CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Novas TVG

A TVG lidera as audiencias en Galicia, cos informativos máis vistos e tres puntos de vantaxe no 'prime time'

24/08/2023

A canle pública rexistrou onte unha cota de pantalla do 13,1 %, chegando ao 14,1 % na franxa de máis consumo, cos programas ‘Atrápame se podes’ e ‘Vaia troula’

A TVG emitiu os tres programas máis vistos da xornada, co ‘Telexornal mediodía’ por riba da franxa do 20 % de ‘share’ a máis de 5 puntos do competidor inmediato

A TVG lidera as audiencias en Galicia, cos informativos máis vistos e tres puntos de vantaxe no 'prime time'

Santiago, 24.08.2023.- A TVG foi líder de audiencia onte en Galicia en varias franxas horarias, cos tres programas máis vistos da xornada e catro nas dez primeiras posicións. En conxunto a Televisión de Galicia situouse na xornada do 23 de agosto no 13,1 % de cota de pantalla, máis de 4 puntos por riba da outra canle pública TVE (9%) e 2,7 puntos por riba de  A3, a segunda canle máis vista na comunidade autónoma, cun 10,4 %.

ler máis

O programa da Radio Galega 'Pensando en ti' recibe o Premio Solidario Grupo ONCE Galicia no eido de medios de comunicación

22/08/2023

Recoñece o espazo da Radio Galega como “bálsamo contra a soidade”

O presentador Marcial Mouzo salientou que é un premio compartido cos oíntes que fan posible cada día a emisión compartindo as súas experiencias

 

O programa da Radio Galega 'Pensando en ti' recibe o Premio Solidario Grupo ONCE Galicia no eido de medios de comunicación

Santiago, 22.08.2023.- O programa ‘Pensando en ti’, da Radio Galega recibe o Premio Solidario Grupo Social ONCE Galicia 2023, na categoría de Medios de Comunicación. Xunto co espazo que conduce Marcial Mouzo, recollerán o galardón o vindeiro 5 de outubro nunha gala no Teatro Colón da Coruña, a Fundación María José Jove, a xornalista galega Cristina Saavedra, Estrella Galicia e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue.

ler máis

A serie da Televisión de Galicia 'Motel Valkirias', candidata aos Globos de Ouro portugueses

26/07/2023

Este wéstern fronteirizo, coproducido pola TVG e a RTP, está nomeado na categoría de mellor proxecto de ficción a uns galardóns que se entregarán o 1 de outubro en Lisboa

A serie da Televisión de Galicia 'Motel Valkirias', candidata aos Globos de Ouro portugueses

Santiago, 26.07.2023.-    A serie da Televisión de Galicia ‘Motel Valkirias’ é candidata aos XXVII Globos de Ouro portugueses, que se entregarán o 1 de outubro en Lisboa, na categoría de mellor proxecto de ficción.

Esta nominación súmase a outro galardón internacional conseguido pola serie, o Premio CIRCOM, da asociación das televisións rexionais europeas, no apartado de entretemento e ficción.

‘Motel Valkirias’ é unha coprodución entre CTV e SPi, de España e Portugal, e conta co apoio da Agadic, Xunta de Galicia, PIC Portugal, Turismo de Portugal e a colaboración da Deputación de Ourense e a Cámara Municipal de Montalegre. A serie é un wéstern fronteirizo protagonizado por tres mulleres que se atopan nunha situación límite (María Mera, Marina Mota, Maria João Bastos) e o gañador dun Goya Chechu Salgado.

ler máis

A TVG destina máis de 300.000 euros á nova convocatoria de contidos dixitais

20/07/2023

O prazo de inscrición estará aberto do 20 de xullo ao 20 de setembro

A Galega prosegue coa aposta pola produción nativa dixital, da que sairán 27 novos proxectos

A TVG destina máis de 300.000 euros á nova convocatoria de contidos dixitais

Santiago, 20.07.2023.-      Na súa liña sostida de busca de talento, produción de contidos e colaboración co sector audiovisual, a CRTVG lanza a segunda convocatoria de selección de proxectos dixitais en galego, dotada con 330.000 euros.

Seleccionaranse 27 contidos dixitais repartidos en doce proxectos de ata 50 minutos, e outros 15 cun máximo de 10 minutos de duración. Os 27 traballos han de ser inéditos e xirar arredor da ficción, o humor, a divulgación, a educación, a cultura ou infotainment, e o seu hábitat serán ás canles dixitais, web e redes sociais dos medios públicos galegos. A convocatoria estará aberta ata o 20 de setembro e enmárcase na estratexia de innovación da CRTVG na súa relación co sector audiovisual.

Neste 2023, segundo indica Fernando R. Ojea, director de Contidos da CRTVG, “insistimos na liña de promover a creatividade, sempre en galego, e procurar novas formas de produción de contidos multiplataforma e/ou transmedia creados desde cero pensando na audiencia e na linguaxe dixital”. Da primeira edición, resolta en 2022, hai proxectos en fase de produción e algún deles xa en emisión, como o concurso ‘O mellor tractor do mundo’, xa dispoñible no YouTube de TVG.

Con esta convocatoria, a CRTVG atende tamén unha parte específica do sector audiovisual galego, o das pequenas empresas ou profesionais individuais que poden ter máis dificultades para presentar proxectos destinados á emisión por medios tradicionais e cun orzamento máis elevado. Toda a información sobre a convocatoria pode consultarse no Portal de Transparencia da Corporación.

ler máis

A película 'O Corno', participada pola TVG, primeira longametraxe en galego que competirá pola Concha de Ouro no Festival de San Sebastián

14/07/2023

O segundo filme da directora e guionista Jaione Camborda, un drama rural ambientado na Galicia dos anos 70, terá a súa estrea europea na sección oficial da 71ª edición do certame e chegará ás salas de cinema o 11 de outubro

A película 'O Corno', participada pola TVG, primeira longametraxe en galego que competirá pola Concha de Ouro no Festival de San Sebastián

Santiago, 14.07.2023.-    ‘O Corno’, a segunda longametraxe da directora e guionista Jaione Camborda, participada pola TVG, terá a súa estrea europea na sección oficial da 71ª edición do Festival Internacional de Cine de San Sebastián, antes da súa distribución en cinemas o 11 de outubro, da man de Elastica Films.

O filme fai historia ao ser a primeira longametraxe en galego que compite na sección oficial deste certame, o primeiro de produción galega e tamén a primeira obra dunha cineasta galega ou residente en Galicia, como é Jaione Camborda (donostiarra que leva máis dunha década asentada en Compostela), que aspira á Concha de Ouro.

A película, un drama rural ambientado na Galicia dos anos 70, está protagonizada pola bailarina Janet Novás, no que é o seu debut no cinema, e conta no seu elenco con Carla Rivas, Nuria Lestegás, María Lado, Siobhan Fernandes e Diego Anido, entre outros.

‘O Corno’ está rodada en galego e en portugués en varias localizacións das comarcas de Arousa e Baixo Miño (Pontevedra) e Alto Miño (Portugal) e narra a historia de María, unha mariscadora e tamén parteira que, tras un terrible suceso, se ve obrigada a fuxir a través dunha ruta de contrabandistas. 

ler máis

A CRTVG ofrece este venres o debate electoral a catro entre cabezas de lista de PP, PSOE, Sumar e BNG

13/07/2023

Comezará ás 10:00 h no estudio multimedia da Corporación, e transmitirase simultaneamente na TVG, a Radio Galega e g24.gal

A semana que vén realizaranse entrevistas individuais aos candidatos destes partidos, que se poderán escoitar na RG e quedarán dispoñibles na páxina web

A CRTVG ofrece este venres o debate electoral a catro entre cabezas de lista de PP, PSOE, Sumar e BNG

Santiago, 13.07.2023.-    A Corporación Radio e Televisión de Galicia está a facer unha intensa despregadura para ofrecerlle á cidadanía toda a información das diferentes opcións políticas que concorren ás eleccións xerais do 23 de xullo. Á marxe dos espazos electorais nos diferentes informativos, a CRTVG ofrece este venres un debate en que participarán os cabeza de lista ao Congreso dos Deputados pola provincia da Coruña de PP, PSOE, Sumar e BNG: Miguel Tellado, Xosé Miñones, Marta Lois e Néstor Rego, respectivamente.

O debate, moderado polo xornalista Luis Ojea e dunha hora de duración, emitirase en directo, de 10:00 a 11:00 h, en todos os medios da CRTVG: Televisión de Galicia, Radio Galega e a través da canle dixital  g24.gal. Será reemitido a través da G2 ás 22:45 h do mesmo día, onde se incorporará a interpretación en lingua de signos. Os bloques de debate acordados no plan de cobertura son: a situación política actual, gobernanza e modelo de Estado; as políticas sociais e atención á cidadanía, e un terceiro sobre economía, industria, infraestruturas e fiscalidade.

Ademais, a vindeira semana realizaranse, desde o mesmo estudio multimedia, catro entrevistas individuais aos candidatos. A quenda do BNG será o luns 17 de xullo; Sumar Galicia, o martes 18; PsdeG-PSOE, o mércores 19, e PP, o xoves 20. Todas elas terán lugar ás 08:30 h, poderán escoitarse na RG e tamén a través da web. As datas, horarios e tempos destas entrevistas establecéronse segundo criterio de proporcionalidade con respecto aos resultados das últimas eleccións.

E a isto hai que sumarlle a despregadura informativa do propio domingo 23 de xullo, con cobertura nos distintos servizos informativos da TVG, con dous adiantos informativos, un ao mediodía e outro pola tarde, e un programa especial, de máis de cinco horas de duración, presentado por Marta Darriba, Marcos Sueiro e Carlos Amado. Este espazo establecerá conexións coas sedes dos partidos e os principais centros de votación, ofrecerá ás 20:00 h o resultado do tracking realizado por Sigma Dos para FORTA e, unha vez pechados os colexios electorais, seguirá o minuto a minuto do reconto.

A Radio Galega tamén ofrecerá toda a actualidade da xornada a través dos seus especiais informativos desde primeira hora da mañá, e cun programa especial que analizará todas as claves da cita coas urnas.

ler máis

Blanca, representante da provincia da Coruña, coroada como 'Miss Vaca 2023' no programa 'Luar' deste venres

08/07/2023

Na 15ª edición do concurso máis agardado da temporada no espazo da TVG, impúxose ás reses Duquesa, de Lugo, Marela, de Ourense e Rubia, de Pontevedra
O evento celébrase desde 2006, pero nos últimos anos causa sensación grazas ás redes sociais

Blanca, representante da provincia da Coruña, coroada como 'Miss Vaca 2023' no programa 'Luar' deste venres

Santiago, 08.07.2022.-      A vaca Blanca procedente de Teo (A Coruña), foi este venres a gañadora do concurso ‘Miss Vaca 2023’, o certame máis agardado da temporada no programa ‘Luar’ da TVG e o título máis cobizado entre as reses galegas. O evento celébrase desde 2006, pero nos últimos anos causa sensación entre os máis novos grazas ás redes sociais e xera moita expectación en toda Galicia e tamén no resto de España. O seu obxectivo é apoiar e visibilizar o traballo do sector gandeiro en Galicia.

ler máis

As canles dixitais da CRTVG buscan 'O mellor tractor do mundo', que se estrea este xoves en YouTube

06/07/2023

Os espectadores elixirán o gañador coas súas votacións en YouTube e Instagram

O concurso, de cinco entregas, estréase esta tarde ás 20:00 h visitando tractoristas de Xinzo de Limia, Curtis e A Laracha

As canles dixitais da CRTVG buscan 'O mellor tractor do mundo', que se estrea este xoves en YouTube

Santiago, 06.07.2023.-    As canles dixitais da CRTVG estrean este xoves o concurso ‘O mellor tractor do mundo’, ás 20:00 h no YouTube da TVG e a partir das 20:30 h nas redes sociais da Corporación. TikTok, Facebook e Twitter funcionarán como altofalante, mentres que os espectadores serán os que, coas súas votacións en YouTube e Instagram, elixirán o gañador de cada entrega e da final, no quinto e último capítulo.

Creado por A Revolta Producións, ‘O mellor tractor do mundo’ viaxará por toda Galicia  buscando os mellores tractoristas, homes e mulleres de todas as idades. As catro primeiras entregas presentarán os participantes e as súas habilidades ao volante, e no capítulo de hoxe os aspirantes son Amador, de Xinzo de Limia; María, de Curtis; e David, da Laracha. No quinto capítulo, os catro gañadores finais competirán entre si antes da votación dos espectadores.

Nova vía de colaboración co sector audiovisual

‘O mellor tractor do mundo’ é o primeiro programa que se estrea dos seleccionados na convocatoria de proxectos dixitais en lingua galega realizada polos medios públicos en apoio do sector. Esta convocatoria, lanzada en 2022, é unha nova vía de produción e colaboración da CRTVG co sector audiovisual que se enmarca na estratexia de dixitalización, innovación e posicionamento dos medios públicos na contorna dixital. Con ela, a Corporación quere promover a creatividade e procurar novas formas de produción de contidos multiplataforma e/ou transmedia en lingua galega, que permitan novas formas de interacción coa audiencia e dean cabida nos medios públicos a novas formas de expresión artística netamente dixitais. As propostas seleccionadas son contidos de ficción, humor, divulgación, educación, cultura ou infotainment en formato longo ou en forma de microespazos/serie, especificamente realizadas para a contorna dixital.

ler máis

A CRTVG colabora no proxecto MEDRETIA para desenvolver unha intelixencia artificial que prediga o comportamento das producións audiovisuais

05/07/2023

A aplicación de tecnoloxías de Big Data e IA permitiralles ás empresas de creación de contidos anticiparse ás necesidades do mercado e optimizar os seus procesos produtivos

A CRTVG colabora no proxecto MEDRETIA para desenvolver unha intelixencia artificial que prediga o comportamento das producións audiovisuais

Santiago, 05.07.2023.- A CRTVG forma parte do proxecto colaborativo MEDRETIA, que desenvolverá, a través do Instituto Tecnolóxico Galego (ITG), unha intelixencia artificial (IA) que permita aventurar o comportamento na pantalla das producións audiovisuais. Mediante a aplicación de tecnoloxías Big Data e IA, as empresas de creación de contidos audiovisuais disporán de máis ferramentas para avaliar e anticiparse ás necesidades do mercado optimizando os seus procesos produtivos.

ler máis

Rexeitados os recursos presentados contra a cobertura electoral da CRTVG

04/07/2023

A Xunta Electoral Provincial da Coruña desestima as reclamacións do BNG e Vox contra o Plan de Cobertura da Corporación

Rexeitados os recursos presentados contra a cobertura electoral da CRTVG

Santiago, 04.07.2023.-   A Xunta Electoral Provincial da Coruña deu traslado, na mañá do martes 4 de xullo, de senllos acordos sobre os recursos presentados contra o Plan de Cobertura Electoral da CRTVG de cara ás eleccións xerais do 23 de xullo.

Ante o recurso do BNG, a Xunta Electoral Provincial da Coruña estima as alegacións feitas pola CRTVG na súa totalidade e acorda “rexeitar a reclamación formulada” polo BNG, xa que non existe “vulneración dos principios recollidos no art. 66 da LOREG“, conclúe o texto.

Con respecto á reclamación de Vox, a Xunta Electoral Provincial da Coruña acorda tamén “desestimar a reclamación” que versaba sobre a pretensión de participación desta formación nos debates e entrevistas electorais, e acadar máis tempo de cobertura.

A CRTVG, a data de hoxe, non recibiu ningún recurso máis contra o Plan de Cobertura Electoral de cara ás eleccións xerais.

Nas pasadas eleccións municipais do 28-M, tanto a Xunta Electoral Provincial como a Xunta Electoral Central resolveron a favor da Corporación todos os recursos presentados polas diferentes formacións políticas.

ler máis