CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Novas TVG

Xosé Ramón Gayoso recolle o Premio da Cultura Galega 2022 pola súa traxectoria no audiovisual

15/03/2023

O galardón, concedido no apartado audiovisual, recoñece a súa traxectoria de 30 anos á fronte de ‘Luar’, o espazo musical máis antigo da televisión en España, que une música, baile, cultura popular e moito humor e que contribúe a visibilizar o novo talento musical e o sector da música popular galega

Xosé Ramón Gayoso recolle o Premio da Cultura Galega 2022 pola súa traxectoria no audiovisual

Santiago, 15.03.2023.-    O presentador do programa ‘Luar’, Xosé Ramón Gayoso, unha das caras máis coñecidas e queridas da TVG, recolleu esta tarde o Premio da Cultura Galega 2022 no transcurso dun acto celebrado na Delegación Territorial da Xunta en Lugo, presidido polo presidente galego, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e conducido polo xornalista da Galega Arturo Fernández.

Gayoso foi premiado no apartado audiovisual destes galardóns, que recoñecen así a súa traxectoria de 30 anos á fronte de ‘Luar’, o programa máis lonxevo da Galega e a cita agardada de cada venres no prime time desta canle. Tres décadas despois daquel primeiro ‘Luar’, o programa é tamén o espazo musical máis antigo da televisión en España. ‘Luar’, do que Gayoso tamén é codirector, une música, baile, cultura popular e humor, así como unha gran complicidade cos espectadores, contribuíndo a visibilizar o novo talento musical e o sector da música popular galega. O presentador da Televisión de Galicia, que hoxe recolleu o premio de mans do presidente da Xunta, xa fora distinguido coa Medalla Castelao ano 2017.

O resto dos galardoados este ano foron: na modalidade de Letras, a escritora Marica Campo; en artes visuais, a catedrática de Historia da Arte Contemporánea María Victoria Carballo-Calero; no apartado de artes escénicas, a actriz lucense Melania Cruz; no eido musical, os Cursos Universitarios Internacionais ‘Música en Compostela’; no apartado de lingua, o catedrático e investigador Manuel González; en patrimonio cultural, a asociación cultural Xacarandaina, e, na sección de proxección exterior, o programa ConCiencia, da USC e o Consorcio de Santiago.

Cos Premios da Cultura Galega, feitos públicos o pasado mes de outubro, o Goberno autonómico distingue, un ano máis, a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección do panorama cultural da nosa comunidade, así como o compromiso de proxectos, traxectorias e iniciativas que enriquecen a realidade e identidade cultural de Galicia.

ler máis

Digochiño.gal, a nova web da mascota do #DígochoEu, con todos os episodios para os máis pequenos

10/03/2023

En pouco máis dun par de meses, os vídeos de Esther Estévez e o raposo azul superanos dous millóns de reproducións en TikTok e acumulan tamén centos de miles en Instagram

Digochiño.gal, a nova web da mascota do #DígochoEu, con todos os episodios para os máis pequenos

Santiago, 10.03.2023.-  Digochiño, a mascota do espazo #DígochoEu, estrea web. A CRTVG acaba de crear un portal dedicado ao personaxe que cada sábado na G2 fomenta o uso do galego entre os cativos da casa, xunto á xornalista Esther Estévez.

ler máis

Os responsables de contidos da FORTA afianzan alianzas en Galicia

09/03/2023

Ata o venres, a CRTVG acolle estas Xornadas FORTA en que se analizan retos e se comparten boas prácticas no eido dos contidos e o entretemento audiovisual

A CRTVG presentou como caso de estudo o #DígochoEU: “Como pasar de 1' en TV a 80 millóns de reproducións”

Os responsables de contidos da FORTA afianzan alianzas en Galicia

Santiago, 09.03.2023.-    A CRTVG acolle na súa sede de San Marcos as Xornadas FORTA da Comisión de Contidos, que reúnen os responsables de área das canles públicas de toda España. Unha trintena de profesionais asisten ás sesións en que se inscriben charlas e conferencias como “Retos da TV: consumo, contidos e emisión”, que impartiu este xoves Emili Prado, catedrático de Comunicación Audiovisual da Universidade Autónoma de Barcelona.

ler máis

O espazo '¡Quanta guerra!' de TV3, Premio Pello Sarasola ao mellor programa da FORTA

09/03/2023

O galardoado impúxose ás outras dez producións que optaban a esta distinción e que se resolveu en Santiago de Compostela

Esta distinción rende homenaxe á memoria de Pello Sarasola, impulsor da colaboración entre as diferentes canles autonómicas

O espazo '¡Quanta guerra!' de TV3, Premio Pello Sarasola ao mellor programa da FORTA

Santiago, 09.03.2023.-   O programa ‘Quanta guerra!’ de TV3-CCMA, é o gañador da oitava edición do Premio Pello Sarasola, convocado pola Federación de Organismos ou Entidades de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA) para galardoar os mellores programas desenvolvidos por parte das televisións públicas autonómicas. O xurado, composto por responsables de contidos das canles integradas en FORTA, decantouse por este programa documental de divulgación histórica, que se impuxo aos outros dez candidatos. O ditame tivo lugar en Santiago de Compostela, onde teñen lugar esta semana as xornadas formativas da Comisión de Contidos da FORTA, en que se que vai debater sobre os retos das canles autonómicas en canto a formatos e tendencias de consumo audiovisual. O galardón foi entregado polo secretario xeral da FORTA, Enrique Laucirica.

ler máis

'Motel Valkirias' chega á TVG o 6 de marzo, un western fronteirizo protagonizado por tres mulleres ao límite

01/03/2023

Este mércores celebrouse a preestrea en Santiago, coa asistencia do elenco e de caras coñecidas da canle e do audiovisual galego e portugués

A serie é unha nova coprodución internacional en que participan a RTP e SPI portuguesas e a TVG e CTV galegas

‘Motel Valkirias’ consta de 8 episodios de 50 minutos, e o primeiro capítulo emitirase no prime time do vindeiro luns ás 22:40 h

'Motel Valkirias' chega á TVG o 6 de marzo, un western fronteirizo protagonizado por tres mulleres ao límite

Santiago, 01.03.2023.-    A nova serie da TVG ‘Motel Valkirias’ celebrou este mércores a súa preestrea no Auditorio Abanca de Santiago, cun evento ao que asistiu o equipo artístico e técnico desta nova coprodución internacional, ademais de autoridades e directivos de TVG, RTP, CTV e SPI.  ‘Motel Valkirias’, un western fronteirizo protagonizado por tres mulleres que se atopan nunha situación límite, está protagonizada por María Mera (Infiesto, O sabor das margaridas), Marina Mota (Para sempre, Quer o destino), Maria João Bastos (A Rainha e a Bastarda, Amor, amor), e o gañador dun Goya Chechu Salgado (Las leyes de la frontera, Fariña).

    As actrices e actores protagonistas María Mera e Chechu Salgado, xunto con Tomás Alves, Alba Loureiro, Machi Salgado, Miro Magariños, Yelena Molina, Vicente Mohedano, Josito Porto e Neves Rodríguez, posaron no photocall de forma previa á proxección do primeiro capítulo da serie, que consta de 8 episodios de 50 minutos. O primeiro capítulo emitirase no prime time da TVG do luns, 6 de marzo (22:40 h).

O creador da serie, Ghaleb Jaber Martínez, explica que non fixeron unha serie para o algoritmo, senón para as persoas. “En CTV, cremos máis na calidade que no éxito. ‘Motel Valkirias’ fala da vida e de como, ás veces, necesitamos fuxir dela. É un drama fronteirizo, situado entre Galicia e Portugal, que ten un toque de western. Apostamos por unha trama, cociñada a lume lento, na que tres mulleres loitan por recuperar o control das súas vidas, mentres forxan unha grande amizade”, sinalou.

Pola súa parte, o director de Contidos da CRTVG, Fernando R. Ojea, salientou a "aposta da Televisión de Galicia pola ficción de calidade e polo talento desde Galicia. Con 'Motel Valkirias' reforzamos o apoio sostido da TVG ao sector audiovisual galego e á vez abrimos mercados coa industria portuguesa, nunha nova coprodución entre ambos países, que xa acadaron e exportaron grandes éxitos de ficción a outras canles e plataformas dixitais nestes últimos anos".

A estrea contou coa presenza do director de Contidos da CRTVG, Fernando R. Ojea; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o presidente de CTV, Ghaleb Jaber Ibrahim; o director da RTP1, José Fragoso; o director de CTV, Xosé Arias;  o produtor executivo da produtora e creador da serie, Ghaleb Jaber Martínez, e tamén asistiron o administrador do grupo SP Televisão, Jorge Marecos; o responsable de Negocios e Coprodución de SPi, Manuel Claro, o administrador e CFO desta produtora, Pedro Rosa, e a directora de Comunicación e Markéting da RTP, Marina Ramos.

Equipo e sinopse

Álex Sampayo e Jorge Queiroga son os directores desta ficción, que conta cun equipo de guionistas de ampla traxectoria integrado por Ghaleb Jaber Martínez, Raquel Arias, Alba Araújo, Patrícia Müller, Manuel Gancedo e Manuel Darriba. A serie é unha coprodución entre CTV e SPi, España e Portugal, coa participación de TVG, RTP, o apoio da Agadic, Xunta de Galicia, PIC Portugal, Turismo de Portugal e a colaboración da Deputación de Ourense  e a Cámara Municipal de Montalegre.

No ‘Motel Valquirias’ a vida de tres mulleres con grandes problemas persoais e económicos crúzase, de maneira fortuíta, cando coñecen a Elixio, un cliente que transporta unha mercadoría valiosa. Así é como Lucía, unha nai que foxe do seu exmarido; Eva, unha actriz en declive, e Carolina, a dona dun motel en bancarrota, se unen nun plan que consiste en encontrar o misterioso botín de Elixio. O que non saben estas tres mulleres é que a súa vida corre perigo porque a mercadoría pertence a unha banda perigosa que se dedica ao branqueo de cartos: os Mendonça. Un clan que non dubida en ir tras elas para recuperar o que é seu, custe o que custe.

‘Motel Valkirias’ está ambientada nun espazo singular: un motel fronteirizo, un lugar estancado no tempo, esquecido do progreso. Un limbo onde as normas se suspenden e onde todo pode pasar. É neste marco no que se sitúa a trama da serie, no que a modo de dramedia se abordan temas como a presión social sobre as mulleres ou a precariedade económica á que están expostas.

ler máis

Televisión de Galicia remata febreiro cun 10,7% de audiencia

01/03/2023

A canle segue superando neste 2023 a media do ano pasado e mantense líder en informativos

No prime time, a faixa máis competida do día, a Galega segue un mes máis por riba dos dous díxitos, cun 10,5 %

Televisión de Galicia remata febreiro cun 10,7% de audiencia

Santiago, 01.03.2023.-    Televisión de Galicia pechou o mes de febreiro cunha cota media do 10,7 % e cun 10,5 % no prime time, a franxa de máis consumo do día, e segue  tamén líder en informativos en Galicia, segundo se desprende dos datos do medidor independente Kantar Media.

A programación informativa máis vista no ámbito de Galicia segue a ser a da TVG, cunha audiencia total de preto 1.500.000 galegos maiores de catro anos e nun segmento no que medrou a audiencia neste mes febreiro dos informativos matinais ‘Bos Días’, e ‘A Revista'.

No ámbito das canles autonómicas, a TVG segue a ser un dos motores da FORTA, ao superar este grupo en 1,9 puntos no conxunto do mes. E no prime time, a TVG supera a media do grupo en 1,2 puntos.

Por días da semana, salientan as medias superiores á acadada no conxunto do mes nas xornadas do luns (10,8 %), martes (11,1 %), xoves (11,5 %) e venres (12,4 %), día que aumenta en 1,2 puntos respecto ao mes pasado. E tamén no prime time cómpre salientar as cotas dos martes (10,5 %), xoves (10,9 %) venres (12 %), sábados (11 %) e domingos (10,7 %).

ler máis

O arquivo da CRTVG, peza imprescindible da programación especial das Letras Galegas 2023

24/02/2023

Fará posible escoitar e ver a Francisco Fernández del Riego, o autor homenaxeado, en entrevistas e documentais que se difundirán en televisión, radio e canles dixitais

A presentación dos actos institucionais tivo lugar este venres en Santiago

O arquivo da CRTVG, peza imprescindible da programación especial das Letras Galegas 2023

Santiago, 24.02.2023.-   A CRTVG vai amplificar e divulgar a celebración do Día das Letras Galegas 2023 cunha completa programación en televisión, radio, canles dixitais e cunha campaña institucional no mes de maio para celebrar o autor homenaxeado este ano, o tradutor, novelista, historiador, xornalista, ensaísta e editor Francisco Fernández del Riego.

A presentación dos actos oficiais e institucionais arredor desta data tivo lugar este venres nun acto en que participaron o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias, e a alcaldesa de Lourenzá e presidenta da Mesa Coordinadora D. Paco, Rocío López. Nas súas intervencións, debullaron un completo programa dos ámbitos literario, deportivo, musical, escénico, académico e escolar.

ler máis

As películas 'Matria' e 'Sica', participadas pola Televisión de Galicia, chegan á Berlinale

16/02/2023

A ópera prima de Álvaro Gago terá este venres a súa estrea mundial na sección ‘Panorama’, mentres que a premiere da longametraxe de Carla Subirana será o domingo, dentro da sección ‘Generation’

As películas 'Matria' e 'Sica', participadas pola Televisión de Galicia, chegan á Berlinale

Santiago, 16.02.2023.-    As películas galegas ‘Matria’ e ‘Sica’, participadas pola TVG, terán a súa estrea mundial na Berlinale, un dos festivais de cinema máis importantes do mundo, que hoxe comeza e que se celebrará ata o vindeiro 26 de febreiro.

Matria’, a ópera prima de Álvaro Gago, estrearase este venres e entrará a competición dentro da sección ‘Panorama’. Trátase da primeira longametraxe do cineasta arousán e parte da personaxe principal da curtametraxe homónima que o levou a recibir innumerables recoñecementos a nivel nacional e internacional, como o Gran Premio do Xurado no Festival de Sundance 2018 ou a selección como finalista ao Goya á mellor curtametraxe de ficción en 2019.

‘Matria’ conta a historia de Ramona, que vive nunha vila de Galicia sumida nun contexto laboral e persoal tenso e impredicible. Sempre sacrificándoo todo polo futuro da súa filla Estrella, verase empurrada a mirar para dentro e a pensar que, tal vez, haxa algo novo polo que vivir. A actriz María Vázquez interpreta a Ramona e completan o elenco Soraya Luaces, Santi Prego, Eduardo R. Cunha ‘Tatán’, Susana Sampedro e Francisca Iglesias, protagonista da curtametraxe e da historia real en que se inspira o filme.

Pola súa parte, a produción galego-catalá ‘Sica’, a primeira longametraxe de ficción de Carla Subirana, foi seleccionada na sección ‘Generation’, onde se exhibirá o vindeiro domingo. Trátase dun coming-of-age, xénero que se centra no crecemento psicolóxico e moral do protagonista, que conta a busca que leva a cabo unha rapaza de 14 anos, obsesionada con que o mar devolva o corpo do seu pai tras un naufraxio.

O filme está protagonizado por Thais García Blanco, veciña da Costa da Morte, onde se rodou a cinta, igual que os tamén debutantes Marco Antonio Florido Añón e María Villaverde Ameijeiras. Acompáñaos a actriz catalá Núria Prims e o galego Lois Soaxe, canda outros actores non profesionais da zona.

ler máis

'Land Rober Tunai Show' da TVG, primeiro programa de España en directo en crear un club no metaverso

15/02/2023

A audiencia poderá interactuar no estudo do programa no metaverso e ter acceso permanente a contidos exclusivos, sorpresas e sorteos

A Televisión de Galicia foi tamén pioneira en España en aplicar o formato de slow tv, no 2017, ou en ter un espazo, ‘Un país en 360’, que incorporaba a estereoscopía e os 360º nun concepto multiplataforma que se emitiu tamén por YouTube

'Land Rober Tunai Show' da TVG, primeiro programa de España en directo en crear un club no metaverso

Santiago, 15.02.2023.- A Televisión de Galicia e os seus espazos seguen a innovar. Por primeira vez en España un programa de televisión crea un club no metaverso no que poderá participar en directo a audiencia. Na emisión do ‘Land Rober Tunai Show’ da Televisión de Galicia deste xoves, no seu programa 300, os espectadores poderán acceder a un código QR que aparecerá na pantalla para, cubrindo un pequeno formulario, converterse en socios deste pioneiro club que os leva directos ao metaverso do ‘Land Rober’, co que o mundo virtual se fusiona co real nun clic. 

ler máis

A Televisión de Galicia acada 54 candidaturas aos XXI Premios Mestre Mateo

07/02/2023

Optan a Mellor Programa os espazos da TVG ‘Clac’, ‘Dígocho Eu’ e ‘Catro gatos’

A canle pública participa nas catro cintas que compiten a Mellor Longametraxe: ‘O corpo aberto’, ‘Código Emperador’, ‘O home e o can’ e ‘Live is life’

TVG emitirá a gala de entrega dos Mestre Mateo, o 11 de marzo desde Ourense

 

 

A Televisión de Galicia acada 54 candidaturas aos XXI Premios Mestre Mateo

Santiago, 07.02.2023.-       As producións da Televisión de Galicia acadaron un total de 54 candidaturas para a XXI edición dos Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual, cuxos finalistas se coñeceron este martes. Entre elas destacan os espazos ‘Dígocho Eu’, ‘Clac’ e ‘Catro gatos’ da canle pública, que optan ao galardón a mellor programa de televisión ou os presentadores Esther Estévez, por ‘Dígocho Eu’, e Xose A. Touriñán, por ‘Catro gatos’, que optan a premio no apartado Mellor Comunicador/a.

ler máis