CRTVG Viva
'Xente Marabillosa' aborda hoxe a discriminación silenciada que sofren as persoas enfermas de cancro
A modelo e presentadora Paloma Lago amadriña un programa (22.40 h) en que a televisiva Trisha Fernández será vítima dunha cámara oculta

Santiago, 04.06.2023.- Este domingo, o programa ‘Xente Marabillosa’ tocará un tema especialmente doloroso: a marxinación que sofren os enfermos e superviventes oncolóxicos á hora de buscar traballo. Deste xeito, o programa aborda sen rodeos unha discriminación silenciada e que, desgraciadamente, non é algo excepcional.
Unha muller volve á cafetería onde traballaba para ser readmitida tras superar un cancro e atopa a desagradable sorpresa de que non a queren volver contratar porque a consideran ‘enferma’ a pesar de levar os papeis da súa alta. Esta situación baseada en feitos reais é a que recrea a cámara oculta do programa desta semana. Haberá ‘xente marabillosa’ que reaccione ante esta exclusión?
A actriz e presentadora de ‘Luar’ Trisha Fernández será ‘vítima’ desta cámara oculta e comentará a súa reacción no estudio onde, ademais, recibirá o agarimo dos seus seres máis queridos.
A presentadora do programa, Lucía Rodríguez, estará hoxe acompañada pola famosa modelo, presentadora e escritora Paloma Lago. A ferrolá colabora coa Asociación Española Contra o Cancro e con Naru Fundación, que precisamente loita pola empregabilidade das persoas que superaron un cancro.
Desde o inicio, Paloma e Lucía estarán acompañadas do ‘público virtual’, un mosaico de persoas conectadas ao programa desde as súas casas, moitos deles relacionados cos/as convidados/as. A música virá nesta ocasión da man da exrrecanteira Ara Nieto, que interpreterá dous coñecidos temas de Estopa e Rozalén.
A TVG recolle en San Sebastián o Premio Europeo CIRCOM pola serie 'Motel Valkirias'
Estes galardóns recoñecen as mellores producións audiovisuais das televisións públicas rexionais europeas e foron entregados na gala celebrada no marco da 39ª Conferencia Anual de CIRCOM
Recolleron o premio Xaime Arias, director de Proxección Social da Corporación, e Ghaleb Jaber Martínez, director da produtora CTV

Santiago, 01.06.2023.- O director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias, recolleu esta noite o Premio CIRCOM 2023 outorgado á serie da Televisión de Galicia ‘Motel Valkirias’, recoñecida no apartado de entretemento e ficción. Esta coprodución da TVG e a RTP acada así o décimo premio internacional para a canle pública galega, todos eles logrados desde 2012. Arias estivo acompañado por Ghaleb Jaber Martínez, director da produtora CTV.
O estudio multimedia da CRTVG, presentado como caso de estudo na Conferencia Anual de CIRCOM
No marco do panel ‘Innovación e tendencias’, Carlos García Verdugo, coordinador de operacións da Corporación, explicou a funcionalidade e versatilidade deste espazo multicanle en que converxen radio, televisión e Internet
Preto de 250 televisións rexionais públicas europeas reúnense en San Sebastián para abordar os retos do sector

Santiago, 01.06.2023.- A 39ª Conferencia Anual de CIRCOM, a asociación das televisións rexionais públicas europeas, acolle este xoves e venres en San Sebastián os casos de estudo máis destacados elixidos entre case 250 canles de toda Europa. Neste marco a CRTVG foi convidada a presentar o seu novo estudio multimedia, en que converxen radio, televisión e canles dixitais con calidade broadcast en todas as canles.
No seu relatorio dentro do panel ‘Innovación e tendencias’, Carlos García Verdugo, coordinador de operacións da Corporación, explicou no auditorio do Kursaal, ateigado de profesionais de medios de toda Europa, a funcionalidade e versatilidade deste estudio, e expuxo exemplos de formatos e producións en que se combinan os recursos dos estudios da Radio Galega cos medios da Televisión de Galicia e as canles dixitais. Con máis de 100 horas de contido semanal para as distintas canles da CRTVG, este estudio multimedia da emisora consolidouse no último ano como un dos principais activos de produción da Corporación.
Representantes de medios de toda Europa analizan esta semana en San Sebastián os retos do audiovisual baixo o lema ‘We Talk, We Listen, We Share’ e abordan temas clave como a transformación dixital e o achegamento ao público máis novo. CIRCOM Regional reúne preto de 250 canles de televisión públicas rexionais de 30 países europeos. Este ano elixiu España para a súa conferencia anual e a gala dos Premios CIRCOM, que serán entregados esta noite en San Sebastián nunha gala en que será premiada a serie da TVG ‘Motel Valkirias’.
A TVG acada a cota máis alta do ano e lidera en informativos
Cun 11,3% no total día, a Galega acada o seu mellor mes de maio desde 2011
A franxa do mediodía chega ao 18,6%, triplicando en audiencia a outra canle pública que emite en Galicia (TVE, 6,1%)
No prime time, cun 11,5% de media, a Galega crece en audiencia os sete días da semana
A TVG foi a canle de Forta que máis medrou este mes, e a G2 marca o terceiro máximo do ano

Santiago, 01.06.2023.- Cun 11,3% de cota media, o dato máis alto neste 2023, e un 11,5% de media no prime time, a Galega pecha un mes de maio marcado polo liderado informativo, segundo o informe do medidor independente Kantar Media coñecido este xoves.
Con este resultado a TVG acada o seu mellor mes de maio desde 2011 e é a canle autonómica que máis medra.
Amplo liderado informativo: crecen os sete días da semana
A TVG acada a maior cota de pantalla de España na xornada electoral
Foi a canle con maior cota de pantalla de todo o estado tanto no conxunto da xornada (17,2 %) coma no prime time (28,7 %)
O Especial ‘Eleccións 28M’, de 5 horas en directo, foi o programa de maior audiencia, cunha cota do 26 % e picos de ata o 39,2 %
Ao longo do día, máis de 1 millón de galegos seguiron a TVG nalgún momento

Santiago, 29.05.2023.- A Televisión de Galicia foi este domingo electoral a canle con maior cota de pantalla de toda España, tanto no conxunto da xornada coma no prime time. A Galega, cun 17,2 % de media do día, foi, xa que logo, líder tamén entre as canles autonómicas, seguida pola vasca ETB2 (16 % no conxunto do día). Ao longo da xornada, 1.004.000 galegos formaron parte da audiencia da TVG.
O especial ‘Eleccións 28M’, presentado polos xornalistas Marta Darriba, Carlos Amado e Alberto Mancebo e emitido entre as 19:45 h e a 1:10 da madrugada, foi o programa de maior audiencia da xornada, cunha cota de pantalla do 26 %. Durante a súa emisión acadou un pico de cota superior ao 39 %, (ás 22:08, 39,2%).
O ‘Telexornal Mediodía’ foi o segundo programa de maior audiencia na xornada, cunha cota do 19,3 %, e ‘Galicia Noticias’, o terceiro, cunha cota do 21 %.
A proposta dos medios públicos para esta xornada electoral, cun amplo despregadura no territorio e programación especial na tarde e noite, acadou unha vez máis o respaldo da cidadanía galega, que elixe a CRTVG como o seu referente entre os servizos públicos de comunicación de Galicia.
A CRTVG comeza a busca da canción que lle porá a banda sonora ao verán de 2023
Ábrese a convocatoria da sétima edición do certame ‘Este verán canta con nós’, que premiará con 1.000 euros un tema inédito escrito en galego
Intérpretes e grupos teñen ata o 16 de xuño para enviar as súas propostas e aspirar a suceder a Rotce, Adri Coyote e La Quinkillada, que gañaron o ano pasado co tema ‘Corazón de toxo’

Santiago, 23.05.2023.- A CRTVG comeza a procura da canción do verán, do tema que será a súa banda sonora durante os vindeiros meses. Un ano máis, os medios públicos abren a convocatoria do certame ‘Este verán canta con nós’, que ten como obxectivo apoiar a música en galego e descubrir novos talentos, e que premiará con 1.000 euros un tema inédito e orixinal escrito e cantado en lingua galega.
Os intérpretes e grupos interesados en participar na sétima edición do concurso teñen ata o 16 de xuño para enviar as súas propostas, que non deberán exceder dos tres minutos de duración e que poderán ir acompañadas dun vídeo musical. As cancións deberán enviarse en formato mp3 a canciondoveran2023@crtvg.gal, nun correo onde consten os datos das persoas participantes (nome, apelidos, DNI, teléfono e enderezo completo, tanto do intérprete como do compositor e/ou letrista), e remitilas en formato mp4, no caso de presentar un videoclip.
Unha vez rematado o prazo de entrega, levarase a cabo o proceso de selección do tema gañador do concurso, que será escollido por un xurado composto por cinco persoas designadas pola dirección da CRTVG, que valorará a orixinalidade, a calidade técnica e o acompañamento dun vídeo musical. No veredicto, que se coñecerá o 20 de xuño, incluirase tamén unha lista puntuada ata o quinto posto.
Todos os participantes no concurso cédenlle á CRTVG o dereito de reprodución e de comunicación pública por televisión en todos os sistemas, así como a través de Internet, da canción e do seu vídeo, de ser o caso. As bases do certame poden consultarse aquí.
A apegadiza electrocumbia ‘Corazón de toxo’, de Rotce, Adri Coyote e La Quinkillada foi a canción do verán da pasada edición e resultou gañadora tras convencer o xurado pola súa ledicia, por ser moi ‘verbeneira’ e moi galega e por contar con todos os elementos para triunfar.
Os medios públicos celebran a semana das Letras Galegas con documentais, entrevistas, música e cinema galego
O importante arquivo da CRTVG é peza fundamental desta programación arredor da figura de Fernández del Riego, e que fará posible a emisión da voz do autor así como entrevistas con especialistas
O documental ‘A nosa propia galaxia’, a ‘Gala #DígochoEu’, un especial de ‘Zigzag’, a estrea do filme ‘Malencolía’ e o ‘Concerto das Letras’ son as principais apostas da TVG

Santiago, 12.05.2023.- A CRTVG desenvolve desde esta fin de semana unha programación especial arredor da figura de Francisco Fernández del Riego con motivo do Día das Letras Galegas 2023. O arquivo audiovisual da Corporación é fundamental nesta programación, xa que fará posible a emisión da propia voz do escritor e de entrevistas con especialistas na súa obra, en televisión, radio e canles dixitais para afondar na figura do homenaxeado e o seu labor intelectual como personaxe imprescindible do galeguismo, ensaísta, narrador e estudoso da literatura e a cultura galegas.
A TVG acada un 10 % de audiencia en abril
A franxa informativa do mediodía, composta por ‘Galicia Noticias’ e ‘Telexornal Mediodía’, segue incrementando audiencia, segundo os datos de Kantar Media coñecidos este martes

Santiago, 02.05.2023.- Cun 10 % de cota media e un 1 % na G2, os datos de audiencia do mes de abril indican estabilidade e consolidación para a Televisión de Galicia, segundo os datos do medidor independente Kantar Media coñecidos este martes. Nos primeiros catro meses deste 2023, a cota media da canle é do 10,5 %.
Seguen a medrar os informativos
Neste mes de abril medraron en audiencia os espazos informativos do bloque do mediodía: o informativo ‘Galicia Noticias’, que subiu en 2,3 puntos de luns a venres e 1,8 na fin de semana, e o ‘Telexornal Mediodía’, que creceu 1,3 puntos de luns a venres e 0,8 na fin de semana.
A Galega pecha cinco dos sete días da semana por riba dos dous díxitos. Destacan as cotas de pantalla nos días laborables: luns (10,2 %), martes (10,7 %), mércores (11,1 %), xoves (12,1 %) e venres (11,8 %). No prime time cómpre salientar as cotas dos mércores (10,1 %), xoves (11,5 %) e venres (11,5 %).
A TVG actúa coma un dos motores de FORTA, ao superar a este grupo de canles autonómicas en 1,5 puntos de cota no conxunto do mes.
A serie da TVG 'Motel Valkirias', premio europeo CIRCOM 2023 á mellor ficción de televisión
Este wéstern fronteirizo, coproducido por TVG e a RTP, consegue o décimo galardón internacional para a Televisión de Galicia desde 2012
Os premios da asociación das televisións rexionais públicas europeas, CIRCOM, serán entregados o 1 de xuño nunha gala que este ano terá lugar en San Sebastián

Santiago, 27.04.2023.- Os premios europeos CIRCOM, da asociación das televisións rexionais públicas europeas, deron a coñecer este xoves os seus galardóns anuais e, no apartado de entretemento e ficción, a elixida foi a serie da Televisión de Galicia ‘Motel Valkirias’. Esta coprodución da TVG e a RTP, que se emite os luns pola noite na Galega, acada así o décimo premio internacional para a TVG, todos eles logrados desde 2012.
Os Premios CIRCOM Regional foron creados hai máis de 30 anos para galardoar os mellores programas de televisión producidos e emitidos por canles rexionais públicas de toda Europa. A entidade reúne preto de 250 canles de televisión públicas rexionais de 30 países europeos. Este ano os premios serán entregados o 1 de xuño nunha gala que terá lugar en San Sebastián, no marco da 39ª Conferencia Anual de CIRCOM que se celebrará na cidade vasca, organizada por EiTB.
O premio a ‘Motel Valkirias’ súmase a outros galardóns acadados nos Prix CIRCOM pola TVG. O último, o ano pasado, cando a xornalista Noelia Rey, unha das presentadoras do programa ‘Malicia Noticias’, recibiu o galardón ao Novo Talento en Pantalla 2022. Anteriormente, este mesmo galardón recaera na xornalista Alba Mancebo e a serie ‘Matalobos’ lograra o premio á mellor ficción de televisión. A serie ‘3 camiños’, o documental ‘Máis ca vida’, o programa ‘No bico un cantar’ e unha reportaxe do espazo ‘Deporte Extra’ foran tamén distinguidos con respectivas mencións especiais en pasadas edicións dos Prix CIRCOM.
‘Motel Valkirias’ é unha coprodución entre CTV e SPi, de España e Portugal, e conta co apoio da Agadic, Xunta de Galicia, PIC Portugal, Turismo de Portugal e a colaboración da Deputación de Ourense e a Cámara Municipal de Montalegre. A serie é un wéstern fronteirizo protagonizado por María Mera, Marina Mota, Maria João Bastos e o gañador dun Goya Chechu Salgado.
A Coruña acolle a preestrea do filme ‘Fatum’, participado pola Televisión de Galicia e que chegará este venres ás salas de cinema
O filme, rodado na cidade herculina, conta no elenco con Luís Tosar, Arón Piper, Álex García e Elena Anaya, e narra un atraco de doce horas a unha casa de apostas

Santiago, 27.04.2023.- O filme ‘Fatum’, participado pola Televisión de Galicia, preestréase hoxe na Coruña. Precisamente, a cidade herculina acolleu tamén a rodaxe do thriller, que dirixe Juan Galiñanes, converténdose nun protagonista máis da trama. A película narra un atraco de doce horas a unha casa de apostas e chegará mañá venres ás salas de cinema.