CRTVG Viva
'Motel Valkirias' chega á TVG o 6 de marzo, un western fronteirizo protagonizado por tres mulleres ao límite
Este mércores celebrouse a preestrea en Santiago, coa asistencia do elenco e de caras coñecidas da canle e do audiovisual galego e portugués
A serie é unha nova coprodución internacional en que participan a RTP e SPI portuguesas e a TVG e CTV galegas
‘Motel Valkirias’ consta de 8 episodios de 50 minutos, e o primeiro capítulo emitirase no prime time do vindeiro luns ás 22:40 h

Santiago, 01.03.2023.- A nova serie da TVG ‘Motel Valkirias’ celebrou este mércores a súa preestrea no Auditorio Abanca de Santiago, cun evento ao que asistiu o equipo artístico e técnico desta nova coprodución internacional, ademais de autoridades e directivos de TVG, RTP, CTV e SPI. ‘Motel Valkirias’, un western fronteirizo protagonizado por tres mulleres que se atopan nunha situación límite, está protagonizada por María Mera (Infiesto, O sabor das margaridas), Marina Mota (Para sempre, Quer o destino), Maria João Bastos (A Rainha e a Bastarda, Amor, amor), e o gañador dun Goya Chechu Salgado (Las leyes de la frontera, Fariña).
As actrices e actores protagonistas María Mera e Chechu Salgado, xunto con Tomás Alves, Alba Loureiro, Machi Salgado, Miro Magariños, Yelena Molina, Vicente Mohedano, Josito Porto e Neves Rodríguez, posaron no photocall de forma previa á proxección do primeiro capítulo da serie, que consta de 8 episodios de 50 minutos. O primeiro capítulo emitirase no prime time da TVG do luns, 6 de marzo (22:40 h).
O creador da serie, Ghaleb Jaber Martínez, explica que non fixeron unha serie para o algoritmo, senón para as persoas. “En CTV, cremos máis na calidade que no éxito. ‘Motel Valkirias’ fala da vida e de como, ás veces, necesitamos fuxir dela. É un drama fronteirizo, situado entre Galicia e Portugal, que ten un toque de western. Apostamos por unha trama, cociñada a lume lento, na que tres mulleres loitan por recuperar o control das súas vidas, mentres forxan unha grande amizade”, sinalou.
Pola súa parte, o director de Contidos da CRTVG, Fernando R. Ojea, salientou a "aposta da Televisión de Galicia pola ficción de calidade e polo talento desde Galicia. Con 'Motel Valkirias' reforzamos o apoio sostido da TVG ao sector audiovisual galego e á vez abrimos mercados coa industria portuguesa, nunha nova coprodución entre ambos países, que xa acadaron e exportaron grandes éxitos de ficción a outras canles e plataformas dixitais nestes últimos anos".
A estrea contou coa presenza do director de Contidos da CRTVG, Fernando R. Ojea; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o presidente de CTV, Ghaleb Jaber Ibrahim; o director da RTP1, José Fragoso; o director de CTV, Xosé Arias; o produtor executivo da produtora e creador da serie, Ghaleb Jaber Martínez, e tamén asistiron o administrador do grupo SP Televisão, Jorge Marecos; o responsable de Negocios e Coprodución de SPi, Manuel Claro, o administrador e CFO desta produtora, Pedro Rosa, e a directora de Comunicación e Markéting da RTP, Marina Ramos.
Equipo e sinopse
Álex Sampayo e Jorge Queiroga son os directores desta ficción, que conta cun equipo de guionistas de ampla traxectoria integrado por Ghaleb Jaber Martínez, Raquel Arias, Alba Araújo, Patrícia Müller, Manuel Gancedo e Manuel Darriba. A serie é unha coprodución entre CTV e SPi, España e Portugal, coa participación de TVG, RTP, o apoio da Agadic, Xunta de Galicia, PIC Portugal, Turismo de Portugal e a colaboración da Deputación de Ourense e a Cámara Municipal de Montalegre.
No ‘Motel Valquirias’ a vida de tres mulleres con grandes problemas persoais e económicos crúzase, de maneira fortuíta, cando coñecen a Elixio, un cliente que transporta unha mercadoría valiosa. Así é como Lucía, unha nai que foxe do seu exmarido; Eva, unha actriz en declive, e Carolina, a dona dun motel en bancarrota, se unen nun plan que consiste en encontrar o misterioso botín de Elixio. O que non saben estas tres mulleres é que a súa vida corre perigo porque a mercadoría pertence a unha banda perigosa que se dedica ao branqueo de cartos: os Mendonça. Un clan que non dubida en ir tras elas para recuperar o que é seu, custe o que custe.
‘Motel Valkirias’ está ambientada nun espazo singular: un motel fronteirizo, un lugar estancado no tempo, esquecido do progreso. Un limbo onde as normas se suspenden e onde todo pode pasar. É neste marco no que se sitúa a trama da serie, no que a modo de dramedia se abordan temas como a presión social sobre as mulleres ou a precariedade económica á que están expostas.
Televisión de Galicia remata febreiro cun 10,7% de audiencia
A canle segue superando neste 2023 a media do ano pasado e mantense líder en informativos
No prime time, a faixa máis competida do día, a Galega segue un mes máis por riba dos dous díxitos, cun 10,5 %

Santiago, 01.03.2023.- Televisión de Galicia pechou o mes de febreiro cunha cota media do 10,7 % e cun 10,5 % no prime time, a franxa de máis consumo do día, e segue tamén líder en informativos en Galicia, segundo se desprende dos datos do medidor independente Kantar Media.
A programación informativa máis vista no ámbito de Galicia segue a ser a da TVG, cunha audiencia total de preto 1.500.000 galegos maiores de catro anos e nun segmento no que medrou a audiencia neste mes febreiro dos informativos matinais ‘Bos Días’, e ‘A Revista'.
No ámbito das canles autonómicas, a TVG segue a ser un dos motores da FORTA, ao superar este grupo en 1,9 puntos no conxunto do mes. E no prime time, a TVG supera a media do grupo en 1,2 puntos.
Por días da semana, salientan as medias superiores á acadada no conxunto do mes nas xornadas do luns (10,8 %), martes (11,1 %), xoves (11,5 %) e venres (12,4 %), día que aumenta en 1,2 puntos respecto ao mes pasado. E tamén no prime time cómpre salientar as cotas dos martes (10,5 %), xoves (10,9 %) venres (12 %), sábados (11 %) e domingos (10,7 %).
O arquivo da CRTVG, peza imprescindible da programación especial das Letras Galegas 2023
Fará posible escoitar e ver a Francisco Fernández del Riego, o autor homenaxeado, en entrevistas e documentais que se difundirán en televisión, radio e canles dixitais
A presentación dos actos institucionais tivo lugar este venres en Santiago

Santiago, 24.02.2023.- A CRTVG vai amplificar e divulgar a celebración do Día das Letras Galegas 2023 cunha completa programación en televisión, radio, canles dixitais e cunha campaña institucional no mes de maio para celebrar o autor homenaxeado este ano, o tradutor, novelista, historiador, xornalista, ensaísta e editor Francisco Fernández del Riego.
A presentación dos actos oficiais e institucionais arredor desta data tivo lugar este venres nun acto en que participaron o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez; o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o director de Proxección Social da CRTVG, Xaime Arias, e a alcaldesa de Lourenzá e presidenta da Mesa Coordinadora D. Paco, Rocío López. Nas súas intervencións, debullaron un completo programa dos ámbitos literario, deportivo, musical, escénico, académico e escolar.
As películas 'Matria' e 'Sica', participadas pola Televisión de Galicia, chegan á Berlinale
A ópera prima de Álvaro Gago terá este venres a súa estrea mundial na sección ‘Panorama’, mentres que a premiere da longametraxe de Carla Subirana será o domingo, dentro da sección ‘Generation’

Santiago, 16.02.2023.- As películas galegas ‘Matria’ e ‘Sica’, participadas pola TVG, terán a súa estrea mundial na Berlinale, un dos festivais de cinema máis importantes do mundo, que hoxe comeza e que se celebrará ata o vindeiro 26 de febreiro.
‘Matria’, a ópera prima de Álvaro Gago, estrearase este venres e entrará a competición dentro da sección ‘Panorama’. Trátase da primeira longametraxe do cineasta arousán e parte da personaxe principal da curtametraxe homónima que o levou a recibir innumerables recoñecementos a nivel nacional e internacional, como o Gran Premio do Xurado no Festival de Sundance 2018 ou a selección como finalista ao Goya á mellor curtametraxe de ficción en 2019.
‘Matria’ conta a historia de Ramona, que vive nunha vila de Galicia sumida nun contexto laboral e persoal tenso e impredicible. Sempre sacrificándoo todo polo futuro da súa filla Estrella, verase empurrada a mirar para dentro e a pensar que, tal vez, haxa algo novo polo que vivir. A actriz María Vázquez interpreta a Ramona e completan o elenco Soraya Luaces, Santi Prego, Eduardo R. Cunha ‘Tatán’, Susana Sampedro e Francisca Iglesias, protagonista da curtametraxe e da historia real en que se inspira o filme.
Pola súa parte, a produción galego-catalá ‘Sica’, a primeira longametraxe de ficción de Carla Subirana, foi seleccionada na sección ‘Generation’, onde se exhibirá o vindeiro domingo. Trátase dun coming-of-age, xénero que se centra no crecemento psicolóxico e moral do protagonista, que conta a busca que leva a cabo unha rapaza de 14 anos, obsesionada con que o mar devolva o corpo do seu pai tras un naufraxio.
O filme está protagonizado por Thais García Blanco, veciña da Costa da Morte, onde se rodou a cinta, igual que os tamén debutantes Marco Antonio Florido Añón e María Villaverde Ameijeiras. Acompáñaos a actriz catalá Núria Prims e o galego Lois Soaxe, canda outros actores non profesionais da zona.
'Land Rober Tunai Show' da TVG, primeiro programa de España en directo en crear un club no metaverso
A audiencia poderá interactuar no estudo do programa no metaverso e ter acceso permanente a contidos exclusivos, sorpresas e sorteos
A Televisión de Galicia foi tamén pioneira en España en aplicar o formato de slow tv, no 2017, ou en ter un espazo, ‘Un país en 360’, que incorporaba a estereoscopía e os 360º nun concepto multiplataforma que se emitiu tamén por YouTube

Santiago, 15.02.2023.- A Televisión de Galicia e os seus espazos seguen a innovar. Por primeira vez en España un programa de televisión crea un club no metaverso no que poderá participar en directo a audiencia. Na emisión do ‘Land Rober Tunai Show’ da Televisión de Galicia deste xoves, no seu programa 300, os espectadores poderán acceder a un código QR que aparecerá na pantalla para, cubrindo un pequeno formulario, converterse en socios deste pioneiro club que os leva directos ao metaverso do ‘Land Rober’, co que o mundo virtual se fusiona co real nun clic.
A Televisión de Galicia acada 54 candidaturas aos XXI Premios Mestre Mateo
Optan a Mellor Programa os espazos da TVG ‘Clac’, ‘Dígocho Eu’ e ‘Catro gatos’
A canle pública participa nas catro cintas que compiten a Mellor Longametraxe: ‘O corpo aberto’, ‘Código Emperador’, ‘O home e o can’ e ‘Live is life’
TVG emitirá a gala de entrega dos Mestre Mateo, o 11 de marzo desde Ourense

Santiago, 07.02.2023.- As producións da Televisión de Galicia acadaron un total de 54 candidaturas para a XXI edición dos Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual, cuxos finalistas se coñeceron este martes. Entre elas destacan os espazos ‘Dígocho Eu’, ‘Clac’ e ‘Catro gatos’ da canle pública, que optan ao galardón a mellor programa de televisión ou os presentadores Esther Estévez, por ‘Dígocho Eu’, e Xose A. Touriñán, por ‘Catro gatos’, que optan a premio no apartado Mellor Comunicador/a.
#DígochoEu estrea o vídeo de Rhome, o segundo finalista do concurso 'Unha canción para Esther'
Este artista emerxente noiés foi seleccionado pola súa canción ‘Río’, que interpreta coa presentadora do espazo, Esther Estévez
Cada mes, a CRTVG está a facer pública unha das pezas que competirán polo premio, cuxo gañador se coñecerá en maio nunha gala musical

Santiago, 02.02.2023.- O espazo de promoción da lingua da CRTVG #DígochoEu estreou hoxe o segundo vídeo do concurso ‘Unha canción para Esther’. Trátase da composición musical ‘Río’, do noiés Rhome, un artista emerxente da música galega que compón temas de corte urbano e que comezou neste mundo de xeito autodidacta. Ademais de a través da TVG, o vídeo musical está accesible na web, na canle de YouTube e nas redes sociais da Galega.
O concurso do #DígochoEu convidou a todo o público da CRTVG a presentar temas que puidese interpretar a xornalista Esther Estévez, ben na súa totalidade ou acompañada do autor, intérprete ou grupo. Tiñan que ser pezas orixinais, escritas en lingua galega, de menos de tres minutos de duración. A lista de finalistas complétana King Kids, cuxa canción se estreou o pasado mes de decembro, Chamaquito Pistolas, Diego de Braelle e Chris Indian + Hydn.
#DígochoEu está a lanzar cada mes un vídeo cos temas finalistas. O gañador de ‘Unha canción para Esther’ coñecerase en maio nunha gala musical. Os cinco finalistas foron seleccionados por un xurado composto polo equipo do #DígochoEu, que valorou a orixinalidade, calidade técnica e acompañamento dun vídeo musical das opcións participantes. A peza gañadora será elixida por un xurado alleo ao programa e farase cun premio de 500 euros. A segunda mellor valorada recibirá 400 €; a terceira, 300 €; a cuarta, 200 €, e a última finalista, 100 €.
#DígochoEu segue medrando
O #DígochoEu, que xa supera os 1.000 capítulos, segue a medrar con novas propostas, como este concurso, que se suma aos II Premios #DígochoEu, un certame escolar de vídeos para alumnos de ciclos de Educación Primaria e Secundaria de todos os centros escolares de Galicia, ou daqueles de fóra da comunidade que impartan lingua galega.
Ademais, este popular espazo da CRTVG ampliou horizontes coa nova sección #DígochoWHAT?!, en que Esther Estévez lles ensina galego a estranxeiros, e con ‘Digochiño’, un novo proxecto que leva a lingua ao público infantil. Un pequeno raposo azul e branco protagoniza este espazo de ficción, guionizado e supervisado polo equipo de lingüistas da TVG, EN que os máis pequenos aprenden galego na G2 e nas canles dixitais, en Instagram e en TikTok. Estreado o 7 de xaneiro, en menos dun mes os vídeos acadaron un millón de reproducións.
Televisión de Galicia pecha xaneiro coa audiencia máis alta desde 2014
Cun 11,2%, a audiencia segue a medrar, superando neste comezo de ano a media de 2022
Máis de 1.500.000 espectadores nos servizos informativos
O prime time segue forte en dous díxitos, cun 10,6%

Santiago, 01.02.2023.- A Televisión de Galicia pechou o mes de xaneiro cunha cota media do 11,2%, o mellor dato no primeiro mes do ano desde 2014, e cun 10,6% no prime time, a franxa de máis consumo do día, mellorando ademais en 7 décimas a cota media de 2022. En comparación co mes de xaneiro do ano pasado, o aumento de audiencia neste 2023 é case do 7% (6,7%).
Líderes en informativos
A programación informativa máis vista no ámbito de Galicia segue a ser a da TVG, cunha audiencia total de 1.544.000 galegos maiores de catro anos. Ademais, medraron en cota os principais informativos. Na franxa do mediodía, o ‘Galicia Noticias’ subiu un 1,9% e o ‘Telexornal Mediodía’, un 0,8%. Tamén o matinal ‘A Revista’ medrou un 0,6%.
No ámbito das canles autonómicas, a TVG segue a ser un dos motores da FORTA, ao superar este grupo en 2,3 puntos no conxunto do mes. E no prime time a TVG supera a media do grupo en 1 punto.
A Televisión de Galicia pecha todos os días da semana por riba do 10% de cota. Por días da semana, salientan as medias superiores á acadada no conxunto do mes nas xornadas do luns (11,3%), martes (11,5%), xoves (12,4%) e venres (11,8%). E tamén en prime time os martes e xoves (cun 10,6%), venres (11,2%) e domingos (11,9%), día no que se estreou neste xaneiro o espazo ‘Veciñ@s’.
O filme 'Matria', que conta coa participación da TVG, competirá na Berlinale
A ópera prima de Álvaro Gago, un drama social protagonizado por María Vázquez, terá a súa estrea mundial en Berlín o 17 de febreiro e chegará ás salas de cine o 24 de marzo

Santiago, 18.01.2023.- ‘Matria’, a ópera prima de Álvaro Gago, que conta co apoio da Televisión de Galicia, participará na Berlinale, un dos festivais de cine máis importantes do mundo, que se celebra en Berlín do 16 ao 26 de febreiro. Alí a película terá a súa estrea mundial o día 17 de febreiro, a competición dentro da sección Panorama. A súa estrea comercial nas salas de cinema está prevista para o 24 de marzo.
Trátase da primeira longametraxe do cineasta arousán e parte da personaxe principal da curtametraxe homónima que levou a Álvaro Gago a recibir innumerables recoñecementos a nivel nacional e internacional, como o Gran Premio do Xurado no Festival de Sundance 2018 ou a selección como finalista ao Goya á mellor curtametraxe de ficción en 2019.
‘Matria’ conta a historia de Ramona, que vive nunha vila de Galicia sumida nun contexto laboral e persoal tenso e impredicible. Sempre sacrificándoo todo polo futuro da súa filla Estrella, verase empurrada a mirar para dentro e a pensar que, tal vez, haxa algo novo polo que vivir. A actriz María Vázquez interpreta a Ramona e completan o elenco Soraya Luaces, Santi Prego, Eduardo R. Cunha ‘Tatán’, Susana Sampedro e Francisca Iglesias, protagonista da curtametraxe e da historia real en que se inspira o filme.
Rodada en galego en distintas localizacións do Salnés e de Pontevedra, ‘Matria’ está producida por Matriuska Producciones, Avalon P.C, Elastica Films, Ringo Media e Felicidad La Película, AIE. Conta co financiamento do ICAA (Ministerio de Cultura) e de Agadic (Xunta de Galicia), coa participación da Televisión de Galicia, Movistar e The Screen, e coa colaboración da Deputación de Pontevedra e mais do Concello de Pontevedra.
'Fatum', nova película participada pola Televisión de Galicia, chegará aos cines o vindeiro mes de abril
Dirixida por Juan Galiñanes e con Luís Tosar e Álex García como protagonistas, é un thriller dramático de ritmo trepidante cuxa acción transcorre en só dúas horas arredor dun atraco a unha casa de apostas

Santiago, 16.01.2023.- A película ‘Fatum’, producida por Vaca Films e participada pola Televisión de Galicia, chegará ás salas de cine o vindeiro mes de abril. Dirixida por Juan Galiñanes e con Luís Tosar e Álex García como protagonistas, é un thriller dramático de ritmo trepidante cuxa acción transcorre en só dúas horas arredor dun atraco a unha casa de apostas.
A primeira longametraxe de ficción de Juan Galiñanes, con guión escrito por el mesmo e Alberto Marini, é unha orixinal e sorprendente visión sobre o peso do destino e o azar e sobre como este inflúe de xeito determinante nas nosas vidas e no futuro máis inmediato.
‘Fatum’ presenta a historia de Sergio, que ten graves problemas co xogo. Tras xurarlle á súa muller que non volvería caer, recibe un sopro sobre un suposto amaño dun partido de fútbol e, incapaz de cumprir coa súa promesa, regresa á casa de apostas coa intención de recuperar todos os cartos perdidos. O destino fai que, xunto a Pablo, un francotirador dos GEO preocupado pola vida do seu fillo, que pende dun fío, se vexa envolto nun atraco á casa de apostas, onde un disparo cambiará as súas vidas para sempre.
Elena Anaya, Aron Piper e Luísa Mayol completan o elenco desta coprodución de Vaca Films e Playtime, que conta coa participación de RTVE, Amazon e TVG e co apoio de ICAA e Agadic e cuxa rodaxe se desenvolveu en Galicia. O filme chegará aos cines distribuído por Universal Pictures International Spain e as vendas internacionais correrán a cargo de Playtime.