CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Novas TVG

A TVG acada a cota máis alta do ano e lidera en informativos

01/06/2023

Cun 11,3% no total día, a Galega acada o seu mellor mes de maio desde 2011

A franxa do mediodía chega ao 18,6%, triplicando en audiencia a outra canle pública que emite en Galicia (TVE, 6,1%)

No prime time, cun 11,5% de media, a Galega crece en audiencia os sete días da semana

A TVG foi a canle de Forta que máis medrou este mes, e a G2 marca o terceiro máximo do ano

A TVG acada a cota máis alta do ano e lidera en informativos

Santiago, 01.06.2023.-    Cun 11,3% de cota media, o dato máis alto neste 2023, e un 11,5% de media no prime time, a Galega pecha un mes de maio marcado polo liderado informativo, segundo o informe do medidor independente Kantar Media coñecido este xoves.

Con este resultado a TVG acada o seu mellor mes de maio desde 2011 e é a canle autonómica que máis medra.

Amplo liderado informativo: crecen os sete días da semana

ler máis

A TVG acada a maior cota de pantalla de España na xornada electoral

29/05/2023

Foi a canle con maior cota de pantalla de todo o estado tanto no conxunto da xornada (17,2 %) coma no prime time (28,7 %)

O Especial ‘Eleccións 28M’, de 5 horas en directo, foi o programa de maior audiencia, cunha cota do 26 % e picos de ata o 39,2 %

Ao longo do día, máis de 1 millón de galegos seguiron a TVG nalgún momento

A TVG acada a maior cota de pantalla de España na xornada electoral

Santiago, 29.05.2023.-    A Televisión de Galicia foi este domingo electoral a canle con maior cota de pantalla de toda España, tanto no conxunto da xornada coma no prime time. A Galega, cun 17,2 % de media do día, foi, xa que logo, líder tamén entre as canles autonómicas, seguida pola vasca ETB2 (16 % no conxunto do día). Ao longo da xornada, 1.004.000 galegos formaron parte da audiencia da TVG.

O especial ‘Eleccións 28M’, presentado polos xornalistas Marta Darriba, Carlos Amado e Alberto Mancebo e emitido entre as 19:45 h e a 1:10 da madrugada, foi o programa de maior audiencia da xornada, cunha cota de pantalla do 26 %. Durante a súa emisión acadou un pico de cota superior ao 39 %, (ás 22:08, 39,2%).

O ‘Telexornal Mediodía’ foi o segundo programa de maior audiencia na xornada, cunha cota do 19,3 %, e ‘Galicia Noticias’, o terceiro, cunha cota do 21 %.

A proposta dos medios públicos para esta xornada electoral, cun amplo despregadura no territorio e programación especial na tarde e noite, acadou unha vez máis o respaldo da cidadanía galega, que elixe a CRTVG como o seu referente entre os servizos públicos de comunicación de Galicia.

ler máis

A CRTVG comeza a busca da canción que lle porá a banda sonora ao verán de 2023

23/05/2023

Ábrese a convocatoria da sétima edición do certame ‘Este verán canta con nós’, que premiará con 1.000 euros un tema inédito escrito en galego

Intérpretes e grupos teñen ata o 16 de xuño para enviar as súas propostas e aspirar a suceder a Rotce, Adri Coyote e La Quinkillada, que gañaron o ano pasado co tema ‘Corazón de toxo’

A CRTVG comeza a busca da canción que lle porá a banda sonora ao verán de 2023

Santiago, 23.05.2023.-    A CRTVG comeza a procura da canción do verán, do tema que será a súa banda sonora durante os vindeiros meses. Un ano máis, os medios públicos abren a convocatoria do certame ‘Este verán canta con nós’, que ten como obxectivo apoiar a música en galego e descubrir novos talentos, e que premiará con 1.000 euros un tema inédito e orixinal escrito e cantado en lingua galega.

Os intérpretes e grupos interesados en participar na sétima edición do concurso teñen ata o 16 de xuño para enviar as súas propostas, que non deberán exceder dos tres minutos de duración e que poderán ir acompañadas dun vídeo musical. As cancións deberán enviarse en formato mp3 a canciondoveran2023@crtvg.gal, nun correo onde consten os datos das persoas participantes (nome, apelidos, DNI, teléfono e enderezo completo, tanto do intérprete como do compositor e/ou letrista), e remitilas en formato mp4, no caso de presentar un videoclip.

Unha vez rematado o prazo de entrega, levarase a cabo o proceso de selección do tema gañador do concurso, que será escollido por un xurado composto por cinco persoas designadas pola dirección da CRTVG, que valorará a orixinalidade, a calidade técnica e o acompañamento dun vídeo musical. No veredicto, que se coñecerá o 20 de xuño, incluirase tamén unha lista puntuada ata o quinto posto.

Todos os participantes no concurso cédenlle á CRTVG o dereito de reprodución e de comunicación pública por televisión en todos os sistemas, así como a través de Internet, da canción e do seu vídeo, de ser o caso. As bases do certame poden consultarse aquí.

A apegadiza electrocumbia ‘Corazón de toxo’, de Rotce, Adri Coyote e La Quinkillada foi a canción do verán da pasada edición e resultou gañadora tras convencer o xurado pola súa ledicia, por ser moi ‘verbeneira’ e moi galega e por contar con todos os elementos para triunfar.

ler máis

Os medios públicos celebran a semana das Letras Galegas con documentais, entrevistas, música e cinema galego

12/05/2023

O importante arquivo da CRTVG é peza fundamental desta programación arredor da figura de Fernández del Riego, e que fará posible a emisión da voz do autor así como entrevistas con especialistas 

O documental ‘A nosa propia galaxia’, a ‘Gala #DígochoEu’, un especial de ‘Zigzag’, a estrea do filme ‘Malencolía’ e o ‘Concerto das Letras’ son as principais apostas da TVG

Os medios públicos celebran a semana das Letras Galegas con documentais, entrevistas, música e cinema galego

Santiago, 12.05.2023.-  A CRTVG desenvolve desde esta fin de semana unha programación especial arredor da figura de Francisco Fernández del Riego con motivo do Día das Letras Galegas 2023. O arquivo audiovisual da Corporación é fundamental nesta programación, xa que fará posible a emisión da propia voz do escritor e de entrevistas con especialistas na súa obra, en televisión, radio e canles dixitais para afondar na figura do homenaxeado e o seu labor intelectual como personaxe imprescindible do galeguismo, ensaísta, narrador e estudoso da literatura e a cultura galegas.

ler máis

A TVG acada un 10 % de audiencia en abril

02/05/2023

A franxa informativa do mediodía, composta por ‘Galicia Noticias’ e ‘Telexornal Mediodía’, segue incrementando audiencia, segundo os datos de Kantar Media coñecidos este martes

A TVG acada un 10 % de audiencia en abril

Santiago, 02.05.2023.-    Cun 10 % de cota media e un 1 % na G2, os datos de audiencia do mes de abril indican estabilidade e consolidación para a Televisión de Galicia, segundo os datos do medidor independente Kantar Media coñecidos este martes. Nos primeiros catro meses deste 2023, a cota media da canle é do 10,5 %.

Seguen a medrar os informativos

Neste mes de abril medraron en audiencia os espazos informativos do bloque do mediodía: o informativo ‘Galicia Noticias’, que subiu en 2,3 puntos de luns a venres e 1,8 na fin de semana, e o ‘Telexornal Mediodía’, que creceu 1,3 puntos de luns a venres e 0,8 na fin de semana.

A Galega pecha cinco dos sete días da semana por riba dos dous díxitos. Destacan as cotas de pantalla nos días laborables: luns (10,2 %), martes (10,7 %), mércores (11,1 %), xoves (12,1 %) e venres (11,8 %). No prime time cómpre salientar as cotas dos mércores (10,1 %), xoves (11,5 %) e venres (11,5 %).

A TVG actúa coma un dos motores de FORTA, ao superar a este grupo de canles autonómicas en 1,5 puntos de cota no conxunto do mes.

ler máis

A serie da TVG 'Motel Valkirias', premio europeo CIRCOM 2023 á mellor ficción de televisión

27/04/2023

Este wéstern fronteirizo, coproducido por TVG e a RTP, consegue o décimo galardón internacional para a Televisión de Galicia desde 2012

Os premios da asociación das televisións rexionais públicas europeas, CIRCOM, serán entregados o 1 de xuño nunha gala que este ano terá lugar en San Sebastián

A serie da TVG 'Motel Valkirias', premio europeo CIRCOM 2023 á mellor ficción de televisión

Santiago, 27.04.2023.-    Os premios europeos CIRCOM, da asociación das televisións rexionais públicas europeas, deron a coñecer este xoves os seus galardóns anuais e, no apartado de entretemento e ficción, a elixida foi a serie da Televisión de Galicia ‘Motel Valkirias’. Esta coprodución da TVG e a RTP, que se emite os luns pola noite na Galega, acada así o décimo premio internacional para a TVG, todos eles logrados desde 2012.

Os Premios CIRCOM Regional foron creados hai máis de 30 anos para galardoar os mellores programas de televisión producidos e emitidos por canles rexionais públicas de toda Europa. A entidade reúne preto de 250 canles de televisión públicas rexionais de 30 países europeos. Este ano os premios serán entregados o 1 de xuño nunha gala que terá lugar en San Sebastián, no marco da 39ª Conferencia Anual de CIRCOM que se celebrará na cidade vasca, organizada por EiTB.

O premio a ‘Motel Valkirias’ súmase a outros galardóns acadados nos Prix CIRCOM pola TVG. O último, o ano pasado, cando a xornalista Noelia Rey, unha das presentadoras do programa ‘Malicia Noticias’, recibiu o galardón ao Novo Talento en Pantalla 2022. Anteriormente, este mesmo galardón recaera na xornalista Alba Mancebo e a serie ‘Matalobos’ lograra o premio á mellor ficción de televisión. A serie ‘3 camiños’, o documental ‘Máis ca vida’, o programa ‘No bico un cantar’ e unha reportaxe do espazo ‘Deporte Extra’ foran tamén distinguidos con respectivas mencións especiais en pasadas edicións dos Prix CIRCOM.

‘Motel Valkirias’ é unha coprodución entre CTV e SPi, de España e Portugal, e conta co apoio da Agadic, Xunta de Galicia, PIC Portugal, Turismo de Portugal e a colaboración da Deputación de Ourense e a Cámara Municipal de Montalegre. A serie é un wéstern fronteirizo protagonizado por María Mera, Marina Mota, Maria João Bastos e o gañador dun Goya Chechu Salgado.

ler máis

A Coruña acolle a preestrea do filme ‘Fatum’, participado pola Televisión de Galicia e que chegará este venres ás salas de cinema

27/04/2023

O filme, rodado na cidade herculina, conta no elenco con Luís Tosar, Arón Piper, Álex García e Elena Anaya, e narra un atraco de doce horas a unha casa de apostas

A Coruña acolle a preestrea do filme ‘Fatum’, participado pola Televisión de Galicia e que chegará este venres ás salas de cinema


Santiago, 27.04.2023.- O filme ‘Fatum’, participado pola Televisión de Galicia, preestréase hoxe na Coruña. Precisamente, a cidade herculina acolleu tamén a rodaxe do thriller, que dirixe Juan Galiñanes, converténdose nun protagonista máis da trama. A película narra un atraco de doce horas a unha casa de apostas e chegará mañá venres ás salas de cinema. 

ler máis

A TVG é a canle autonómica máis vista, e líder en Galicia

19/04/2023

A primeira onda do Estudo Xeral de Medios de 2023 confirma a primeira posición da canle galega

Na franxa informativa do mediodía en Televisión de Galicia, o bloque formado por ‘Galicia Noticias’ e ‘Telexornal Mediodía’ lidera tamén, acadando un 27% de cota

A Radio Galega é a única emisora xeralista que medra en todas as medicións, e sobrepasa en máis do dobre de audiencia a RNE

A TVG é a canle autonómica máis vista, e líder en Galicia

Santiago, 19.04.2023.-   Os datos da primeira onda do Estudo Xeral de Medios (EXM) sinalan a Televisión de Galicia como a canle líder na comunidade e tamén entre as canles autonómicas. A audiencia de Galicia elixe TVG para o entretemento e para informarse. 

ler máis

A TVG participa en '+Cuñados', a secuela dunha das películas galegas de máis éxito, que comezará a rodarse nas vindeiras semanas

12/04/2023

A produtora Portocabo acaba de anunciar que xa está en marcha a segunda parte,  dirixida por Luís Avilés, que tamén se gravará en Ourense e contará co elenco da película orixinal, con Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez á fronte

Esta nova comedia buscará repetir a grande acollida da primeira entrega, que hai dous anos se converteu na maior estrea da historia do cinema en galego

A TVG participa en '+Cuñados', a secuela dunha das películas galegas de máis éxito, que comezará a rodarse nas vindeiras semanas

Santiago, 12.04.2023.-    ‘Cuñados’, unha das películas galegas de máis éxito nas salas de cinema, participada pola TVG, terá segunda parte. A produtora Portocabo acaba de anunciar que xa está en marcha ‘+Cuñados’, a súa secuela. Esta nova comedia  comezará a rodarse nas próximas semanas e terá como escenario principal a provincia de Ourense. Arranca así un proxecto moi agardado, cando se fan dous anos da chegada aos cinemas da primeira parte, que se converteu no seu momento na película coa maior estrea na historia do cine en galego.

+Cuñados’ será dirixida por Luís Avilés e contará de novo co mesmo elenco principal da primeira entrega: Xosé Antonio Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez, Eva Fernández, María Vázquez, Iolanda Muíños e Mela Casal. A película é unha produción de Portocabo que conta coa participación de CRTVG, RTVE e Movistar Plus+, o patrocinio da Deputación de Ourense e a subvención da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Esta nova aventura dos cuñados arrancará coa aparición dun cadáver xusto no medio da ponte internacional de Tui. Este feito vén do ocorrido uns días antes. Chega o Entroido e a familia Ribeiro prepárase para gozar das festas favoritas de todo bo ourensán. Pasaron dous anos da detención de Alicia Zamora e o seu socio portugués. Os cuñados montaron un posto de polbo en Ourense, a forma perfecta de branquear os cartos do botín que lles caeu do ceo, literalmente. Entre unha cousa e outra, Modesto converteuse nun cuñado máis da familia. A aparición en Ourense de Andreia Nunes -a parella do portugués detido- buscando vinganza, complicaralles as cousas aos cuñados, meténdoos nun novo enredo que converterá este Entroido nun auténtico baile de máscaras.

A provincia de Ourense volverá ser o escenario principal e a zona do Ribeiro tamén terá unha especial presenza nos acontecementos que se desenvolven na película. Ademais, en ‘+Cuñados’ o público poderá percorrer xunto aos protagonistas as rúas da cidade de Ourense preparadas para acoller a festa máis agardada do ano: o Entroido. O espazo terá así unha relevancia especial na historia, representado a través da cultura e tradicións do lugar.

O éxito da primeira entrega

O filme ‘Cuñados’ foi no seu momento a maior estrea na historia do cinema en galego, chegando a máis de 120 salas na súa primeira fin de semana. Conseguiu que milleiros de espectadores volveran ao cine en tempos de pandemia e no seu momento situouse como a mellor estrea española de 2021. Tras a súa viaxe por salas comerciais, a película foi vendida a outros territorios internacionais como Grecia, Suíza ou toda América Latina. E percorreu decenas de localidades de Galicia e Portugal, baixo os diferentes ciclos estivais que se realizaron.

    Seguindo a estela de ‘Cuñados’, a secuela que agora se pon en marcha propón de novo unha longametraxe que fale da cultura e idiosincrasia galegas e da súa especial maneira de facer rir. Cun elenco e equipo técnico galego e rodada integramente en Galicia, ‘+Cuñados’ continúa así coa aposta por facer grandes comedias familiares en galego.

ler máis

Gran estrea de 'Faro. O reencontro' no prime time da TVG, cun 11 % de cota de pantalla

11/04/2023

Cada luns, a Galega emitirá unha entrega desta nova serie arredor da historia das familias Peña e Muñoz, que hai case unha década xa cativou os espectadores galegos

Gran estrea de 'Faro. O reencontro' no prime time da TVG, cun 11 % de cota de pantalla

Santiago, 11.04.2023.-    A estrea de ‘Faro. O reencontro’, o agardado regreso da serie que hai anos cativou a audiencia galega, tivo este luns unha gran acollida entre os espectadores da TVG. A ficción volveu entrar onte nos fogares galegos e na súa estrea tivo unha cota de pantalla dun 11 % e unha audiencia total de 153.000 telespectadores.

Esta boa acollida sumouse á expectación xerada unhas horas antes na festa de preestrea celebrada en Santiago, acto que contou coa presenza dos actores protagonistas, doutros membros do equipo e de moitas caras coñecidas da Galega.

Esta nova aposta da Televisión de Galicia para o prime time dos luns recupera para o gran público a historia dos Peña e dos Muñoz, familias protagonistas da ficción que hai case unha década seduciu á audiencia tanto de Galicia como doutras comunidades autónomas, particularmente a catalá. Ademais, a serie ‘O Faro’ foi emitida noutros cinco países. A serie creou un forte vínculo cos espectadores da TVG e unha audiencia crecente e constante que chegou a acadar, no seu último capítulo, un 20,5 % de share en Galicia. Nesta nova temporada, formada por 10 episodios de 50 minutos, o misterio terá un gran peso na trama, e se lle suman tamén o amor e o humor. A serie volverá emocionar e conmover, con novas tramas con orixe no pasado e cun punto do xénero thriller.

Na noite de onte emitíronse dous capítulos de ‘Faro. O reencontro’ e, a continuación, ‘Motel Valkirias’, a última coprodución de ficción de Televisión de Galicia coa RTP, co que a noite do luns da TVG foi dedicada integramente a series orixinais do audiovisual galego.

ler máis