CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Novas CRTVG

O programa da RG 'Mar de Ardora', finalista dos Premios de Xornalismo e Sector Pesqueiro Español

14/02/2020

Convocados pola Confederación Española de Pesca (CEPESCA), teñen como obxectivo recoñecer o labor dos medios de comunicación na difusión e mellora do coñecemento da actividade pesqueira

O espazo presentado por Xusto López Carril opta a este galardón por unha serie de tres programas dedicados a visibilizar o papel da muller na pesca e no marisqueo en Galicia

O programa da RG 'Mar de Ardora', finalista dos Premios de Xornalismo e Sector Pesqueiro Español

Santiago, 14.02.2020.-    O programa da Radio Galega 'Mar de Ardora' é un dos finalistas da terceira edición dos Premios de Xornalismo e Sector Pesqueiro Español, convocados pola Confederación Española de Pesca (CEPESCA), que se entregarán o vindeiro martes en Madrid, na sede do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Estes galardóns teñen como obxectivo recoñecer o labor dos medios de comunicación e dos profesionais da información na difusión e mellora do coñecemento da actividade do sector pesqueiro.

Presentado por Xusto López Carril, 'Mar de Ardora', que se emite os sábados de 07:00 a 08:00 h, é un programa centrado no mundo do mar, con bloques de noticias, reportaxes, entrevistas e relatos de historias humanas.

A candidata aos premios de CEPESCA é unha serie de tres programas emitidos arredor do 8 de marzo de 2019 dedicados a visibilizar o papel da muller na pesca e no marisqueo en Galicia e a lembrar a súa potencialidade no mundo do mar.

Para isto, 'Mar de Ardora' ofreceu un mosaico do traballo das mulleres no mar, falando con redeiras, mariscadoras, traballadoras de conserveiras, percebeiras, ouriceiras, peixeiras, directoras de empresas comercializadoras, armadoras, patroas maiores de confrarías, tituladas náutico-pesqueiras, biólogas e mulleres que ocupan cargos na Administración pesqueira. Os seus testemuños foron recollidos en Boiro, Corme, Camariñas, Vigo, Cambados, San Cibrao, Malpica e A Coruña.

ler máis

Convocado o II Concurso de Podcasts - Radio na Biblio, en colaboración coa Radio Galega

13/02/2020

Dirixida a centros públicos de ensino, esta proposta da Consellería de Educación está vinculada á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano a Ricardo Carvalho Calero

Os/as seleccionados/as poderán visitar as instalacións da emisora pública, que, ademais, emitirá os traballos premiados e entrevistará os gañadores na programación especial arredor do 17 de maio

Convocado o II Concurso de Podcasts - Radio na Biblio, en colaboración coa Radio Galega

Santiago, 13.02.2020.-    Tras a boa acollida da primeira edición, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Xunta de Galicia fixo pública este xoves, coincidindo co Día Mundial da Radio, a convocatoria do II Concurso de Podcasts - Radio na Biblio, que conta coa colaboración da Radio Galega e que está destinado aos centros públicos non universitarios integrados no programa Radio na Biblio. Tamén poderán participar outros centros de titularidade da Consellería de Educación que traballan coa radio como ferramenta pedagóxica.

Esta proposta está vinculada á celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano ao filólogo e escritor Ricardo Carvalho Calero, polo que as temáticas dos podcasts, nas catro modalidades previstas (Infantil e 1º e 2º de Primaria, de 3º a 6º de Primaria, Secundaria e Bacharelato), deberán tratar sobre o patrimonio lingüístico galego ou estaren dedicados a estimular a lectura de dous dos xéneros presentes, entre outros, na obra deste autor: a poesía e/ou o teatro.

O obxectivo desta iniciativa é a elaboración de produtos radiofónicos enfocados a salientar a riqueza do patrimonio lingüístico galego, especialmente vinculado ao medio xeográfico, cultural e humano máis próximo ao centro, así como estimular a lectura de poesía e teatro galegos. O prazo para a presentación dos traballos remata o 25 de abril.

O arquivo sonoro, que deberá ser presentado en formato mp3 ou way, pode ser unha entrevista, unha cuña publicitaria, un noticiario, un faladoiro, un debate ou un programa radiofónico, sempre realizados en lingua galega. Os centros educativos poderán concursar enviando un máximo de tres podcasts, cunha duración mínima de tres minutos e máxima de cinco.

Os centros seleccionados nas distintas modalidades recibirán unha asignación extraordinaria de 1.000 € para melloras no laboratorio ou emisora de radio ou para actividades relacionadas co seu funcionamento. Así mesmo, poderán visitar as instalacións da Radio Galega, que, ademais, emitirá os traballos premiados. Á súa vez, serán difundidos a través da páxina web da emisora pública, da canle dixital do ‘Diario Cultural’ e dos medios web da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Ademais, realizaranse entrevistas aos gañadores na programación especial da RG con motivo do Día das Letras Galegas.

ler máis

Kiko Novoa e Marcial Mouzo intercambian, por un día, os seus programas da Radio Galega

12/02/2020

Os presentadores do Galicia por diante e do Pensando en ti  farán fronte, co sentido do humor que os caracteriza, ao cambio de rexistro de cada espazo

Os micrófonos da RG estarán máis abertos que nunca esta xornada á participación dos oíntes, e recollerán as súas dedicatorias ao longo de toda a programación

Kiko Novoa e Marcial Mouzo intercambian, por un día, os seus programas da Radio Galega

Santiago, 12.02.2020.-  A emisora pública galega súmase este xoves á conmemoración do Día Mundial da Radio cunha programación especial. Ao longo da xornada, abriranse os micrófonos á participación dos oíntes, e uniranse moi especialmente a esta festa das ondas os programas Galicia por Diante e Pensando en Ti. O xoves, a Radio Galega terá como grandes protagonistas dous dos presentadores estrela da emisora pública: Kiko Novoa e Marcial Mouzo. Co sentido do humor que os caracteriza, os coñecidos locutores farán fronte ao reto que supón intercambiar, por un día, os seus respectivos programas, o magazine matinal Galicia por diante e o espazo nocturno Pensando en ti, que desenvolverá esta edición especial na madrugada do mércores ao xoves.

Ao longo de toda a grella da programación, a RG tamén estará aberta á colaboración dos seus oíntes e dos seus profesionais e colaboradores, que poderán achegar saúdos con motivo desta data tan especial. Un dos cometidos será contarlle á audiencia o significado nas súas vidas da radio, e, en concreto, da Radio Galega.

A Televisión de Galicia celebrará este día con conexións en directo cos estudios da Radio Galega nos seus diferentes programas. Deste xeito, o espazo A bóla extra estará a edición do xoves presentada por Marcial Mouzo, en emisión simultánea para a TVG e a Radio Galega; en A revista entrevistarase no estudio o responsable de Deportes da RG, Xoán Galán, e un equipo do magazine informativo estará en directo no Galicia por diante para falar con Cristina García e, pola tarde, o programa Fun polo Vento asistirá ao espazo radiofónico A tarde para conversar con Antón Rebollido sobre a efeméride. E moi pendentes tamén de todo canto aconteza na Radio Galega, desde as redes sociais da CRTVG ofreceranse vídeos de promoción sobre a emisora pública.



ler máis

A RG intervén na Coruña nunha xornada divulgativa para enxalzar o sector e homenaxear os profesionais da radio

12/02/2020

Na véspera da celebración do Día Mundial da Radio, o xefe de Informativos da Radio Galega participou nunha mesa redonda sobre boas prácticas nas ondas

A RG intervén na Coruña nunha xornada divulgativa para enxalzar o sector e homenaxear os profesionais da radio

Santiago, 12.02.2020.-  Na véspera do Día Mundial da Radio, a Radio Galega participou hoxe nunha xornada divulgativa, organizada na sede da Afundación da Coruña, para poñer en valor o mundo da comunicación e render unha homenaxe moi especial a todos os profesionais que informan e entreteñen a diario a través das ondas.

No evento deste martes, o xefe de Informativos da emisora pública, Alejandro López Carballeira, interveu nunha mesa redonda baixo o título ‘Os códigos deontolóxicos e as fake news nas ondas’, moderada por Fernando Ramos Fernández e da que formaron parte tamén Ignacio Capeáns (Onda Cero), Marcos Sanluis (Radio Coruña-Cadena Ser), Eva Iglesias (Cope), Loreto Silvoso (Radio Voz) e Rafael Cid (RNE).

No transcurso da xornada, o actor e humorista Oswaldo Digon ofreceu un monólogo sobre o universo plural da radio. A alcaldesa da cidade, Inés Rey, clausurou o acto, en que tamén se brindou polos profesionais deste medio.

ler máis

As producións da Televisión de Galicia acumulan un total de 60 candidaturas para os XVIII Premios Mestre Mateo

10/02/2020

A canle autonómica destaca con 19 finalistas, entre as que figuran as longametraxes Quen a ferro mata, O que arde e Eroski-Paraíso, con 15, 12 e 7 candidaturas respectivamente

O thriller A Estiba conta con 6 destacados, incluído o de mellor serie de televisión

A Galega copa as categorías de mellor película, programa de televisión, realización e comunicador/a de televisión

As producións da Televisión de Galicia acumulan un total de 60 candidaturas para os XVIII Premios Mestre Mateo

Santiago, 10.02.2020.-    A Televisión de Galicia acudirá o vindeiro 7 de marzo á gala dos Premios Mestre Mateo cun total de 60 candidaturas. Na XVIII edición dos galardóns do audiovisual galego, que será emitida en directo pola canle autonómica, a TVG destaca con 19 producións finalistas. Delas, Quen a ferro mata, O que arde e Eroski-Paraíso, tres longametraxes que contan con participación ou colaboración da TVG, acaparan 15, 12 e 7 candidaturas, respectivamente. A serie Hierro, coproducida pola empresa galega Portocabo, é o proxecto con máis propostas para os galardóns, cun total de 16.

A película Longa noite, tamén participada pola TVG, completa o cuarteto de producións finalistas a mellor longametraxe, categoría copada pola canle pública galega, ao igual que ocorre no caso de mellor programa de televisión (ao que son candidatos ‘Cos Pés na Terra’, ‘Land Rober Tunai Show’, ‘Malo Será!’ e ‘Segredos. Desmontando Galicia’), mellor comunicador/a de televisión (coas candidaturas de Lucía Regueiro por ‘Bamboleo’, Marta Doviro por ‘Malo Será!’, Neves Rodríguez por ‘Vin polo Vento’ e Rodrigo Vázquez por ‘Ti Verás’) e mellor realización, en que competirán tamén profesionais de espazos da Televisión de Galicia.

No apartado de mellor serie de televisión, son candidatas tres producións da TVG: ‘Os Mariachi’, ‘Serramoura’ e ‘A Estiba’, esta última cun total de seis propostas. Ademais, a ficción ‘Lobos e Cordeiros’ está proposta a mellor maquillaxe e peiteado e a mellor vestiario.

Nas categorías interpretativas, destacan as candidaturas, en producións da TVG, de Benedicta Sánchez, Cris Iglesias e Patricia de Lorenzo a mellor actriz protagonista; de Amador Arias, Luís Tosar e Miguel de Lira a mellor actor protagonista; de Desiré Pillado, María Vázquez e Paula Cereixo a mellor actriz de reparto e de Enric Auquer, Fran Lareu e Xan Cejudo a mellor actor de reparto.

Ademais, as producións ‘El futuro de la mente’ e ‘O reino suevo de Galicia’, ambas as dúas con participación da Televisión de Galicia, optan a mellor documental.

Os/as gañadores/as daranse a coñecer na gala que se celebrará o vindeiro 7 de marzo no Palacio da Ópera da Coruña, presentada pola actriz Patricia Vázquez, que será a anfitrioa dunha noite en que se fará un repaso do mellor da produción audiovisual galega do último ano e que será emitida en directo pola Televisión de Galicia.

ler máis

'Recámara' descobre a historia do Parlamento galego, a través das lembranzas dos seus protagonistas

08/02/2020

A serie, de sete capítulos, ofrece desde hoxe entrevistas con ex-deputados e ex-deputadas na cámara galega, que mesturan a historia con vivencias e recordos persoais

Dirixido polo xornalista Xesús Fontenla, este espazo semanal percorre os principais fitos das primeiras sete lexislaturas na cámara galega

'Recámara' descobre a historia do Parlamento galego, a través das lembranzas dos seus protagonistas

Santiago, 08.02.2020.-  Televisión de Galicia estrea este serán ‘Recámara’ (20.20 h), serie de sete capítulos, en que a audiencia coñecerá as anécdotas internas do Parlamento contadas polos seus protagonistas. Concibida como parte da conmemoración do 40 aniversario da Constitución española de 1978, estréase agora, cando só falta un ano para que o Parlamento de Galicia faga os seus propios 40 primeiros anos de vida. En cada entrega semanal, de media hora de duración, recóllense lembranzas, anécdotas e o relato das mellores vivencias acontecidas na cámara galega. Un traballo inxente para o que se realizaron 90 entrevistas, en puntos dispares de Galicia, con centos de horas de conversación.

En 2018 fraguouse este proxecto, dirixido e baseado no libro ‘Anecdotario do Parlamento de Galicia’ do xornalista da TVG Jesús Fontenla, que abriu a posibilidade de recuperar para o gran público a historia -e intrahistoria- que o Parlamento do Hórreo acumula xa ás súas costas. Este percorrido polas primeiras sete lexislaturas da cámara galega está apoiado polos fondos históricos do Arquivo da CRTVG.

Coa idea de crear unha crónica, ás veces desenfadada, ‘Recámara’ ofrece entrevistas con ex-deputados e ex-deputadas na cámara galega, en que se mesturan en primeira persoa a historia do propio Parlamento con vivencias e recordos persoais de cada protagonista.

ler máis

Escolares de Verín aprenden sobre lingua e xornalismo co proxecto da CRTVG nas redes sociais #DígochoEu

07/02/2020

O alumnado do IES Xesús Taboada Chivite de Verín (Ourense) participou nunha das gravacións deste espazo dos servizos informativos da canle pública, que se emitirá a semana que vén

Creado o 1 de xaneiro, #DígochoEu propón á audiencia cada día unha peza para promover a aprendizaxe e a corrección do galego, e converteuse no máis visto no Instagram

Escolares de Verín aprenden sobre lingua e xornalismo co proxecto da CRTVG nas redes sociais #DígochoEu

Santiago, 07.02.2020.-    A CRTVG levou hoxe venres o seu proxecto divulgativo nas redes sociais sobre a lingua, #DígochoEu, ao IES Xesús Taboada Chivite de Verín (Ourense), onde o coordinador dixital dos Informativos da CRTVG, Carlos Amado, e a xornalista Esther Estévez participaron en dúas charlas sobre xornalismo e redes sociais dirixidas ao alumnado de 1º ESO e 1º de bacharelato.

ler máis

Mar España: "Igual que aprenden seguridade viaria é importante saber que límites non hai que pasar en Internet"

06/02/2020

A entrevista completa pode verse nesta ligazón

Mar España: "Igual que aprenden seguridade viaria é importante saber que límites non hai que pasar en Internet"

Santiago, 06.02.2020.- Mar España Martí, directora da Axencia Española de Protección de Datos (AEPD), foi entrevistada hoxe no ‘Bos días’ da Televisión de Galicia sobre as medidas e solucións para evitar a difusión de contidos sexuais en Internet e a ferramenta creada para xestionar as solicitudes de retirada de contidos: “Lanzamos unha canle prioritaria e urxente para casos especialmente graves de violencia dixital en Internet. Calquera persoa pode denunciar e nós ordenamos a retirada dos contidos de maneira urxente ás empresas de Internet e, en paralelo, investigamos se pode haber unha infracción”, sinalou España Martí. 

ler máis

'Hai caldo!' chega á Galega para contar, en clave de humor, as novas mais tolas do mundo gastronómico

02/02/2020

Tras a emisión de 'Auga seca' e presentado por Adrián Díaz, contará esta noite na súa estrea con Anxo Trives, Teté Delgado, Farruco e Terbutalina, entre outros convidados

'Hai caldo!' chega á Galega para contar, en clave de humor, as novas mais tolas do mundo gastronómico

Santiago, 02.02.2020.- Apadriñado por Xosé Ramón Gayoso, Adrián Díaz ponse á fronte de ‘Hai caldo!’ (23.20 h), o primeiro late night gastonómico da televisión, para contar en clave de humor as novas mais tolas do mundo gastronómico e para entrevistar a famosos cociñeiros, artistas e xentes curiosas.

Acompañado musicalmente da banda de un só home, Antón Ke; con colaboradores como Charlie, o panadeiro-DJ, ou Olaya Rivas, a trol vexetariana, as risas están aseguradas.

No primeiro programa, Adrián contará como se fraguou esta loucura nun programa piloto ao que acudiu Xosé Ramón Gayoso. Nos vídeos que se emitirán en primicia, verase que Gayoso non rematou de fiarse de Adrián e mandou instalar un teléfono vermello para poder chamar se algún contido de ‘Hai Caldo!’ se pasa da raia.

Entre os convidados de luxo estará o cociñeiro Anxo Trives e, para darlle consellos a Adrián sobre como ser un bo presentador, asistirá a divertida Teté Delgado. Tamén estará o humorista Farruco e o grupo galego Terbutalina, que ademais, pon a música da cabeceira.

E, por suposto non faltarán a colaboración de Olaya Rivas, que obrigará a Adrián a comer saltóns e vermes, como parte da súa campaña para abrir a mente gastronómica dos galegos.

ler máis

Os contidos da TVG chegan a Europa en alta definición desde o 1 de febreiro

31/01/2020

Os usuarios deben resintonizar o receptor de satélite para recibir o sinal
a maior calidade posible

Radio Galega e Radio Galega Música comezan tamén as emisións
polo satélite Astra para Europa
 

Os contidos da TVG chegan a Europa en alta definición desde o 1 de febreiro

Santiago, 31.01.2020.-  Este sábado, 1 de febreiro, comezan as emisións da Televisión de Galicia para Europa en alta definición (HD). Para recibir o sinal da canle pública galega a maior resolución de imaxe e son, os usuarios deben resintonizar o receptor de satélite, sen necesidade de reorientar as antenas.

Tras un mes de funcionamento, a canle pública galega deixará de emitir en marzo na definición estándar (SD) para ofrecer os seus contidos exclusivamente en alta definición.

Pola súa parte, a Radio Galega e Radio Galega Música tamén se escoitarán en Europa desde o 1 de febreiro a través do satélite Astra. Cómpre salientar que, ata o de agora, as emisións da emisora pública galega só chegaban por satélite ao continente americano.

A CRTVG emite o sinal da TVG e G2 en HD desde o pasado 26 de marzo, data en que os traballos realizados na dixitalización da Corporación, na estabilización da plataforma e o acceso ao múltiplex, fixeron posible que a Televisión de Galicia sexa a única televisión con máis dunha canle en España que as emite todas nesta calidade na TDT.

ler máis