CRTVG viva
O programa 'Imos ao choio' proponse este domingo reformar unha casa típica da Terra Chá
A pesar de que Inda e Julio afrontarán multitude de problemas, contarán como aliado cun veciño, que vai ser imprescindible nesta obra

Santiago, 10.12.2023.- Na entrega desta semana do programa ‘Imos ao choio’ (22:55 h), Inda e Julio visitarán unha casa típica da Terra Chá. Alberto, da inmobiliaria que intenta vendela, está convencido de que é unha vivenda con moito potencial, e aló irán os reformadores.
Pero non tardan en aparecer os problemas: a luz non vai, un electricista da vila failles unha xogada mestra e mesmo lles cae unha multa. Menos mal que contan cun veciño como aliado, que vai ser unha ferramenta imprescindible nesta reforma.
Entre aventuras e desventuras, o equipo de ‘Imos ao choio’ terá que traballar arreo para entregar a casa a tempo, e sorprender a Alberto e os veciños.
Noelia Rey e Rocío Durán acompañarán a Xosé Ramón Gayoso nas badaladas da TVG en fin de ano
O popular presentador volve á praza do Obradoiro despois de dous anos de ausencia
As dúas comunicadoras son caras moi coñecidas da Galega, e actualmente presentan ‘Malicia noticias’ e o magazine ‘Hora galega’ , respectivamente

Santiago, 23.11.2023.- O presentador Xosé Ramón Gayoso volverá presentar o ‘Especial badaladas’ da TVG na noite de fin de ano desde a praza do Obradoiro, onde estará acompañado polas presentadoras Rocío Durán e Noelia Rey, actualmente á fronte dos espazos ‘Hora galega’, nas tardes da TVG e do noticieiro de humor ‘Malicia noticias’.
Rosa Vilas, adxunta á dirección xeral da CRTVG, premio Paraugas Honorífico do Clúster da Comunicación de Galicia
O galardón recoñece a traxectoria da xornalista galega e primeira muller directora da Televisión de Galicia
A xunta directiva do Clúster recoñece tamén a figura do publicista Luis Bassat, referente internacional en márketing e comunicación

Ferrol, 03.11.2023.- Os Premios Paraugas, cuxa entrega de galardóns terá lugar o vindeiro 17 de novembro no Teatro Jofre de Ferrol, recoñeceron co seu galardón honorífico a xornalista Rosa Vilas, adxunta á dirección xeral da CRTVG, quen se converteu, no 2009 na primeira muller en ocupar o cargo de directora da Televisión de Galicia. O catalán Luis Bassat, un dos grandes referentes internacionais no eido publicitario, recibirá tamén un Premio Honorífico no marco da mesma edición dos galardóns.
A traxectoria de Rosa Vilas (Cambados, 1966) está vencellada á historia dos medios públicos galegos, xa que antes de dirixir a canle de televisión fora tamén a primeira muller que exerceu como redactora xefa e subdirectora de informativos da TVG. Este Premio Honorífico dos VIII Premios Paraugas enxalza, por tanto, o seu destacado labor como xornalista e tamén o seu papel como pioneira no seu sector. Licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, en 1989 comezou a súa traxectoria na CRTVG, nos primeiros anos como presentadora e editora do ‘Telexornal mediodía’, e posteriormente en cargos directivos.
En 2014, Rosa Vilas pasou a ser a directora da División de Radio e Televisión de Galicia da CRTVG. Máis adiante, en 2017 foi nomeada directora adxunta á Dirección Xeral da CRTVG e, posteriormente, directora de Organización e Xestión do Cambio, adxunta á Dirección Xeral da CRTVG responsable do deseño e desenvolvemento da dixitalización e do modelo produtivo da CRTVG como operadora dixital multimedia, multiplataforma e multicanle. Ao longo da súa carreira profesional, Rosa Vilas recibiu distincións como o Premio Talento de Televisión da Academia da Televisión en 2014 ou o Premio Enrique Beotas na modalidade de entrevista en 2016.
Pola súa banda, Luis Bassat (Barcelona, 1941) é un dos publicistas españois máis reputados e recoñecidos do panorama internacional. É o fundador e foi o presidente do Grupo Bassat Ogilvy de España, co-presidente e director creativo de Ogilvy Europa, África e Oriente Medio.
Premios Paraugas
A nova xunta directiva do Clúster da Comunicación de Galicia, con Alberto Garnil como presidente, presenta unha oitava edición dos Premios Paraugas renovada e con múltiples novidades. Os premios manteñen o obxectivo co que foron creados: poñer en valor a calidade do traballo do sector da comunicación en Galicia, a través dunha convocatoria con seis categorías nas que se enxalzarán proxectos de impresión, deseño, creatividade, márketing, comunicación e eventos. Dúas das novidades máis destacadas desta edición son a creación de dous premios especiais: o Premio Paraugas de Ouro, que recoñecerá a candidatura máis destacada da edición, e o Premio Premio Paraugas Novos Talentos, co que se visibilizará o talento das novas xeracións.
A consolidación do 100 % do cadro de persoal e o lanzamento da OTT, liñas mestras dos orzamentos da CRTVG
Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, presentou no Parlamento o orzamento para o ano vindeiro con 131 millóns de euros

Santiago, 02.11.2023.- O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, compareceu esta tarde no Parlamento de Galicia para presentar o orzamento da Corporación correspondente a 2024, por importe de 131 millóns de euros. En comparanza co exercicio actual, esta previsión reflicte un incremento de 4,5 millóns de euros respecto do ano 2023, que está vinculado ao incremento salarial do sector público previsto na lei, á consolidación do emprego, así como ao investimento en innovación, nomeadamente na nova plataforma dixital de distribución de contidos.
A TVG pecha o mellor mes de outubro desde 2013
A canle pública acadou unha cota de pantalla do 10,8 % no conxunto da xornada
A Galega leva 13 meses logrando datos de audiencia por riba dos dous díxitos e no prime time a cota ascende ao 10,9 %
A TVG segue a ser líder en informativos: na faixa do mediodía supera o seguinte competidor en máis dun punto

Santiago, 02.11.2023.- Televisión de Galicia leva 13 meses pechando datos de audiencia por riba dos dous díxitos. E neste mes que acaba de rematar, a Galega acadou os mellores datos nun outubro desde hai dez anos, cunha cota de pantalla do 10,8 % no conxunto da xornada, e do 10,9 % no prime time, a franxa de maior consumo televisivo do día, segundo reflicten os datos do medidor Kantar Media.
Os servizos informativos da Televisión de Galicia foron os referentes unha vez máis neste outubro, destacando a franxa do mediodía, entre as 13:30 e as 15:30 h., coa emisión do informativo de proximidade ‘Galicia Noticias’ e o ‘Telexornal Mediodía’, cunha cota nesta franxa do 18,3 % de luns a venres, a 1,3 puntos da seguinte canle (Antena 3, cunha cota do 17 %).
Por días, destacaron as cotas de pantalla con medias superiores ás acadadas no mes dos días laborables luns (10,9 %), martes (11,3 %), mércores (11,4 %), xoves (12,5 %) e venres (12,1 %). No prime time cómpre salientar os datos dos luns (11,1 %) coas emisións de ‘Operación Marea Negra’ e do ciclo de cine galego ‘Realmente G’, os xoves (12,5 %) con ‘Land Rober Tunai Show’, os venres de ‘Luar’ (11,9%) e os sábados con ‘Bamboleo’ (11,2%).
Por outra parte, TVG segue a ser unha das canles motor da rede de televisións autonómicas de FORTA, superando a este grupo en 2,3 puntos de cota.
O #DígochoEu da CRTVG recibe o Premio San Martiño de Normalización Lingüística do Concello da Estrada
O espazo de promoción da lingua galega foi distinguido na categoría de Normalización Lingüística por achegar o galego á mocidade dun xeito dinámico e entretido que estimula a participación da xente nova e da comunidade educativa

Santiago de Compostela, 26.10.2023.- #DígochoEu, o espazo da CRTVG de promoción da lingua recibiu esta semana un novo recoñecemento, neste caso nos Premios San Martiño de Normalización Lingüística do Concello da Estrada. #DígochoEu recibe esta distinción por “achegarlle á mocidade as pautas normativas do galego, e por facelo dun xeito dinámico e entretido, converténdose nun estímulo para a participación lingüística da xente nova e de toda a comunidade educativa galega”.
A película 'O home e o can', participada pola TVG, chega ás salas de cinema galegas
O seu director, Ángel de la Cruz, e os actores protagonistas, Manuel Manquiña, Paula Chaves, Isabel Blanco, Gonzalo Uriarte e Estíbaliz Veiga, acudiron este xoves á preestrea na Coruña
O filme, que xa logrou 15 galardóns en distintos festivais, foi rodado integramente en galego na provincia de Ourense, e dálle visibilidade ao abandono do rural e á soidade non elixida na vellez

Santiago, 20.10.2023.- A película ‘O home e o can’, unha produción de Ézaro Films e Caladiño Filmes participada pola Televisión de Galicia, estréase este venres en 22 salas de cinema de toda Galicia. O seu director, Ángel de la Cruz, e o elenco, entre os que se atopan os actores Manuel Manquiña, Paula Chaves, Gonzalo Uriarte, Isabel Blanco e Estíbaliz Veiga, acudiron este xoves á preestrea na Coruña.
Antes da súa posta de longo, o filme xa logrou 15 galardóns en distintos certames, entre os que se inclúen seis premios no 31ª Festival de Cine de Madrid e o Premio do Público do OUFF (Festival Internacional de Cine de Ourense) do ano pasado.
‘O home e o can’, rodada integramente en branco e negro, con exteriores localizados na provincia de Ourense, é unha homenaxe ao neorrealismo italiano e fala da soidade, intentando dar visibilidade e resposta a varios dos problemas da Galicia actual: o envellecemento da poboación, o abandono do rural e a soidade non elixida na vellez.
Conta a historia de Manuel, un home coas súas capacidades intelectuais afectadas que non saíu nunca da aldea, onde vive completamente só tras a morte da última veciña. A única compaña que ten é a do seu inseparable can, ata que un accidente deste obrígao a adentrarse na cidade na busca dun veterinario. No medio deste caos, o protagonista atopará a Paula, quen foxe dun fogar desestruturado na busca de liberdade. Estes dous personaxes, aparentemente antagónicos, converteranse, sen agardalo, en dous amigos unidos pola soidade.
A CRTVG lanza #PoñámoloaCero, unha nova #AcciónG para alertar sobre o desperdicio alimentario
As Nacións Unidas cifran no 17 % o estrago de alimentos a nivel mundial entre os fogares, a restauración e a venda retallista
TVG e Radio Galega desenvolven accións ao longo da semana arredor do Día Mundial da Alimentación que se celebra cada 16 de outubro

Santiago, 16.10.2023.- A CRTVG lanza unha nova #AcciónG de Responsabilidade Social Corporativa, #PoñámoloaCero, unha campaña de sensibilización arredor do Día Mundial da Alimentación, este 16 de outubro, día en que a ONU visibiliza a necesidade de reducir o desperdicio alimentario cifrado a nivel mundial no 17 % entre os fogares, a restauración e a venda retallista.
Esta nova #AcciónG apoia tamén e difunde os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible número 3, Saúde e benestar, e o número 12, Produción e consumo responsables, que trata de cambiar o modelo actual de produción e consumo para conseguir unha xestión eficiente dos recursos naturais. Televisión de Galicia e a Radio Galega desenvolverán durante toda a semana accións divulgativas sobre a responsabilidade no consumo, as distintas iniciativas xurdidas para evitar tirar alimentos ao lixo e o traballo das entidades sociais galegas e da hostalería por reducir este feito.
Un anuncio de televisión e para redes sociais, unha cuña de radio e unha web específica que recolle os distintos recursos e fontes informativas son parte da campaña que quere traballar para mellorar esta situación e “poñer a cero ese desperdicio”, así como contidos nos seus informativos e programas ao longo da semana.
A Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) advirte de que os alimentos se desperdician ao longo de toda a cadea de valor alimentaria: desde a produción, pasando pola manipulación, o transporte, o almacenamento e a distribución, ata chegar ao consumo. E que cada persoa desperdicia unha media de 74 kg de alimentos por ano (*datos do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente, PNUMA).
A CRTVG é socia do Pacto Mundial das Nacións Unidas e encadra as súas accións de Responsabilidade Social Corporativa (RSC) no marco dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de Nacións Unidas. As #AcciónsG, que foron recoñecidas ata a data con tres mencións de Boa Práctica polo Pacto Mundial de Nacións Unidas, conforman parte esencial da RSC da CRTVG e deséñanse co obxectivo de divulgar, pero tamén de provocar a reflexión e o cambio e lograr unha sociedade mellor e máis responsable.
Os máis novos da casa, xunto aos seus pais e avós, competirán en 'Tal semente', o novo concurso da Galega para os sábados e domingos ao mediodía
Dirixido a toda a familia e baseado na dinámica de preguntas e respostas, é a versión xuvenil do popular programa ‘Coma un allo’ e será presentado por Esther Estévez

Santiago, 13.10.2023.- A Televisión de Galicia estrea este sábado ‘Tal semente’, un novo concurso para os mediodías da fin de semana. Dirixido a toda a familia e baseado na dinámica de preguntas e respostas, é a versión xuvenil do popular programa ‘Coma un allo’. A novidade deste formato é que os máis novos da casa competirán en parella cos seus pais e avós.
A encargada de unir toda a familia diante do televisor, os sábados e domingos ás 13:30 h, será Esther Estévez, unha das presentadoras máis coñecidas da TVG, con presenza en distintos formatos de entretemento para a televisión e para as redes sociais. Estará acompañada pola mascota do programa, Sementiña, unha divertida voz en off coa que establecerá una relación moi divertida e que axudará a completar información dun xeito divertido e áxil.
Cada día competirán en ‘Tal semente’ tres parellas de concursantes, formadas por rapaces de entre 14 e 17 anos acompañados dos seus pais, avós, tíos ou padriños. Todas as preguntas do programa estarán adaptadas a un nivel escolar concreto, cos contidos que actualmente dan na clase, para que a rapazada repase as materias xogando desde a casa.
As probas do programa estruturaranse en tres bloques. No primeiro deles realizaranse baterías de preguntas para cada parella. O segundo será unha proba de velocidade e no terceiro competirán as dúas parellas que obtiveran máis puntos nos bloques anteriores. Os concursantes tamén terán que enfrontarse ao ‘Botacontas’, unha batería encadeada de 6 operacións matemáticas.
A última parte de ‘Tal semente’ será ‘Pilla o bote’ e nela xogará a parella que acadase máis puntos ao longo do programa. Consta dunha única pregunta de cultura xeral que deberán responder correctamente se queren levar o bote, que irá medrando programa a programa.
Cada grupo de concursantes competirá durante unha avaliación, que son seis programas. Ao rematar esa avaliación haberá unha especie de exame final e o que menos puntos consiga terá que abandonar o programa.
A TVG estrea un magazine interxeracional nas tardes da fin de semana
‘Xuntos en directo’ é desde este sábado o novo formato de entretemento da Galega para toda a familia, en que mozos e maiores descubrirán afinidades e diferenzas
Presentado por Rocío Delgado, apoiada por Pili Pampín e Juan Lage, o programa contará con colaboradores desde os 18 ata os 80 anos

Santiago, 13.10.2023.- ‘Xuntos en directo’ é a nova aposta da TVG para as tardes da fin de semana. Desde este sábado 14 (15.45 h) este magazine interxeracional acompañará os espectadores durante tres horas en directo, con entrevistas, música, reportaxes e diferentes seccións desde a perspectiva de diferentes xeracións. Mozos e maiores terán a oportunidade de descubrir afinidades e diferenzas e, xunto co equipo de colaboradores, debullarán unha imaxe completa do que é Galicia, mirando ao pasado pero tamén ás canles dixitais e aos máis novos.
Avós, pais e netos poderán sentar xuntos os sábados e domingos para divertirse, informarse e ver reflectidas as súas opinións e inquedanzas cos colaboradores do espazo, que terán desde 18 ata os 80 anos. Toda unha declaración de intencións contra os prexuízos do idadismo.
Á fronte de ‘Xuntos en directo’ sitúase unha viguesa con longa traxectoria en distintos formatos de televisión: Rocío Delgado. Con ela, os colaboradores Pili Pampín e Juan Lage e, na mesa interxeracional, caras ben coñecidas como Manolo Botana ou o carpinteiro influencer Manuel Mosquera, que triunfa en TikTok. Ademais, polo estudo irán pasando rostros famosos nunha charla entre amigos en que recibirán todo tipo de sorpresas.
‘Xuntos en directo’ percorrerá Galicia
Cada semana, un personaxe coñecido levará o programa ata a súa vila ou cidade de orixe para amosar os seus recunchos máis curiosos e agochados. O espazo achegarase tamén acotío a unha casa orixinal da nosa terra, desde grandes pazos ata casas de praia. Os costumes, tradicións e festas que invaden Galicia terán un oco neste magazine, que non perderá de vista o diálogo nas canles dixitais, cos vídeos máis divertidos e curiosos das redes. A nostalxia será outra das protagonistas, xa que os presentadores máis veteranos abrirán o arquivo da TVG para rescatar imaxes icónicas.
‘Xuntos en directo’ incluirá a banda sonora das nosas vidas, a música de onte e de hoxe. Dous rostros moi coñecidos e queridos para o público galego, Tania Veiras e Rubén Diumaró, interpretarán cada tarde da fin de semana os éxitos que marcaron os máis maiores e os máis novos.