CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Novas CRTVG

Balonmán europeo, baloncesto e unha homenaxe a Suso Morlán, no deporte da RG esta fin de semana

17/11/2018

O Lugo – Albacete e os mellores encontros de Segunda B completan a oferta

Balonmán europeo, baloncesto e unha homenaxe a Suso Morlán, no deporte da RG esta fin de semana

Santiago, 17.11.2018.-  Nunha fin de semana sen fútbol de primeira división, o baloncesto o o balonmán feminino serán as principais apostas da Radio Galega esta fin de semana.

O sábado, ás tres da tarde, a Radio Galega pon en marcha as retransmisións das fins de semana. Primeiro chegará o fútbol de Terceira, que adianta tres partidos: Céltiga - Ribadumia, Bergantiños - Ourense CF e Silva - Laracha. Ademais, haberá derbi de baloncesto na LEB Ouro, co Ourense - Basket Coruña no Paco Paz. A cita da Asobal entre o Teucro e o Alcobendas completa a oferta deportiva do día.

Antes, as doce do mediodía, Alfonso Pardo seguirá percorrendo Galicia co “Convivir Deportivo”. Esta semana para en Irixoa para presentar o amplo proxecto deportivo do seu instituto. Logo do ”Galicia en Goles”, ás 23.00 horas, a revista do motor “Gas a fondo” estará no Rally da Ulloa e ás once media, no “Galicia en Toquio”, Toni López García renderá homenaxe a Suso Morlán, que faleceu o domingo pasado no Brasil.

O domingo, ás doce do mediodía, a edición matinal repartirá xogo entre a Segunda B e a ACB. No fútbol hai tres partidos: Celta B - Valladolid B, Fabril - Las Palmas Atlético e Sanse - Pontevedra. No baloncesto a atención estará posta no Murcia - Obradoiro.

Ás tres, o "Galicia en Goles" da tarde estará pendente do Albacete - Lugo no Carlos Belmonte, xunto ao derbi da Segunda B no Vao entre o Coruxo e o Rápido de Bouzas e o sobranceiro da Terceira entre o Racing de Ferrol e o Barco. Ademais haberá baloncesto, co Breogán - Zaragoza no Pazo e balonmán europeo co Guardés - Kuban de Rusia. O equipo da Sangriña está a punto de facer historia e parte coa vantaxe dun gol tras a vitoria da semana pasada en Krasnodar.

A partir das oito e media, xornalistas e adestradores debaterán sobre a xornada no Faladoiro e ás once da noite Pedro Pablo Alonso seguirá co resumo da xornada xogando ao seu estilo no programa ‘Ao Contraataque’.

ler máis

O partido de volta do Atlético Guardés contra o Krasnodar, o máis destacado no deporte da CRTVG

16/11/2018

O derbi entre o COB Ourense e o Leyma Coruña e o mellor da Segunda B completan a oferta

O partido de volta do Atlético Guardés contra o Krasnodar, o máis destacado no deporte da CRTVG

Santiago, 17.11.2018.- O deporte comeza este fin de semana co mellor encontro da xornada de Terceira División, o Bergantiños – Ourense.  Enfróntase dous dos mellores equipos da categoría, o líder e o cuarto clasificado. O partido poderase seguir ás 17.00 horas na tvG2 e na web da CRTVG.

A continuación, derbi  galego de baloncesto de segunda  división, o COB  Ourense enfróntase ao Basket Coruña, a partir das 19.00 horas. Este encontro poderase seguir en directo pola tvG2 e na web.  

Ás 21.00 horas chega un novo programa de Padexando, centrado no mundo do piragüismo.

A xornada dominical estará cargada de emocións. Ás 12.00 horas dá comezo “A Liga das  Cidades”, cos mellores encontros da Segunda B. O Fabril – As Palmas B e o Celta B – Valladolid. Pola tarde, continúa o mellor fútbol na tvG2 e na web. A partir das 16.30 horas, derbi entre o Coruxo e o Rápido de Bouzas, encontro entre dous equipos necesitados de puntos.

E a continuación, chega o prato forte da fin de semana. Na Sangriña disputarase a volta da eliminatoria europea entre o Atlético Guardés e o Krasnodar. As galegas parten cun gol de vantaxe ante o seu rival e buscarán a vitoria que lles permita acceder a fase de grupos da EHF Cup. Este encontro de balonmán feminino poderase seguir na tvG2 e na web da CRTVG ás 18.00 horas. A continuación será a quenda do fútbol sala, co encontro Poio Pescamar – Burela Pescados Rubén.

Todos os goles, resumos e a última hora do deporte galego poderase seguir no “En Xogo”,  a partir das 22.30 horas na tvG2.

ler máis

A CRTVG, recoñecida pola súa colaboración coa campaña do Sorteo de Ouro de Cruz Vermella

16/11/2018
A CRTVG, recoñecida pola súa colaboración coa campaña do Sorteo de Ouro de Cruz Vermella

Santiago, 16.11.2018.-  A Cruz Vermella celebrou en Santiago de Compostela o seu acto anual de recoñecemento a empresas colaboradoras.

No evento, celebrado na Cidade da Cultura, foi recoñecido o apoio da CRTVG na campaña anual do Sorteo de Ouro da Lotería Nacional, un sorteo solidario cuxa recadación vai destinada a financiar proxectos da Cruz Vermella.

Con este acto, en que participaron arredor de 50 empresas, así como voluntarios e usuarios da Cruz Vermella, a entidade recoñece publicamente a colaboración activa das empresas e organizacións que a apoian nas súas accións de formación, fomento de emprego, loita contra a exclusión e captación de fondos.

A CRTVG cédelle desde hai seis anos un espazo á Cruz Vermella durante a súa campaña do Sorteo de Ouro, para que poida instalar un punto de venda de lotería na entrada da sede de San Marcos durante varios días. Ao acto acudiu Marta Fernández, xefa de servizo de Responsabilidade Social Corporativa da Corporación, quen recolleu a distinción.

ler máis

'Lume na Palleira' recolle o IX Premio Xabier Prado Lameiro, concedido pola Coral de Ruada

15/11/2018

O presentador e director do programa da Radio Galega, Emilio Españadero, recibiu o galardón onte nun evento celebrado no Teatro Principal de Ourense 

O xurado distinguiuno por “vincular todas as formacións de música tradicional e popular” e pola súa “acollida ás múltiples iniciativas culturais que se desenvolven en Galicia no eido da cultura tradicional”

'Lume na Palleira' recolle o IX Premio Xabier Prado Lameiro, concedido pola Coral de Ruada

Santiago, 15.11.2018.-    O programa da Radio Galega 'Lume na Palleira', dirixido e presentado por Emilio Españadero, recibiu onte o IX Premio Xabier Prado Lameiro, organizado pola Coral de Ruada, insigne formación vocal que é xa un símbolo da cidade de Ourense. O evento, celebrado no Teatro Principal de Ourense, incluíu a representación da obra 'N'a corredoira', de Prado Lameiro, así como actuacións musicais da coral.

ler máis

Investigadores da UVigo lideran un proxecto que creará, co apoio de Forta, un modelo para os debates electorais televisados

14/11/2018

Un equipo interdisciplinar participa nunha iniciativa, financiada polo Ministerio de Ciencia, que pretende ser un marco de referencia para os actores implicados e que conta tamén co apoio da Academia da Televisión e de Uteca

“DEBATEv” foi presentado na Complutense de Madrid coa presenza do realizador Fernando Navarrete, do director xeral de Uteca, Andrés Armas, e do director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias

Investigadores da UVigo lideran un proxecto que creará, co apoio de Forta, un modelo para os debates electorais televisados

Santiago, 14.11.2018.-    Lideradas pola Universidade de Vigo, varias universidades elaborarán un modelo de referencia para os debates electorais televisados en España. O proxecto está financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e conta co apoio da Academia da Televisión, da Federación de Organismos de Radio e Televisións Autonómicas (Forta), da que forma parte a CRTVG, e da Unión de Televisións Comerciais en Aberto (Uteca).

O obxectivo do proxecto de investigación “Debates Electorales Televisados en España: modelos, proceso, diagnóstico y propuesta (DEBATv)” é definir unha proposta de modelo pluralista que aborde o antes, o durante e o despois dun debate electoral televisado e que sirva como marco de referencia para os distintos actores e institucións implicados na súa organización e difusión, ante a ausencia en España dunha guía destas características.

Participa neste proxecto, coordinado polos profesores José Rúas e Ana Belén Fernández, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, un equipo interdisciplinar de 20 investigadores e investigadoras, especialistas en ámbitos coma a comunicación política, o protocolo, as relacións públicas, a comunicación audiovisual, a psicoloxía e a psiquiatría.

“DEBATv” foi presentado onte na Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid, nun acto en que Rúas puxo en valor a importancia da televisión como servizo público e incidiu en que os debates electorais “son imprescindibles para mellorar a calidade e transparencia da democracia”. Foi o punto de partida dun proxecto que contempla tamén a celebración dun congreso internacional en Pontevedra os días 30 de setembro e 1 de outubro de 2019.

Na presentación participou, en representación de Forta, o director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias, quen puxo de relevo o papel clave das televisións autonómicas “na batalla pola credibilidade e a loita contra a información falsa” en alusión ao recente acordo do Parlamento Europeo con CIRCOM para a cobertura dos vindeiros comicios de maio.

Rúas tamén estivo acompañado polo vicepresidente da Academia da Televisión e codirector dos debates organizados pola devandita entidade en 2008, 2011, 2015 e 2016, Fernando Navarrete, quen manifestou o compromiso da Academia cos debates e a transparencia, así como polo director xeral de Uteca, Andrés Armas, quen sostivo que o concepto clásico de debate electoral está “amplamente superado” e puxo o acento na importancia de ter en conta outros formatos.

Durante o acto explicouse tamén que o manual contemplará o diagnóstico de todo o proceso, desde a negociación previa dos debates e as súas condicións cos responsables das canles implicadas e os encargados das distintas formacións políticas designados para tal fin, ata a súa repercusión en termos de recepción, audiencia e posibles efectos sobre a mesma, pasando pola realización, posta en escena, formato e contidos.

ler máis

A CRTVG busca unha nova melodía para o Nadal galego

12/11/2018

As persoas interesadas en participar na cuarta edición do concurso “Este Nadal Canta con Nós” teñen de prazo desde hoxe ata o próximo 10 de decembro

Os temas, en galego e de temática libre, enviaranse en formato mp3 ou mp4 ao enderezo canciondonadal2018@crtvg.es

A CRTVG busca unha nova melodía para o Nadal galego

Santiago, 12.11.2018.-  A CRTVG abre desde hoxe unha nova convocatoria para poñerlle unha nova melodía ao Nadal galego. O ente público galego dispón desde hoxe un prazo de presentación de cancións que estará aberto ata o próximo 10 de decembro.

A cuarta edición do certame “Este Nadal Canta con Nós” ponse hoxe en marcha coa idea de atopar a mellor banda sonora para acompañar aos galegos este Nadal e, para iso, as cancións deben de ser inéditas e orixinais, ademais de estar escritas en lingua galega.

O premio conta cunha dotación económica de 1.000 euros e, para dilucidar o gañador, o xurado valorará a orixinalidade, a calidade técnica e o acompañamento dun vídeo musical. Ademais do premio, a canción gañadora terá difusión na televisión e na radio públicas, así como nas redes sociais.

Cada concursante presentará un só tema, cunha duración non superior aos 4 minutos e poderá enviar un vídeo musical do mesmo. Os participantes enviarán as súas cancións, de temática libre, en formato mp3 ou mp4, en caso de presentar un vídeo musical, ao enderezo canciondonadal2018@crtvg.es.

O gañador cederalle á CRTVG o dereito de reprodución e de comunicación pública da súa canción. Pola súa parte, o xurado estará composto por 6 persoas designadas pola dirección da Corporación Radio e Televisión de Galicia. Farase público o vencedor o 13 de decembro na web www.crtvg.gal, onde tamén se poden consultar as bases.

Esta é a cuarta edición do concurso musical, que anteriormente gañaron os nenos do CEIP San Clemente de Caldas de Reis, coa súa proposta “Cando é Nadal”; Iván Vale, coa canción “O meu Nadal perfecto”, e Plan Siberia, con “Xunto a ti”.

ler máis

#CorazónDeInvestigadora, a nova campaña da CRTVG para inspirar as nenas nas vocacións de ciencias

09/11/2018

Con esta iniciativa, que arranca hoxe arredor da Semana Internacional da Ciencia e a Paz da ONU, os medios públicos galegos propoñen novos referentes no eido STEAM para as mozas e nenas galegas

Baixo o cancelo #CorazónDeInvestigadora, a campaña conta cun anuncio e unha web dedicada a poñer en valor o traballo das investigadoras galegas no seu papel de inspiradoras para as novas xeracións, á vez que a reivindicación da igualdade

 

#CorazónDeInvestigadora, a nova campaña da CRTVG para inspirar as nenas nas vocacións de ciencias

Santiago, 09.11.2018.-    A CRTVG pon o foco arredor da Semana Internacional da Ciencia e a Paz da ONU para desenvolver a súa cuarta campaña anual de Responsabilidade Social Corporativa, #CorazónDeInvestigadora. A campaña, que durará desde hoxe venres 9 ata o venres 16, desenvolveuse en colaboración coa Universidade de Santiago, a Universidade de Vigo e a Universidade da Coruña e quere contribuír a espertar vocacións científicas entre as mozas e nenas galegas, visibilizando os perfís de doce mulleres dos eidos  tecnolóxicos e científicos galegos, coñecidos internacionalmente como STEAM (Science, Technology, Engineering, Arts and Maths).
    
A acción de comunicación está concibida como 360º e implica todos os medios da Corporación. Contará cun anuncio principal para televisión onde 12 investigadoras galegas son as protagonistas. Nas redes esas investigadoras contarán a súa historia a través de pequenos vídeos que rematan lanzándolle un reto inspirador ás nenas: “E ti, que queres ser?” Trátase de buscar o maior impacto posible a través da imaxe de galegas que poidan servir de inspiración ás novas xeracións grazas ao seu traballo. Todas estas accións irán acompañadas por entrevistas na TVG e na Radio Galega na semana que dura a campaña.
    
A ciencia e a igualdade de xénero son vitais para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), incluídos na Axenda 2030 da ONU e as campañas de RSC da CRTVG enmárcanse dentro dos ODS neste caso no 4 e 5, Educación de Calidade e Igualdade de Xénero.
 
Nos últimos 15 anos, a comunidade internacional fixo un grande esforzo inspirando e promovendo a participación das mulleres e as nenas na ciencia. Desafortunadamente, elas seguen enfrontándose a barreiras que lles impiden participar plenamente nestas disciplinas. De acordo cun estudo realizado en 14 países pola ONU, a probabilidade de que as estudantes rematen un grao, mestría ou doutorado nalgunha materia relacionada coa ciencia é do 18%, 8% e 2%, respectivamente, mentres que a probabilidade para os mozos é do 37%, 18% e 6%.
    
A campaña #CorazónDeInvestigadora pon o ollo nos prexuízos e barreiras que teñen que superar moitas mulleres que se queren dedicar aos eidos tecnolóxicos e científicos. Amósanse exemplos de investigadoras e científicas reais galegas, que ademais se poden coñecer polo miúdo na web www.crtvg.es/RSC/ciencia, en que tamén se achega información de interese e ligazóns a webs institucionais. Ademais, durante toda a semana, os medios da CRTVG incluirán informacións e entrevistas arredor deste tema.

A Corporación de Radio e Televisión de Galicia, no exercicio da seu servizo público de comunicación, planifica anualmente as súas accións de comunicación corporativa e responsabilidade social arredor dun territorio de comunicación, a “Dixitalización de Galicia”. E a base das accións da súa estratexia de RSC son os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da ONU, entre eles o da Educación. A CRTVG, que é socia do Pacto Mundial das Nacións Unidas desde 2011, propúxose en 2018 dar un paso máis e visibilizar os ODS, difundíndoos en Galicia e contribuíndo a eles a través de accións como a xeración de contidos e a difusión de proxectos que contribúan á solución de retos sociais.

ler máis

O 'Diario Cultural' lanza a súa propia canle dixital para ser o altofalante de todas as artes galegas

08/11/2018

O espazo da Radio Galega completa a súa innovadora estratexia analóxica cunha ambiciosa posta en escena en Internet, co podcast e as voces expertas como piares

Esta nova marca, que forma parte do proxecto #Cultura 365, contará cunha canle de Youtube onde se colgarán as 'Caras B' dos programas e as conversas cos protagonistas que non poidan escoitarse durante a emisión na RG

O 'Diario Cultural' lanza a súa propia canle dixital para ser o altofalante de todas as artes galegas

Santiago, 08.11.2018.-    A Radio Galega lanza diariocultural.gal, a canle dixital do 'Diario Cultural', co obxectivo de ser o referente de todas as manifestacións culturais de Galicia a partir dos contidos que produce o programa para a súa emisión analóxica e a produción de contidos diferenciados destinados especificamente para o dixital.

O novo 'Diario Cultural' e a súa canle dixital forman parte da estratexia da CRTVG en materia de cultura, que se enmarca no proxecto #Cultura365: un modelo baseado na programación cultural especializada os 365 días, logo de ampliar a emisión do programa 'Zigzag' da TVG e o 'Diario Cultural' na Radio Galega tamén ás fin de semana. Un 'Zigzag' que a fin de semana pasada xa foi líder de audiencia pola primeira canle na súa faixa horaria, tanto o sábado coma o domingo.

O cambio de formato que asumiu o 'Diario Cultural' na Radio Galega co arranque da temporada 18-19 compleméntase agora coa estratexia dixital. Cun deseño concibido en orixe para dispositivos móbiles, diariocultural.gal ofrece os podcast de todas as edicións dun programa que desde o pasado mes de setembro dobrou a súa duración coa posta en marcha de catro edicións de luns a venres, ás 10.30, 14.45, 17.30 e 20.50 h. Así mesmo, corrixiu a carencia de programación de cultura especializada na fin de semana con tres edicións, os sábados ás 09.30 h. e os domingos ás 09.30 e ás 14.15 h. Estes podcast poderán descargarse tamén en iTunes e Ivoox.

O novo proxecto apóiase de xeito significativo en figuras destacadas do espectro cultural galego que colaboran cada día no programa, como voces expertas, co seu coñecemento especializado. Trátase de Emilio Españadero, Rosario Sarmiento, Armando Requeixo, Rut Balbís, Alba Cid, Luís Miguel Crespo, Roberto Pascual, Miguel Anxo Prado, Carlos Portela, Begoña Vázquez, Tito Lesende, Montse Pena Presas, Beli Martínez e Carlos Ares. Todas as súas colaboracións semanais estarán a partir de agora recollidas en diariocultural.gal, co obxecto de garantir a súa recuperación en calquera momento á audiencia da CRTVG.

O vídeo será outro dos elementos diferenciadores desta canle dixital, que prevé converterse en referencia en Galicia nun breve espazo de tempo pola cantidade e calidade dos seus contidos. Para isto, conta cunha canle de YouTube onde se colgarán as “Caras B” dos programas e as conversas cos protagonistas que non poidan escoitarse na emisión en analóxico. Deste xeito, a Radio Galega camiña, a través do 'Diario Cultural', cara á creación de contidos específicos para o dixital.

Na procura da cultura-coñecemento, o 'Diario Cultural' busca o debate en profundidade arredor da cultura nas súas distintas manifestacións cunha mostra da produción e o debate que se produce en Galicia, e con diariocultural.gal como nexo e espazo de reflexión. Para isto, ademais do podcast, ofrecerase toda a produción especializada en cultura da Radio Galega a partir de noticias, reportaxes, entrevistas e crónicas, axustándose con esta canle dixital aos novos modelos de consumo de radio que demandan as audiencias.

ler máis

A Radio Galega estrea a súa nova web, que aposta polos contidos propios e o podcast

05/11/2018

Ponse en marcha unha páxina máis intuitiva e directa, onde os usuarios poden acceder de xeito sinxelo a emisións de valor engadido, como entrevistas e reportaxes en profundidade

A emisora reafirma a súa misión de servizo público cunha proposta que combina a forza do directo coa selección do máis destacado da programación e que ten como obxectivo xerar opinión arredor dos temas que lles interesan aos galegos

A Radio Galega estrea a súa nova web, que aposta polos contidos propios e o podcast

Santiago, 05.11.2018.-    Os medios públicos galegos lanzan este luns un redeseño da imaxe dixital da Radio Galega para potenciar os contidos de produción propia co obxectivo de xerar opinión arredor dos temas que lle interesan á sociedade galega. A emisora  reafirma a súa misión de servizo público cunha proposta que combina a forza do directo coa selección dos contidos máis destacados da súa programación.

Para isto, ponse en marcha unha páxina web más intuitiva e directa, onde os usuarios poden atopar un menú con tres botóns a través dos cales acceder de xeito sinxelo a todos os contidos de valor engadido da súa emisora de referencia. Deste xeito, a audiencia da Radio Galega poderá picar directamente nos catro directos cos que conta a canle pública na actualidade, acceder a cada programa de xeito independente ou navegar a través dos podcast.

Na portada da nova web están dispoñibles os contidos máis salientables dos informativos e dos programas. Intégranse no proxecto grandes sinaturas coma o xornalista Fernando Ónega, o investigador Ángel Carracedo, a profesora Milagros Castro, o catedrático Jorge Mira e o divulgador Marcus Fernández.

O directo segue sendo a referencia da radio pública, con accesos directos na parte superior da web á emisión da Radio Galega, de Radio Galega Música, Son Galicia Radio e a canle de música infantil en galego Radio Picariña.

O segundo vértice da nova páxina web son os contidos de produción propia cos que a Radio Galega xera debate político e social no ámbito xeográfico de Galicia, é dicir, as entrevistas propias e as reportaxes en profundidade que lle outorgan valor engadido á emisión e ao propio espazo web da radio pública.

O podcast eríxese en eixo do consumo radiofónico na Internet e a Radio Galega impulsarao a través do seu novo deseño web. Por unha parte, potenciará os seus programas especializados para o seu consumo vía podcast para chegar ás comunidades nicho ás que se dirixen especificamente eses contidos e, pola outra, ofrecerá todas as horas de emisión de cada un dos programas para facilitar a recuperación de contidos.

Canle dixital do "Diario Cultural"

ler máis

A CRTVG presenta uns orzamentos expansivos e orientados á innovación por un importe de 109,2 millóns de euros

05/11/2018

O director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, explicou no Parlamento que as contas amosan “un renovado compromiso cara a contribuír á modernización tecnolóxica da actividade produtiva”, en alusión á nova contorna dixital da Corporación

O proxecto económico inclúe unha achega da comunidade autónoma de 100,1 millóns, o 91,7% dos recursos totais

 

A CRTVG presenta uns orzamentos expansivos e orientados á innovación por un importe de 109,2 millóns de euros

Santiago, 05.11.2018.-      Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, presentou hoxe no Parlamento de Galicia os orzamentos da Corporación para 2019, por un importe total de 109,2 millóns de euros, 2,3 millóns máis ca en 2018. Son uns orzamentos que cualificou de expansivos e cunha importante orientación á innovación e aos novos soportes.

Na súa comparecencia na Comisión de Orzamentos, Izquierdo salientou que o proxecto económico para 2019 amosa “un renovado compromiso cara a contribuír á modernización tecnolóxica da actividade produtiva”. Tamén, destacou que as achegas da comunidade autónoma se sitúan para o ano vindeiro en 100,1 millóns de euros, o 91,7% dos recursos totais, e os ingresos publicitarios en 8,1 millóns (7,4%).

Entre outras partidas, Sánchez Izquierdo indicou que as compras de produción propia externa crecen ata os 25,6 millóns de euros, mentres que as compras de produción allea se situarán nos 2,1 millóns, os dereitos de retransmisións deportivas soben ata 1 millón de euros, e as dobraxes e subtitulacións sitúanse en 1,35 millóns, importes moi similares aos de 2018.

O apartado de gastos de persoal supón 51,7 millóns de euros, “cun incremento de 1,6 millóns respecto do ano 2018, aínda que en liñas xerais, o gasto en recursos humanos mantén unha tendencia de contención, iniciada no exercicio 2012 nunha contorna de contención salarial, de optimización dos recursos dispoñibles e mesmo de diminución das provisións laborais en comparación con exercicios anteriores, motivado polo efecto da redución significativa da problemática laboral unha vez executada e financiada a actuación de saneamento levada a cabo nesta área”. Sánchez Izquierdo salientou a contribución do cadro de persoal da Corporación ao asentamento do proceso de dixitalización e recoñeceu expresamente “a dilatada experiencia e probada capacidade, mesmo no seu compromiso histórico co proxecto que a CRTVG encarna” dos e das profesionais dos medios públicos, dos que dixo que “constitúen o activo máis valioso da Corporación” .

Para 2019 estímase que o nivel de contratacións co sector audiovisual galego acade un importe aproximado de 34,8 millóns de euros, o 31,8% do orzamento de explotación da Corporación, e “facendo a comparación coa achega patrimonial de explotación para 2019, 99,9 millóns de euros, a actividade comercial co sector audiovisual galego absorbe o 34,8% de dita achega patrimonial”, remarcou. Respecto desa relación comercial, o director xeral destacou “as dotacións para o cine, series de ficción, documentais e entretemento, con 25,6 millóns de euros, ou as das coproducións audiovisuais (apoio o cine), con 0,9 millóns de euros”.

Izquierdo insistiu en que o orzamento pon de manifesto un feito recorrente: “o significativo efecto de aplicación no tecido produtivo galego, xa que máis do 90% do orzamento da Corporación reverte directamente nos traballadores e na industria audiovisual galega”. Por último, salientou que o proxecto de orzamentos se centra nunha provisión eficiente do servizo público de comunicación audiovisual de Galicia e que garante o cumprimento por parte da CRTVG da súa misión de ofrecer unha programación competitiva e de calidade baixo criterios de visión estratéxica e integral da provisión.

ler máis