CRTVG Viva
O pasado de Álex e Dora sae á luz no capítulo desta semana da serie 'Faro. O reencontro'
Mentres a investigación de Carlos dá un novo xiro, Ricardo decide, por un lado, abandonar a dirección da empresa e, por outro, ter a conversación con Lucía que levaban tanto tempo pospoñendo

Santiago, 29.05.2023.- Álex e Dora sacan o seu pasado á luz no capítulo deste luns de ‘Faro. O reencontro’ (22.40 h), pero estará ela disposta a volver aos seus brazos? Pola súa parte, Víctor confésalle a Patri que a idea de levar a nena a Madrid foi del.
Ademais, Ricardo confesa a súa decisión de abandonar a dirección xeral da empresa e a venda das súas accións a Rosa. Carme non pode tolerar esta decisión do seu fillo e decide tomar cartas no asunto. Por outro lado, chega unha muller en representación de Miguel que, como pouco, vai sementar a dúbida nos protagonistas.
Mentres, a inspección dá un novo xiro cando Dora lembra unha pista moi reveladora sobre o culpable da súa agresión: levaba un pano. E, por fin, Lucía e Ricardo deciden ter a conversa que levaban tanto tempo pospoñendo.
Estrea de 'A merenda dos Bolechas', desde este luns no YouTube da CRTVG
Ata o 6 de xaneiro, cada tarde, ás 17.00 horas, os máis pequenos poderán gozar de 20 minutos cargados de música, xogos e divertidas sorpresas

Santiago, 18.12.2022.- Desde este luns, os medios públicos galegos reforzan a proposta para o público infantil. Cada tarde, ás 17.00 h., os máis pequenos poderán gozar dunha nova edición de ‘A merenda dos Bolechas’ en streaming na canle de YouTube da CRTVG, de luns a venres e ata o 6 de xaneiro. Serán 20 minutos cargados de música, xogos e divertidas sorpresas nos que os rapaces poderán charlar a través dun chat en aberto con estes entrañables personaxes de animación, habituais da oferta da G2 durante todo o ano. ‘A merenda dos Bolechas’ estreouse o pasado Nadal, e é o primeiro programa nativo dixital da CRTVG. Cada capítulo queda posteriormente accesible en crtvg.gal.
#Dígochoeu estrea o vídeo do grupo King Kids, un dos cinco finalistas do concurso 'Unha canción para Esther'
Cada mes farase pública unha das pezas que competirán polo premio do espazo da TVG e que os artistas interpretarán en conxunto coa presentadora

Santiago, 15.12.2022.- O espazo de promoción da lingua da CRTVG #DígochoEu estreou hoxe o primeiro vídeo do concurso ‘Unha canción para Esther’. Trátase da composición musical de King Kids, grupo coñecido dos espectadores dos medios públicos galegos por ser o gañador da edición 2021 da ‘Canción do Nadal’. Nesta ocasión, interpretan coa presentadora Esther Estévez o tema tamén titulado ‘Dígocho eu’.
Os galegos Manuel Manquiña e Víctor Fábregas pintan a mona hoxe no 'Land Rober Summertime'
O presentador Roberto Vilar estará tamén acompañado nos variados sketchs cómicos por Eva Iglesias e Miguel Canalejo

Santiago, 25.8.2022.- O humor con maiúsculas será protagonista, un xoves máis, na Televisión de Galicia, que ofrecerá unha nova entrega de ‘Land Rober Summertime’ (23.05 h), unha refrescante oferta coa que os amantes da comedia poden vivir este verán os mellores momentos e os sketchs máis hilarantes deste programa de referencia na canle pública.
Os convidados que pasarán esta noite polo escenario do ‘Land Rober Summertime’ serán un dos nosos actores máis queridos polo público galego, Manuel Manquiña, e outro dos nosos humoristas galegos tamén máis recoñecidos, Víctor Fábregas. Os dous pintarán a mona, dando boa mostra no espazo das súas habilidades para a diversión. Por suposto, unha edición máis cómpre salientar a participación do presentador Roberto Vilar, apoiado nos variados sketchs por Eva Iglesias e Miguel Canalejo, para que os espectadores gocen da festa rachada que proporá a Galega.
Nesta edición de verán do ‘Land Rober’, os espectadores asistirán, amais, aos sketchs de ‘Fontanería Paco e Fillo’, amais, Jonathan non fala e os pais lévano ao centro de saúde e Marta, a nova presidenta de Indatex, acode ao comedor da empresa. Tamén se desenvolverán dous xogos. Por unha banda, no ‘A quen lle pasou?’ contarase unha anécdota vergoñenta de alguén do público e, pola outra, en ‘A nai de quen?’ participarán os nenos Lucía, Yose, Daniel e Noel.
'É hora de festa' trae hoxe o amplo abano de sabores da última edición da Festa da Empanada da Bandeira
O espazo dará conta do ambiente e as actividades celebradas neste evento gastronómico e tradicional do verán galego

Santiago, 24.8.2022.- O programa ‘É hora de festa’ (23.10 h) dará conta este mércores dunha celebración gastronómica e de gran tradición en Galicia, como é a Festa da Empanada de Bandeira, que esta fin de semana pasada celebrou a súa 46 edición. Coma sempre, Olaya Rivas e Iván Müller levarán a audiencia polas reviravoltas deste festexo popular que, en cada cita anual, fai as delicias dos asistentes.
'Casamos!' achega esta noite a historia dun amor intenso, o de Isma e Adolfo
Despois de dous anos de relación, a parella selará o seu amor nunha romántica cerimonia na praia

Santiago, 23.08.2022.- O espazo máis romántico da TVG, ‘Casamos!’ (23.10 h) dá a coñecer esta noite a historia de amor de Isma e Adolfo, dous mozos de Vigo que se atoparon a través das redes sociais. Adolfo deu o primeiro paso e escribiulle a Isma por Instagram. Isma contestou e aí xurdiu todo.
A primeira cita tivo lugar xa ao día seguinte e o primeiro bico non tardou en chegar nun lugar moi especial para a parella, a Virxe da Rocha, en Baiona. Ese mesmo lugar foi escenario tamén, un ano despois, da pedida de man da parella e desta volta foi Isma o que se axeonllou!
Agora, despois de dous anos de relación, a parella selará o seu amor nunha romántica cerimonia na praia! No acto non faltarán as sorpresas, as bágoas de ledicia e emoción e o amor… moito amor!
Noite de ficción galega na TVG, cun maratón da serie 'Saudade de ti' e a emisión do filme 'The Way'
A canle pública ofrecerá unha tripla entrega de novos capítulos da serie galega de éxito do verán e cinema inspirado no Camiño, protagonizado por Martin Sheen e participado pola Televisión de Galicia

Santiago, 22.8.2022.- O luns á noite, a ficción galega volve ser protagonista da programación da Televisión de Galicia, coa emisión de tres novos capítulos da serie ‘Saudade de ti’, e da longametraxe ‘The Way’ ('O Camiño'), película con selo galego e incluída no ciclo ‘Quero ver unha peli contigo’.
O maratón da serie ‘Saudade de ti’ (22.40 horas) comeza hoxe con Noa e as súas pescudas sobre a suposta paternidade de Albelos. Coa axuda de Brais, intentará corroborar estas suposicións. Quen tamén anda coa mosca na orella respecto ao doutor é Celia, o comportamento do seu amigo é moi sospeitoso. Trata de ocultar algo e Celia pensa descubrilo. Pola súa parte, Raúl alíase con Dimas e trata de facer realidade o seu plan de negocio en Porto de Abrente, aínda que o interese pola idea non é o que agardaban. Na empresa, Adela e Mónica teñen asuntos máis urxentes. Gaspar non llo está poñendo doado a Mónica e déixalle moi claras as súas condicións. Para poder pechar o trato cos transportistas terán que renunciar a moitas das súas vantaxes, e pode que algo máis...
Ao remate da emisión de ‘Saudade de ti’, a Televisión de Galicia achegará esta noite ‘The Way’ (00.25 horas), longametraxe que conta coa participación da canle pública galega, dirixida por Emilio Estévez e co seu pai, Martin Sheen, como protagonista. A película é un sentido tributo ás raíces galegas da popular saga artística, asentada nos Estados Unidos.
‘The Way’ é a cuarta película de Emilio Estévez como director e guionista. Na longametraxe, o director trata de abordar a última oportunidade dun pai para coñecer a seu fillo a través da súa viaxe persoal percorrendo o Camiño de Santiago.
Desde o Entroido de Redondela, 'Vaia troula' asiste tamén ás festas do Esquecemento, a Malla e a Empanada
Amosará, amais, o Naufraxio de Laxe, a sardiñada de Sada, Santa Cruz de Oleiros e o San Bartolomeu de Pravio, a festa dos produtos do mar da Illa de Arousa, e a churrascada de Carballido

Santiago, 21.8.2022.- Televisión de Galicia ofrece este domingo unha nova edición do festeiro ‘Vaia troula’ (23.15 h). Nesta ocasión, a presentadora, Noelia Rey, viaxará ao concello de Redondela para participar no seu divertido e multitudinario Entroido de Verán. E as reporteiras, coma sempre, estarán nas mellores celebracións da fin de semana.
Nuria Fergó, Los Players e Los Jinetes del Trópico converten nunha festa 'Bamboleo' coas súas propostas musicais
O espazo de entretemento dos sábados á noite na TVG desenvolverá tamén novas edicións do ‘Agora ou nunca’, ‘A jrileira’ e ‘A ITV do amor’, amais de bailes de salón

Santiago, 20.8.2022.- ‘Bamboleo’ (22.05 horas) chega esta noite á Televisión de Galicia, coma é habitual, con Xosé Manuel Piñeiro á fronte. O espazo de entretemento recibe hoxe a visita de Nuria Fergó, unha das participantes máis queridas da primeira edición de Operación Triunfo. A artista celebra os 20 anos que leva na música presentando novo disco: ‘Con permiso’. Fergó tamén participa nos xogos de Tamara Pérez e Claudio Pan.
Estará, así mesmo, en ‘Bamboleo’ o grupo Los Jinetes del Trópico, unha formación que fai unha peculiar fusión entre reggaeton, punk tropical e cumbia no seu último sinxelo ‘Tronzácheme o corazón’.
Unha das orquestras máis veteranas da verbena galega, Los Players, estará animando tamén a festa do ‘Bamboleo’. Amais, visitará o estudio a parella de bailaríns galegos formada por Jorge e Rebeca, que inician unha segunda etapa no baile profesional e hoxe bailarán un jive e unha rumba.
No ‘Agora ou nunca’ os participantes serán Laura Gonzaléz e Ramón López, que interpretarán os temas ‘Días de verano’, de Amaral, e ‘Torna a Surriento’, de Giambattista de Curtis. Isi estará contando as súas divertidas e singulares historias.
O Abadín Club de Fútbol e a Sociedade Deportiva Cultural e Recreativa Narón Freixo xogarán en ‘A jrileira’ entoando o tema ‘Escándalo’, de Raphael, e adiviñando intérpretes. Para rematar, en ‘A ITV do amor’ serán Sofía e tres colegas, entre eles o seu mozo, os que intenten despistar un participante de público sobre quen é realmente a súa parella. Tamara, Isi, Damián e Javi Varela, os asesores do amor, poranlle picante á proba.
O 'Eventos G' de hoxe achégase á historia de Toxos e Froles, Coral de Ruada, Cántigas da terra e Cantigas e agarimos
O especial ‘Quen ten unha coral, ten un segredo’ coñece tamén os integrantes destas catro grandes formacións galegas

Santiago, 19.8.2022.- Presentado polo xornalista Arturo Fernández e polo cantante e compositor Roi Casal, Televisión de Galicia ofrece este venres un novo ‘Eventos G’ (21.55 horas). Co lema de ‘Quen ten unha coral, ten un segredo’, o especial desta noite homenaxeará os catro grandes coros históricos de Galicia: Toxos e froles, de Ferrol; Coral de Ruada, de Ourense; Cántigas da terra, da Coruña, e Cantigas e agarimos, de Compostela.
‘Quen ten unha coral, ten un segredo’ vai ser un programa en que os espectadores coñecerán a historia de cada un destes coros, así como anécdotas descoñecidas das súas traxectorias.
Os integrantes destes coros tamén serán protagonistas nesta edición. Apaixonados pola música e a cultura galega, en cada agrupación, entre as súas voces hai un forte compromiso para asistir aos días de ensaio, pasar moitas horas no autobús para os desprazamentos, amais das numerosas viaxes, en que xorden moitas das súas aventuras. Neste senso, no especial desta noite verase tamén a convivencia e os lazos especiais de amizade que xorden entre os seus membros.