CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Deportes

O Campionato do Mundo de Motocrós, balonmán, traiñeiras e fútbol, na oferta deportiva da CRTVG esta fin de semana

17/09/2021

Os medios públicos galegos ofrecerán o domingo as respectivas citas do Pontevedra e o Compostela, correspondentes á Segunda RFEF de fútbol

O Guardés e O Porriño competirán na División de Honra de balonmán feminino, e as embarcacións de traiñeiras disputarán tamén as Bandeiras de Bermeo e Portugalete

O Campionato do Mundo de Motocrós, balonmán, traiñeiras e fútbol, na oferta deportiva da CRTVG esta fin de semana

Santiago, 17.09.2021.- Esta fin de semana é decisiva para as traiñeiras da Eusko Label Liga e da Euskotren. A xornada do sábado comezará na G2 e na web da CRTVG ás 17.35 horas coa disputa da Bandeira de Bermeo e da primeira xornada de playoffs da competición feminina, onde a embarcación galega de Cabo pelexará pola última praza para a seguinte temporada. A continuación, ás 18.05 h, será a quenda do playoff dos remeiros, onde Club do Mar Bueu e SD Tirán competirán tamén na busca dos dous postos na máxima categoría. O domingo ofrecerase a Bandeira de Portugalete e o 2º playoff para as embarcacións femininas (11.15 h) e masculinas (11.45 h).

Este sábado poderase gozar cun novo derbi galego de altura que trae esta temporada a División de Honra do balonmán feminino. Ás 19.55 horas, a G2 e a web da CRTVG ofrecerán, en directo, a cita entre as xogadoras do Mecalia Atlético Guardés, que reciben na casa o outro equipo galego feminino na elite do balonmán, o Conservas Orbe Rubensa BM Porriño. Ambos conxuntos estreáronse a semana pasada na Liga con respectivas vitorias.

O domingo, ás 16.00 horas, a atención das cámaras da CRTVG dirixirase cara a Sardeña, onde terá lugar a décima proba do Campionato do Mundo de Motocrós. O piloto Jorge Prado, quen baixou posicións na xeral tras sufrir unha forte caída no anterior circuíto de Turquía, intentará remontar postos na illa italiana, un terreo ben coñecido para o galego.

E o fútbol será tamén protagonista das transmisións deportivas dos medios públicos galegos este domingo. Correspondentes á terceira xornada da Segunda RFEF, achegarase o S. D. Compostela–C. D. Móstoles (17.00 h) e o Pontevedra C. F.-C. D. Leganés B (web ás 17.00 h e pola G2 ás 19.00 h).

ler máis

O Rally de Ferrol e a liga de traiñeiras en augas biscaíñas, esta fin de semana nos medios públicos

20/08/2021

Dobre xornada da Liga ACT, coas bandeiras de Ondarroa e Hondarribia
 

O Rally de Ferrol e a liga de traiñeiras en augas biscaíñas, esta fin de semana nos medios públicos

Santiago, 20.08.2021.-  O motor é protagonista na primeira transmisión deportiva dos medios públicos galegos esta fin de semana. O sábado, a G2 e a web da CRTVG ofrecerán en directo, ás 10.50 e ás 15.25 horas, dúas pasadas do treito das Somozas da 52 edición do Rally de Ferrol, sexta proba do Supercampionato de España, que pon a proba pilotos e mecánicas cun trazado difícil.

Tamén o sábado continúa a Eusko Label Liga de traiñeiras na CRTVG, a partir das 18.05 horas, coa XXXVII Ondarroako Bandeira-Cikautxo, que se disputa na localidade biscaíña de Ondarroa. Esta fin de semana desenvolverase de novo unha dobre xornada da Liga ACT, coa competición o domingo, ás 12.05 h, da Hondarribiko XXXIV Bandeira-Mapfre; dúas citas clásicas no calendario da Eusko Label Liga.

ler máis

Volve á G2 o mellor fútbol galego co 'En xogo', nunha fin de semana en que tamén se disputa a Bandeira de Zarautz

13/08/2021

O sábado ofrecerase, amais, o partido de semifinais Dublín-Mayo do campionato de fútbol gaélico All-Ireland

Volve á G2 o mellor fútbol galego co 'En xogo', nunha fin de semana en que tamén se disputa a Bandeira de Zarautz

Santiago, 13.08.2021.- O ‘En xogo’ regresa esta fin de semana á grella da G2, na que será a súa 36 temporada na Galega. O espazo, que ofrece o mellor do fútbol galego cada sábado e domingo, a partir das 23.00 horas, recupera o seu oco destacado na canle pública coincidindo co comezo das Ligas de 1ª e 2ª División.

A competición de traiñeiras da Liga ACT volverá ser protagonista das transmisións deportivas o sábado (17.35 h) e o domingo (11.25 h) na G2 e na web da CRTVG. Nesta ocasión, os afeccionados ao remo poderán ver en directo desde augas do Cantábrico o transcurso das dúas xornadas da Bandeira de Zarautz, tanto da Liga Euskotren como da Eusko Label.

Os medios públicos tamén ofrecerán o partido de semifinais que disputará Dublín-Mayo o sábado, ás 20.00 h, no All-Ireland Football Championship, o campionato de fútbol gaélico máis importante de Irlanda, en que participan as seleccións de cada un dos 32 condados.

ler máis

Chile-Uruguai, en directo, hoxe na G2

21/06/2021

A segunda canle ofrece esta noite, a partir das 23.00 horas, un novo encontro correspondente á fase de Grupos da Copa América

Chile-Uruguai, en directo, hoxe na G2

Santiago, 21.06.2021.-  Este luns continúa o deporte na G2, coa emisión en directo, a partir das 23.00 horas, dun novo encontro correspondente á fase de Grupos da Copa América, o que xogarán as seleccións de Chile e Uruguai desde o estadio Arena Pantanal.

ler máis

O Río Breogán xoga o ascenso á ACB, en directo, nos medios públicos galegos

18/06/2021

A G2 e a web da CRTVG ofrecen tamén o domingo o desenlace dos cuartos de final da Copa de Campións xuvenil entre As Palmas e o Deportivo e a final do playoff de 3ª División polo ascenso co Arousa-Somozas
 
Os partidos decisivos da Copa da Raíña de Rugby feminino poderanse seguir, en vivo, pola web e en diferido pola G2

O luns, en directo na G2, un novo encontro da Copa América: Uruguai-Chile

O Río Breogán xoga o ascenso á ACB, en directo, nos medios públicos galegos

Santiago, 18.06.2021.-  Domingo multidisciplinar e emocionante nos medios públicos galegos, que acompañarán en directo os deportistas da nosa terra nas súas citas decisivas. A segunda canle da Galega e a web da CRTVG porán en marcha os marcadores, ás 12:00 horas, co desenlace dos cuartos de final da Copa de Campións na División de Honra xuvenil, entre a U. D. As Palmas e o R. C. Deportivo. O conxunto de Óscar Gilsanz intentará rematar unha temporada espectacular tras acadar o título da División de Honra. Nesta cita de volta, parte con vantaxe tras gañar na ida en Abegondo por 2-1. As Palmas buscará a remontada facendo valer a súa condición de local.

No tempo de ‘A liga das cidades’, ás 17:00 horas, poderase ver en directo a final do playoff da Terceira galega polo ascenso, que disputará o Arousa S. C. fronte á U. D. Somozas.

Continuando cos encontros de playoff, o baloncesto tomará a remuda nos medios públicos, a partir das 19:00 h, para ofrecer o terceiro e último partido polo ascenso á Liga ACB, que xogarán Coviran Granada-Río Breogán.

Os afeccionados ao rugby están tamén de parabéns este domingo, xa que os medios públicos galegos achegarán os partidos das fases semifinais e final da Copa da Raíña de rugby VII feminino, en que participa o Crat da Coruña entre unha ducia dos mellores equipos do rugby nacional a sete, desde o estadio coruñés de Elviña. Estes encontros poderanse seguir en directo ao longo de toda a xornada pola web da CRTVG e en diferido pola G2 (ás 14:00 h, semifinais;  ás 16:30 h, partido polo 3º e 4º posto, e ás 21:15 h, final).

ler máis

A Copa América volve esta madrugada á TVG, en directo, coa cita da Arxentina fronte ao Uruguai

18/06/2021

Ás 01:50 horas, na madrugada do venres ao sábado, a canle pública galega transmitirá este novo encontro desde o estadio Mané Garrincha de Brasilia

A Copa América volve esta madrugada á TVG, en directo, coa cita da Arxentina fronte ao Uruguai

Santiago, 18.06.2021.- Nova cita da Copa América na Televisión de Galicia, que ofrecerá esta noite o debut no torneo do Uruguai ante A Arxentina. Ás 1:50 horas, na madrugada do venres ao sábado, a canle pública galega transmitirá en directo este novo encontro que se disputa no estadio Mané Garrincha de Brasilia.

Tras o empate coa selección chilena, A Arxentina, dirixida por Lionel Scaloni, o exdeportivista, afronta hoxe este segundo partido correspondente ao Grupo A, onde tamén compiten Bolivia, Chile e O Paraguai. A selección uruguaia, pola súa banda, sempre ten algo que dicir na Copa América, onde o conxunto celeste é que o ostenta máis vitorias a nivel continental, con 15 campionatos, superando A Arxentina (14) e O Brasil (9). Un partido en que os espectadores poderán ver fronte a fronte a algúns dos mellores xogadores do mundo, como Leo Messi, Di María, Agüero, Luis Suárez, Federico Valverde, Rodrigo Bentancur e Edinson Cavani.

Nesta 47 edición da Copa América, principal torneo futbolístico entre as seleccións dos países de América do Sur, participan dez seleccións –A Arxentina, Bolivia, O Uruguai, Chile, Paraguai, O Brasil, Colombia, Venezuela, O Ecuador e O Perú-, logo das baixas de Australia e Qatar. A final do torneo xogarase no mítico Maracaná do Río de Xaneiro.

ler máis

Trepidante fin de semana nos medios públicos, en directo no Rally da Auga e no playoff polo ascenso do Breogán

04/06/2021

O domingo achegarase o Arzúa-Ribadumia, na Terceira Galega de fútbol

A través da web da CRTVG, poderase seguir tamén o GP Internacional de marcha Cantóns da Coruña e o Leyma-Granada de baloncesto, entre outras transmisións

Trepidante fin de semana nos medios públicos, en directo no Rally da Auga e no playoff polo ascenso do Breogán

Santiago, 03.06.2021.-   As transmisións deportivas dos medios públicos galegos comezan este sábado polos camiños da bisbarra de Arzúa, co Rally Terra da Auga-Camiño de Santiago, ás 16:30 e 19:10 horas. Incluída no Campionato de España de Rallys de Terra e no Supercampionato de España, é unha proba emerxente, con máis de cen inscritos no único rally de terra que se desenvolve en Galicia.

Continúa a emoción dos playoff de baloncesto na G2 e na web da CRTVG. O Breogán a unha vitoria da final polo ascenso á ACB, enfróntase de novo, ás 20:10 horas, no segundo partido das semifinais ao Alacante, tras gañar a primeira cita na casa con espectáculo e paixón.

Na xornada do domingo volve o fútbol ser protagonista en ‘A Liga das Cidades’, co partido de Terceira División que enfrontará o Arzúa co Ribadumia, ás 18:00 horas.

Estas transmisións deportivas amplíanse a través da web da CRTVG, onde se poderá seguir en directo o sábado, ás 17:00 horas, a 34 edición do GP Internacional de marcha Cantóns da Coruña e, ás 18:30 horas, o playoff de baloncesto que xogarán Leyma-Granada polo ascenso á ACB. O domingo, ofrecerase ás 18:00 horas fútbol co Paiosaco e o U. D. Ourense como protagonistas.

ler máis

Baloncesto, fútbol e fútbol sala, na oferta dos medios públicos galegos esta fin de semana

28/05/2021

O espazo ‘Trata de arrancalo’ céntrase este sábado no comezo do Campionato Galego de Rallys

Baloncesto, fútbol e fútbol sala, na oferta dos medios públicos galegos esta fin de semana

Santiago, 28.05.2021.-  Arranca o Campionato Galego de Rallys tamén nos medios públicos galegos, onde este sábado o espazo ‘Trata de arrancalo’ (16.30 h) da G2 estará cos protagonistas, os pilotos, e repasará as principais citas, empezando polo Rally da Coruña, a primeira das nove probas previstas este ano na competición.

Do motor, a G2 e a web da CRTVG darán un salto de especialidade para ofrecer, ás 18.25 horas, o terceiro partido da eliminatoria de cuartos de final do playoff polo ascenso á ACB de baloncesto, entre o Río Breogán e o Palmer Alma Mediterránea. O conxunto lucense, que comezou esta fase de playoff cun triunfo na casa, perdeu en Palma na prórroga e deberá resolver a eliminatoria neste encontro para poder acceder a semifinais.

O sábado tamén se poderá seguir a través a web da CRTVG, ás 18.30 horas, o partido de fútbol sala feminino na Primeira División, que enfrontará na casa as xogadoras do Poio Pescamar coas do Alcorcón, na recta final da temporada e coa mirada posta nos playoff.

Na xornada do domingo, ás 18.00 horas, poderase ver en directo pola G2 e a web  da CRTVG o partido decisivo entre o Alondras C. F. e o C. D. Estradense na Terceira División de fútbol.

ler máis

Citas decisivas de balonmán, baloncesto e fútbol, nunha fin de semana trepidante nos medios públicos galegos

21/05/2021

O Frigoríficos do Morrazo e o Río Breogán precisan respectivas vitorias pola permanencia e para o ascenso de categoría

A G2 e a web da CRTVG estarán moi pendentes da posible final do Atlético Guardés na XLII Copa da Raíña de balonmán

Citas decisivas de balonmán, baloncesto e fútbol, nunha fin de semana trepidante nos medios públicos galegos

Santiago, 22.05.2021.- Fin de semana deportiva trepidante e decisiva para os conxuntos galegos nos medios públicos. A G2 e a web da CRTVG comezan este sábado, ás 16.25 horas, coa transmisión do enfrontamento crucial na Liga Asobal de balonmán do Cangas Frigoríficos do Morrazo co Guadalaxara. O Frigoríficos, nunha situación complexa en zona de descenso, precisa gañar esta final na súa loita pola permanencia.

Ás 18.25 horas, cita clave na LEB Ouro para o Leche Río Breogán co arranque das eliminatorias de ascenso á ACB ante o Palma. O Breogán, campión da Copa Príncipe de baloncesto e segundo na fase regular, é un dos favoritos.

Na xornada do domingo, o fútbol é protagonista na G2 e na web da CRTVG, co partido de Segunda B, ás 12.00 horas, entre o Pontevedra C. F. e o Oviedo B. O Pontevedra, que perdeu co Sporting B (1-2), afronta este encontro cun futuro complicado. A maiores, pola web, poderase ver de xeito íntegro o Coruxo F. C.-Covadonga. O Coruxo, coa vitoria do último partido no minuto 91, deu un paso decisivo para a súa permanencia.

Pola tarde, os medios públicos galegos estarán moi pendentes da transmisión dunha posible final, ás 16.00 horas, co Atlético Guardés na loita pola XLII Copa da Raíña de balonmán. No caso de clasificarse para xogar a final, os medios públicos acompañarán as galegas coa emisión do partido.

O espazo ‘A Liga das Cidades’ ofrecerá tamén, desde as 17.45 horas, un carrusel da Terceira Galega de fútbol, en que intervirán: Arzúa-Atios, Arousa-Somozas e Alondrás-Polvorín.

ler máis

Toda a xornada dos equipos galegos na 2ª B de fútbol, esta fin de semana, na CRTVG

16/04/2021

A G2 e a web da Galega ofrecerán, en directo, os partidos do Rácing de Ferrol, Coruxo, Celta B, Pontevedra, Compostela e Deportivo

Os medios públicos galegos transmitirán, amais, este sábado,
un novo encontro do Leche Río Breogán de baloncesto

Toda a xornada dos equipos galegos na 2ª B de fútbol, esta fin de semana, na CRTVG

Santiago, 16.04.2021.-  Os medios públicos galegos achegarán a xornada completa dos equipos galegos na 2ª B de fútbol esta fin de semana. Deste xeito, a G2 e a web da CRTVG ofrecerán, en directo, os partidos cruciais do Rácing de Ferrol, Coruxo, Celta B, Pontevedra, Compostela e Deportivo.

As transmisións comezarán o sábado na G2, ás 17.00 horas, cun carrusel de 2ª B, en que se simultanearán os partidos do Rácing de Ferrol-Marino de Luanco e o Coruxo F. C.-R. Oviedo. Ambos encontros ofreceranse, en directo, a través da web da CRTVG. Nesta terceira xornada da Segunda Fase da 2ª B na Malata, o Rácing deberá ir por todas para gañar e recuperar os puntos despois de perder o seu último encontro. Por agora, o conxunto anfitrión sitúase no terceiro lugar e sete puntos por diante do Marino Luanco na clasificación. Pola súa parte, o Coruxo disputará o encontro no Campo do Vao, con ganas de remontar tamén a súa posición tras empatar o último partido. Neste caso, os visitantes, segundos na táboa, están por diante dos galegos, cunha diferenza de só tres puntos.

Os medios públicos mudarán de disciplina, a continuación, para ofrecer unha nova cita do Leche Río Breogán-Tau Castellón (19.00 h), correspondente á LEB Ouro de baloncesto. Os galegos, líderes da categoría, terán fronte a eles un contrincante esixente e complexo, situado a só dous puntos por debaixo.

O fútbol galego de 2ª B tomará a remuda o domingo na G2 e na web da CRTVG, que achegarán o R. C. Celta B – Burgos C. F. (12.00 horas). Un gran reto para o filial do club vigués que continúa líder e competindo polo ascenso a Segunda División.

No tempo de ‘A Liga das Cidades’ ofreceranse simultaneamente, a partir das 17.00 horas, o Pontevedra-Lealtad, e o Compostela-Langreo. Estes partidos poderanse ver, de xeito íntegro, pola web. Pontevedra e Compostela, en busca da vitoria, deberán bater estes dous equipos asturianos fortes e ben armados.

A maiores, ás 19.00 h, ofrecerase o R. C. Deportivo-S. D. Numancia.  Coruñeses e sorianos, con historias e vidas parellas, mediranse en Riazor co obxectivo da permanencia na Primeira RFEF, despois dun ano moi difícil para estes clubs, en que ambos están clasificados na cuarta posición, a un punto e a cinco, respectivamente, da loita polo ascenso. Os dous conxuntos descenderon a temporada pasada nunha última xornada marcada polo caso Fuenlabrada.

E a través da web da CRTVG transmitirase, amais, ás 17.00 horas, o Bergantiños F. C – Arenteiro, correspondente á Terceira Galega.

ler máis