpeiros Social Club’, un espazo que a TVG estrea esta noite. Este club contará cunha boa despensa e cun gran mesado con moitos fogóns. Por fin os ‘Larpeiros’ poderán facer unha masa, guisar unha carne e limpar uns grelos, todo a un tempo e sen que falte sitio na cociña para todos os que queiran estar nela.

Nesta primeira temporada do programa, Lola cociñará as súas receitas máis especiais e Benigno sorprenderá con algúns pratos inéditos. Ademais, visitarán o ‘Larpeiros Social Club’ novas promesas da cociña galega, como Alén Tarrío ou Anxo Trives, gastrobloggers como Coque Fariña ou Diana Fernández e ‘Larpeiros’ con diploma como Enrique Pérez. Non faltarán tampouco cociñeiros consagrados, como Bea Sotelo, Pepe Solla ou Javier Olleros, que tirarán de memoria para facer pratos con historia.

Na cociña do ‘Larpeiros Social Club’ prepararanse pratos moi mariñeiros e tamén grandes guisos e carnes ao forno. Para pechar os xantares ao estilo máis ‘larpeiro’, faranse deliciosas lambetadas coa axuda das mellores reposteiras. Ademais, os membros do club tomarán café de pota e as sobremesas durarán moito máis, grazas á música de convidados como Carlos do Viso, Luís Caruncho, Maravallada, Os Ghazafellos, etc.

Na primeira xuntanza deste novo club, Lola fará a súa coñecida empanada de mexillóns porque non hai festa ou romaría que se poida chamar así sen a súa empanada. Ademais, visitará a sociedade Alén Tarrío, un cociñeiro que reivindica as comidas de sempre desde os seus fogóns no Pampín de Compostela e que sabe que para sentar cátedra non hai nada como un galo de Mos ben guisado. Completará o menú unha riquísima lambetada, un tatín de mazá, e non faltarán aperitivos, contos, cantigas e pequenos segredos e trucos, deses que fan entender, unha vez máis, os motivos do éxito da gastronomía galega.

Como non hai cociña sen produto, será Benigno o que vaia pasear e pescar polas augas que bañan o Parque Natural das Illas Atlánticas, na compaña de dous homes de mar que tanto están metidos na ría coma nas Azores ou nos mares do Norte. Neste percorrido mariñeiro, Adrián enredará o seu tempo cun experto peixeiro, dos de toda a vida, deses que percorren as parroquias galegas achegando o peixe.

ler máis

'Cos Pés na Terra' visita esta semana unha granxa familiar con gando cento por cento galego: galiñas de Mos e vacas cachenas

07/10/2019

Ademais, os espectadores encherán os oídos cos instrumentos e os sons que rescata do esquecemento un luthier

'Cos Pés na Terra' visita esta semana unha granxa familiar con gando cento por cento galego: galiñas de Mos e vacas cachenas

Santiago, 07.10.2019.-   Os espectadores de ‘Cos Pés Na Terra’ (23.15 h) verán hoxe canto dan de si os días de Vanesa, atendendo as súas pitas, muxindo as súas vacas, coidando dos seus produtos e vendéndoos na praza.

Serán tamén testemuñas do traballo en familia que levan adiante Mariluz e o seu fillo Jaime, un traballo que fan entre gando cen por cento galego: as súas galiñas de Mos e as vacas cachenas da casa.

Por último, o espazo da TVG ten unha cita para encher os oídos cos instrumentos e os sons que rescata do esquecemento Xaneco, un luthier afeito a fabricar pezas lendarias da nosa tradición sonora.

ler máis

A incautación dos cartos en 'A Estiba' supón un duro golpe para César e os seus, que agora de deben enfrontar á mafia nixeriana

06/10/2019

Despois do seu primeiro éxito á fronte da comisaría, Manuela alíase con Cruz para demostrar que hai unha toupa dentro do corpo

A incautación dos cartos en 'A Estiba' supón un duro golpe para César e os seus, que agora de deben enfrontar á mafia nixeriana

Santiago, 06.10.2019.-     Os seguidores de ‘A Estiba’ (22.15 h) verán hoxe como a incautación por parte da policía de Ardora dunha gran cantidade de cartos á man dereita de César Longueira foi primeiro éxito de Manuela á fronte da comisaría. Aínda que agora queda o traballo máis complicado: demostrar a conexión dos cartos coa mercadoría do Delta.

Pero non é o único que teñen que facer na comisaría. Tanto Manuela como Cruz están convencidas de que hai un infiltrado dentro do corpo, polo que poñen en marcha unha operación secreta para descubrila. Cruz encargarase de facerlle un seguimento a Eva e Manuela vixiará a Ramiro moi de preto. Atoparán o que están buscando?

Mentres tanto, os problemas no seo da familia Fortes non paran de aumentar. A petición de dimisión de Marcos por parte de Emilio ante os medios de comunicación non sentou nada ben nin ao alcalde nin a Rosalía, que ven na manobra de seu pai un intento por arrebatarlle o seu posto agora que xa non é comisario.
    
No porto, a incautación dos cartos por parte da policía supuxo un golpe moi duro para César e os seus. Ese diñeiro estaba destinado a pagarlles aos nixerianos pola desaparición da carga do Delta, polo que, se non afrontan o pago, os nixerianos tomarán cartas no asunto. E as consecuencias non tardan en chegar. Durante a noite, a mafia nixeriana secuestra a Antón e Josefa como forma de presión para obrigar a César a pagar un rescate ou, pola contra, a vida da súa familia corre un serio perigo. Será César quen de solucionar a situación pola súa conta ou terá que pedirlle axuda á policía de Ardora?

ler máis

A cantante arxentina Marcela Morelo e a banda galega de rock The Soul Jacket soben este sábado ao escenario de 'Bamboleo'

05/10/2019

O espazo presentado por Lucía Regueiro contará, ademais, coa actuación da orquestra Acordes e coas súas seccións habituais

A cantante arxentina Marcela Morelo e a banda galega de rock The Soul Jacket soben este sábado ao escenario de 'Bamboleo'

Santiago, 05.10.2019.-   ‘Bamboleo’ (22.00 h), o programa de entretemento da TVG dos sábados á noite, recibirá hoxe a visita da recoñecida cantante, bailarina e compositora arxentina Marcela Morelo, que fusiona o pop latino con diversos xéneros, como merengue, salsa, cumbia e bolero.

O espazo presentado por Lucía Regueiro contará, ademais, coas actuacións da orquestra Acordes e da banda galega de rock&roll The Soul Jacket, que volve á carga co seu cuarto disco, ‘Plastic Jail’, en que incide nun rock máis directo, ao tempo que explora algúns camiños nunca transitados.

No escenario tamén estarán Pili Alonso, interpretando ‘A quién le importa?’, de Alaska, e Manuel Míguez, co tema ‘Perfidia’, un clásico de Alberto Domínguez, ambos na sección ‘Agora ou Nunca’.

Coma sempre, ‘Bamboleo’ ofrecerá tamén as seccións ‘A ITV do amor’, onde un concursante terá que adiviñar cal é a verdadeira parella dunha persoa a partir de certas probas; ‘A Jrileira’, onde José Manuel e Víctor se enfrontarán ao karaoke cantando ‘Cobarde’, de David Bustamante, e ‘Dirtidansi’, en que a parella composta por Santi e Alicia bailará chachachá e tango.

ler máis

Carlos Blanco e Farruco: dous grandes do humor galego, xuntos esta noite no 'Land Rober Tunai Show'

03/10/2019

Tamén está convidado ao show o artista multidisciplinar Rodrigo Cuevas, que experimentará o ritmo frenético do programa (22.20 h)

Carlos Blanco e Farruco: dous grandes do humor galego, xuntos esta noite no 'Land Rober Tunai Show'

Santiago, 03.10.2019.-    O programa 'Land Rober Tunai Show' recibe este xoves dous actores e humoristas dos pés á cabeza:  Farruco e Carlos Blanco, un dúo excepcional que vén pintar a mona coma nunca nun reencontro moi emocionante. Ademais, Farruco recreará un altercado real que lle pasou coa Garda Civil.

Tamén visitaran o estudio os protagonistas das novas máis tolas que aconteceron en Galicia. Porque noticias así só poden pasar aquí. Por se fose pouco, tamén está convidado esta noite ao show o artista multidisciplinar Rodrigo Cuevas. O asturiano vai experimentar o ritmo frenético do 'Land Rober'. Tampouco faltarán Eva Iglesias e David Perdomo para facer das súas.

ler máis

'Malo será!' chega esta semana a Monforte e recibe o actor Tamar Novas como artista convidado

02/10/2019

Os espectadores serán testemuñas dun intento de calote, coñecerán como son as estritas probas para árbitro e asistirán á proxección dun clásico wéstern americano (22.30 h.)

'Malo será!' chega esta semana a Monforte e recibe o actor Tamar Novas como artista convidado

Santiago, 02.10.2019.-     A caravana do programa 'Malo será!' chega esta semana a Monforte. O Auditorio do Edificio Multiusos será o escenario de dúas horas de humor coa presenza dos mellores cómicos da escena galega, aos que se suma hoxe, por segunda vez, o actor Tamar Novas.

Baixo o título 'Lemosía', os espectadores serán testemuñas dun intento de calote e do cambio de comportamento dun adolescente tras a visita dunha profesional. Tamén coñecerán como son as estritas probas para árbitro e asistirán á proxección dun clásico wéstern americano. Tampouco faltarán neste programa nin a música nin os animais. 'Alegres montes' é o título da canción interpretada nesta ocasión por Lucía Veiga e Susana Sampedro.

Marcos Pereiro, Lucía Veiga, Cristina Andrade, Oswaldo Digón, Marita Martínez, Susana Sampedro, Alberto Rolán e Tamar Novas serán as actrices e actores cos que poderán gozar os espectadores este mércores na Televisión de Galicia.

ler máis

Os 'Larpeiros' homenaxean esta noite os chocos, un dos tesouros das rías galegas

01/10/2019

Tamén degustarán un aperitivo de mar e terra: unhas torradas de ameixas com pisto sobre pan de Cea

Os 'Larpeiros' homenaxean esta noite os chocos, un dos tesouros das rías galegas

Santiago, 01.10.2019.-  Os ‘Larpeiros’ (22.20 h.) da TVG sempre foron grandes fans dos chocos, un dos tesouros das rías galegas. Hoxe na casa estará de visita David Couñago, un cociñeiro de altura e grande experto en chocos.

Sendo o convidado de Redondela, a súa proposta é case obrigada. David vai facer un clásico: chocos con arroz, pero cun aire diferente. Estarán acompañados por unha maionesa de leite de cítricos. Na cociña, Lola será a encargada de axudarlle. Dúas xeracións de artistas, xuntando tradición e modernidade nos fogóns.

Pola súa parte, Adrián, o ‘larpeiro’ máis viaxeiro, irá pescar chocos á enseada de San Simón, na ría de Vigo, onde habitan uns dos mellores chocos do mundo. Naseiro por tradición familiar desde os quince anos, Alberto amosaralle a Adrián a arte da pesca con nasa con ramallo de piñeiro, unha técnica moi tradicional e ben curiosa.

E, para pechar esta festa, Leni e o amigo do programa Carlos Parra prepararán un aperitivo moi diferente: unhas torradas de ameixas con pisto sobre pan de Cea, mar e terra nun aperitivo, algo nunca visto na casa dos ‘Larpeiros’.

ler máis