CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Novas RG

Balonmán europeo, baloncesto e unha homenaxe a Suso Morlán, no deporte da RG esta fin de semana

17/11/2018

O Lugo – Albacete e os mellores encontros de Segunda B completan a oferta

Balonmán europeo, baloncesto e unha homenaxe a Suso Morlán, no deporte da RG esta fin de semana

Santiago, 17.11.2018.-  Nunha fin de semana sen fútbol de primeira división, o baloncesto o o balonmán feminino serán as principais apostas da Radio Galega esta fin de semana.

O sábado, ás tres da tarde, a Radio Galega pon en marcha as retransmisións das fins de semana. Primeiro chegará o fútbol de Terceira, que adianta tres partidos: Céltiga - Ribadumia, Bergantiños - Ourense CF e Silva - Laracha. Ademais, haberá derbi de baloncesto na LEB Ouro, co Ourense - Basket Coruña no Paco Paz. A cita da Asobal entre o Teucro e o Alcobendas completa a oferta deportiva do día.

Antes, as doce do mediodía, Alfonso Pardo seguirá percorrendo Galicia co “Convivir Deportivo”. Esta semana para en Irixoa para presentar o amplo proxecto deportivo do seu instituto. Logo do ”Galicia en Goles”, ás 23.00 horas, a revista do motor “Gas a fondo” estará no Rally da Ulloa e ás once media, no “Galicia en Toquio”, Toni López García renderá homenaxe a Suso Morlán, que faleceu o domingo pasado no Brasil.

O domingo, ás doce do mediodía, a edición matinal repartirá xogo entre a Segunda B e a ACB. No fútbol hai tres partidos: Celta B - Valladolid B, Fabril - Las Palmas Atlético e Sanse - Pontevedra. No baloncesto a atención estará posta no Murcia - Obradoiro.

Ás tres, o "Galicia en Goles" da tarde estará pendente do Albacete - Lugo no Carlos Belmonte, xunto ao derbi da Segunda B no Vao entre o Coruxo e o Rápido de Bouzas e o sobranceiro da Terceira entre o Racing de Ferrol e o Barco. Ademais haberá baloncesto, co Breogán - Zaragoza no Pazo e balonmán europeo co Guardés - Kuban de Rusia. O equipo da Sangriña está a punto de facer historia e parte coa vantaxe dun gol tras a vitoria da semana pasada en Krasnodar.

A partir das oito e media, xornalistas e adestradores debaterán sobre a xornada no Faladoiro e ás once da noite Pedro Pablo Alonso seguirá co resumo da xornada xogando ao seu estilo no programa ‘Ao Contraataque’.

ler máis

'Lume na Palleira' recolle o IX Premio Xabier Prado Lameiro, concedido pola Coral de Ruada

15/11/2018

O presentador e director do programa da Radio Galega, Emilio Españadero, recibiu o galardón onte nun evento celebrado no Teatro Principal de Ourense 

O xurado distinguiuno por “vincular todas as formacións de música tradicional e popular” e pola súa “acollida ás múltiples iniciativas culturais que se desenvolven en Galicia no eido da cultura tradicional”

'Lume na Palleira' recolle o IX Premio Xabier Prado Lameiro, concedido pola Coral de Ruada

Santiago, 15.11.2018.-    O programa da Radio Galega 'Lume na Palleira', dirixido e presentado por Emilio Españadero, recibiu onte o IX Premio Xabier Prado Lameiro, organizado pola Coral de Ruada, insigne formación vocal que é xa un símbolo da cidade de Ourense. O evento, celebrado no Teatro Principal de Ourense, incluíu a representación da obra 'N'a corredoira', de Prado Lameiro, así como actuacións musicais da coral.

ler máis

O Teresa Herrera, primeira retransmisión en directo da nova web da Radio Galega

12/11/2018

A web radiogalega.gal retransmite este mércores os encontros do Deportivo masculino e feminino

O Teresa Herrera, primeira retransmisión en directo da nova web da Radio Galega

Santiago.12.11.2018.- A nova web da Radio Galega estrea este mércores retransmisións en directo. E para dar comezo a esta nova etapa, a Radio Galega apostará polo fútbol. A través de radiogalega.gal e a aplicación para o móbil, os oíntes poderán seguir os dous partidos do Trofeo Teresa Herrera.

Desde as seis da tarde, Toni López García dirixe unha edición especial de “Galicia en Goles”, que arrancará coa disputa do partido feminino entre o Deportivo da Coruña e o Athletic Club de Bilbao. O equipo herculino lidera a Segunda División e vai medir o seu potencial ante o sétimo clasificado da Superliga.

A continuación chegará o enfrontamento entre os dous equipos masculinos. O Dépor afronta a visita do Athletic nun excelente momento, ocupando a terceira praza na Segunda División e tras golear 4-0 o Oviedo. Distinta é a situación do conxunto que dirixe o Toto Berizzo, que perdeu na prolongación no Metropolitano e pasa por momentos complicados na táboa, pelexando por escapar dos postos de perigo.

Andrés Vieites, Raúl Villares, Rocío Candal e Xosé Manuel Traba encargaranse de retransmitir as dúas citas do Teresa Herrera, do que tamén falará a edición nocturna de 'Ao contraataque', a partir das once, xa na FM e a TDT na canle convencional da Radio Galega.

ler máis

O 'Diario Cultural' lanza a súa propia canle dixital para ser o altofalante de todas as artes galegas

08/11/2018

O espazo da Radio Galega completa a súa innovadora estratexia analóxica cunha ambiciosa posta en escena en Internet, co podcast e as voces expertas como piares

Esta nova marca, que forma parte do proxecto #Cultura 365, contará cunha canle de Youtube onde se colgarán as 'Caras B' dos programas e as conversas cos protagonistas que non poidan escoitarse durante a emisión na RG

O 'Diario Cultural' lanza a súa propia canle dixital para ser o altofalante de todas as artes galegas

Santiago, 08.11.2018.-    A Radio Galega lanza diariocultural.gal, a canle dixital do 'Diario Cultural', co obxectivo de ser o referente de todas as manifestacións culturais de Galicia a partir dos contidos que produce o programa para a súa emisión analóxica e a produción de contidos diferenciados destinados especificamente para o dixital.

O novo 'Diario Cultural' e a súa canle dixital forman parte da estratexia da CRTVG en materia de cultura, que se enmarca no proxecto #Cultura365: un modelo baseado na programación cultural especializada os 365 días, logo de ampliar a emisión do programa 'Zigzag' da TVG e o 'Diario Cultural' na Radio Galega tamén ás fin de semana. Un 'Zigzag' que a fin de semana pasada xa foi líder de audiencia pola primeira canle na súa faixa horaria, tanto o sábado coma o domingo.

O cambio de formato que asumiu o 'Diario Cultural' na Radio Galega co arranque da temporada 18-19 compleméntase agora coa estratexia dixital. Cun deseño concibido en orixe para dispositivos móbiles, diariocultural.gal ofrece os podcast de todas as edicións dun programa que desde o pasado mes de setembro dobrou a súa duración coa posta en marcha de catro edicións de luns a venres, ás 10.30, 14.45, 17.30 e 20.50 h. Así mesmo, corrixiu a carencia de programación de cultura especializada na fin de semana con tres edicións, os sábados ás 09.30 h. e os domingos ás 09.30 e ás 14.15 h. Estes podcast poderán descargarse tamén en iTunes e Ivoox.

O novo proxecto apóiase de xeito significativo en figuras destacadas do espectro cultural galego que colaboran cada día no programa, como voces expertas, co seu coñecemento especializado. Trátase de Emilio Españadero, Rosario Sarmiento, Armando Requeixo, Rut Balbís, Alba Cid, Luís Miguel Crespo, Roberto Pascual, Miguel Anxo Prado, Carlos Portela, Begoña Vázquez, Tito Lesende, Montse Pena Presas, Beli Martínez e Carlos Ares. Todas as súas colaboracións semanais estarán a partir de agora recollidas en diariocultural.gal, co obxecto de garantir a súa recuperación en calquera momento á audiencia da CRTVG.

O vídeo será outro dos elementos diferenciadores desta canle dixital, que prevé converterse en referencia en Galicia nun breve espazo de tempo pola cantidade e calidade dos seus contidos. Para isto, conta cunha canle de YouTube onde se colgarán as “Caras B” dos programas e as conversas cos protagonistas que non poidan escoitarse na emisión en analóxico. Deste xeito, a Radio Galega camiña, a través do 'Diario Cultural', cara á creación de contidos específicos para o dixital.

Na procura da cultura-coñecemento, o 'Diario Cultural' busca o debate en profundidade arredor da cultura nas súas distintas manifestacións cunha mostra da produción e o debate que se produce en Galicia, e con diariocultural.gal como nexo e espazo de reflexión. Para isto, ademais do podcast, ofrecerase toda a produción especializada en cultura da Radio Galega a partir de noticias, reportaxes, entrevistas e crónicas, axustándose con esta canle dixital aos novos modelos de consumo de radio que demandan as audiencias.

ler máis

A Radio Galega estrea a súa nova web, que aposta polos contidos propios e o podcast

05/11/2018

Ponse en marcha unha páxina máis intuitiva e directa, onde os usuarios poden acceder de xeito sinxelo a emisións de valor engadido, como entrevistas e reportaxes en profundidade

A emisora reafirma a súa misión de servizo público cunha proposta que combina a forza do directo coa selección do máis destacado da programación e que ten como obxectivo xerar opinión arredor dos temas que lles interesan aos galegos

A Radio Galega estrea a súa nova web, que aposta polos contidos propios e o podcast

Santiago, 05.11.2018.-    Os medios públicos galegos lanzan este luns un redeseño da imaxe dixital da Radio Galega para potenciar os contidos de produción propia co obxectivo de xerar opinión arredor dos temas que lle interesan á sociedade galega. A emisora  reafirma a súa misión de servizo público cunha proposta que combina a forza do directo coa selección dos contidos máis destacados da súa programación.

Para isto, ponse en marcha unha páxina web más intuitiva e directa, onde os usuarios poden atopar un menú con tres botóns a través dos cales acceder de xeito sinxelo a todos os contidos de valor engadido da súa emisora de referencia. Deste xeito, a audiencia da Radio Galega poderá picar directamente nos catro directos cos que conta a canle pública na actualidade, acceder a cada programa de xeito independente ou navegar a través dos podcast.

Na portada da nova web están dispoñibles os contidos máis salientables dos informativos e dos programas. Intégranse no proxecto grandes sinaturas coma o xornalista Fernando Ónega, o investigador Ángel Carracedo, a profesora Milagros Castro, o catedrático Jorge Mira e o divulgador Marcus Fernández.

O directo segue sendo a referencia da radio pública, con accesos directos na parte superior da web á emisión da Radio Galega, de Radio Galega Música, Son Galicia Radio e a canle de música infantil en galego Radio Picariña.

O segundo vértice da nova páxina web son os contidos de produción propia cos que a Radio Galega xera debate político e social no ámbito xeográfico de Galicia, é dicir, as entrevistas propias e as reportaxes en profundidade que lle outorgan valor engadido á emisión e ao propio espazo web da radio pública.

O podcast eríxese en eixo do consumo radiofónico na Internet e a Radio Galega impulsarao a través do seu novo deseño web. Por unha parte, potenciará os seus programas especializados para o seu consumo vía podcast para chegar ás comunidades nicho ás que se dirixen especificamente eses contidos e, pola outra, ofrecerá todas as horas de emisión de cada un dos programas para facilitar a recuperación de contidos.

Canle dixital do "Diario Cultural"

ler máis

Os partidos de Celta, Dépor e Lugo, e o mellor do baloncesto, o máis destacado do deporte na Radio Galega

03/11/2018

O campión do mundo de motocrós, Jorge Prado, será o gran protagonista do "Gas a Fondo" desta fin de semana

Os partidos de Celta, Dépor e Lugo, e o mellor do baloncesto, o máis destacado do deporte na Radio Galega

Santiago, 03.11.2018.-  A programación deportiva da Radio Galega comeza o sábado ás 15.00 horas. A Liga de fútbol de Segunda e a xornada galega da ACB e baloncesto feminino son os principais argumentos do "Galicia en Goles".

Desde o Camp Nou, Andrés Vieites e o ex-adestrador do desaparecido CD Ourense, Antonio Teixidó, retransmitirán o partido entre o Reus e o Lugo. Alberto Monteagudo debutou como adestrador do equipo galego empatando na Copa ante o Levante e as boas sensacións do mércores quere trasladalas ao campo catalán para sumar puntos ante un rival directo na pelexa  pola permanencia.

Mentres, Javi Torres estará no estadio Gran Canaria, onde o Deportivo visita á Unión Deportiva As Palmas. Fronte a fronte estarán dous ex da primeira que teñen como obxectivo o ascenso urxente e que están separados só por tres puntos na clasificación.

A emoción do baloncesto tamén terá presenza na tarde deportiva. Alfonso Pardo viaxa ata Murcia para contar o partido que vai xogar contra o equipo local o Breogán. Raúl Villares, mentres, estará no Sar retransmitindo o Obradoiro - Guipúscoa. O deporte da canastra tamén ten unha cita destacada na Liga Feminina, co derbi galego Ensino  - Uni Ferrol en Lugo.

Ademais do "Galicia en Goles", os afeccionados ao deporte teñen máis citas. A primeira é ás 12.00 horas co espazo "Convivir Deportivo", dedicado ao Aldebarán San Sadurniño que compite na Superliga de voleibol masculino. Ás 23.00 horas, o campión do mundo Jorge Prado será o protagonista do "Gas a Fondo", a revista do motor. Ás 23.30 h., o programa olímpico "Galicia en Toquio" convida o ciclista Pablo Rodríguez Guede.

ler máis

Balonmán e baloncesto femininos, aposta no deporte da CRTVG esta fin de semana

02/11/2018

Celta B – Cultural Leonesa e Fabril – Rápido de Bouzas, os encontros máis destacados da Segunda B

Balonmán e baloncesto femininos, aposta no deporte da CRTVG esta fin de semana

Santiago, 03.11.2018.-   O deporte feminino será o protagonista esta fin de semana na CRTVG.  A primeira cita será o derbi galego da Liga de Baloncesto, entre o Ensino e o Uni Ferrol. O encontro, que se disputará en Lugo, poderase seguir na tvG2 e na web da CRTVG, a partir das 18.00 horas.

A continuación, ás 20.00 horas será a quenda do balonmán. O Godoy Maceira Porriño enfróntase a un dos conxuntos máis potentes do campionato, o balonmán Bera Bera. Este partido tamén se poderá seguir pola tvG2 e a web da CRTVG.

E se o sábado era o día do deporte feminino, o domingo o que manda é o deporte rei.  A xornada comeza ás 12.00 horas cun dos encontros máis destacados de Segunda B, o Celta B – Cultural Leonesa. O filial celeste buscará proseguir nos postos de cabeza ante un rival  que vén de perder en copa contra o Barcelona.

Pola tarde, ás 16.00 horas a través da tvG2, os espectadores poderán gozar do Fabril – Rápido de Bouzas, un derbi entre dous conxuntos moi necesitados que precisan sumar. A continuación, poderase seguir na tvG2 a final da Copa Galicia entre o Obradoiro e o Breogán.

Para poñer punto e final ao deporte nesta fin de semana, os espectadores da tvG2 teñen unha cita unha semana máis co “En xogo” con todos os resumos e a actualidade dos nosos deportistas.

ler máis

Celta e Real Sociedade, novo encontro clasificatorio da Copa do Rei, hoxe na Radio Galega

31/10/2018

Este torneo é un bo momento para que os vigueses amosen todo o potencial do conxunto, aínda que nesta primeira fase o seu rival tamén é da Primeira

Celta e Real Sociedade, novo encontro clasificatorio da Copa do Rei, hoxe na Radio Galega

Santiago, 31.10.2018.-  Este xoves festivo, a Radio Galega ofrece unha edición especial de “Galicia en Goles”. Desde as 16.00 horas, Pedro Pablo Alonso pon en marcha a retransmisión do partido de ida dos dezaseisavos de final da Copa do Rei entre o Celta de Vigo e a Real Sociedade.

A vitoria fronte ao Eibar tranquilizou os ánimos da afección celeste e deu continuidade ao proxecto de Mohamed. O torneo da Copa é unha boa posibilidade para que o equipo vigués amose todo o potencial do cadro de xogadores, aínda que nesta primeira fase o seu rival tamén é da Primeira.

Roberto Carlos Carballo levará a narración do xogo, xunto a Víctor López no micrófono sen fíos e Moncho Carnero na análise táctica. A emisión do programa prolongarase ata as oito do serán, para escoitar na sala de prensa os adestradores e na zona mixta o futbolista destacado do Celta.

Ademais, o “Galicia en Goles” tamén estará nos campos da Terceira, onde se adiantan partidos da fin de semana. Así, en Carballo, César Méndez relatará o Bergantiños-Somozas, mentres que Alfonso Núñez contará o Paiosaco-Boiro desde A Porta Santa.

Ás once da noite, “Ao Contraataque” analizará en profundidade todo o sucedido nesta xornada festiva.

ler máis

Os medios públicos galegos ofrecen hoxe un novo derbi galego co Breogán e o Obradoiro como protagonistas

31/10/2018

Na tvG2 e na web da CRTVG, a partir das 21.00 horas, final da Copa Galicia de baloncesto

Os medios públicos galegos ofrecen hoxe un novo derbi galego co Breogán e o Obradoiro como protagonistas

Santiago, 31.10.2018.-  Cinco días despois do derbi ligueiro, os medios públicos galegos ofrecen esta noite, en directo, un novo enfrontamento entre o Cafés Candelas Breogán e o Monbus Obradoiro, en loita pola Copa Galicia de baloncesto.

Tras o partido desta fin de semana pasada, que rematou coa vitoria do Breogán e coas lesións de Llovet polo Obradoiro e Kinsay e Alec Brown polo conxunto lucense, ambos os dous equipos afrontan esta cita coa máxima rivalidade e ilusión por levarse para casa o trofeo.

A final da 23 edición da Copa Galicia, que se disputa no pavillón da Raña en Marín,  poderase seguir a través da tvG2 e a web da CRTVG, a partir das 21.00 horas, cos comentarios de Tomás Alonso e Edgar Paz.

ler máis

Fútbol e fútbol sala, o máis destacado esta fin de semana na CRTVG

26/10/2018

Coruxo – Fabril e Santiago Futsal – Burela Pescados Rubén, os encontros máis destacados

Fútbol e fútbol sala, o máis destacado esta fin de semana na CRTVG

Santiago, 26.10.2018.-  A CRTVG emitirá esta fin de semana o mellor do deporte galego. A primeira cita serán o carrusel de encontros de Terceira División. A partir das 17.00 horas, os espectadores poderán ver na tvG2 e na web da CRTVG o Ourense – Arousa.  A continuación, a partir das 18.00 horas dá comezo o Rácing de Ferrol – Bergantiños.

Ademais do fútbol, esta fin de semana tamén será protagonista o mellor fútbol sala galego. A partir das 18.00 h. pola web da CRTVG poderase seguir o Jimbee Roldán – Burela Pescados Rubén, da primeira división feminina. As lucenses buscarán seguir como líderes e continuar coa serie de resultados positivos. E ás 20.00 h. é o momento do derbi  galego masculino. Enfróntanse no Multiusos Fontes do Sar o Santiago Futsal e o Burela Pescados Rubén, que ao igual que o equipo feminino tamén marcha líder (este partido ofrecerase o domingo pola tvG2, as 20.30 h.).

O domingo estará completamente centrado na Segunda B, comenzando polo Coruxo – Fabril, a partir das 12.00 horas na tvG2 e tamén pola web. O filial deportivista sitúase antepenúltimo na táboa e o Coruxo tamén está en horas baixas.

Pola tarde, ás 16.30 horas, comeza “A Liga das Cidades”, que se poderá seguir na tvG2 e na web da CRTVG. Os encontros que estarán integrados no programa serán o Rápido de Bouzas- Guijuelo, ás 17.00 h., e o Pontevedra – Salamanca, ás 18.30 horas.

Todos os resumos poderanse ver ás 22.45 horas no ‘En Xogo’, con toda a actualidade deportiva da fin de semana.

ler máis