CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

“Casamos!" presenta este sábado as novas historias de amor e superación, coas vodas máis románticas, divertidas e sorprendentes

13/01/2012

Nesta segunda tempada, o programa segue a vida de parellas que amosan as súas ilusións e dificultades

Esta semana, María Rosa e Raúl casan grazas ao programa “Pensando en ti”, da Radio Galega

“Casamos!" presenta este sábado as novas historias de amor e superación, coas vodas máis románticas, divertidas e sorprendentes

Santiago, 13.01.2012.- Para o entretemento de toda a familia, a TVG vístese de gala para presentar as novas historias de amor que amosará a partir deste sábado na segunda tempada de “Casamos!”. Nela incorpora máis parellas e máis vodas arredor das situacións máis románticas, divertidas e de superación que poidamos imaxinar.

    Da man de parellas de noivos, que esperan celebrar o seu enlace en Galicia, semana tras semana descubriremos historias de amor peculiares e únicas que nos achegan as circunstancias máis variadas correspondentes a cada noivado: as declaracións de amor máis románticas; os nervios dos preparativos nupciais, as opinións e desexos de amigos e familiares e as expectativas, preocupacións, conflitos e ilusións da parella protagonista respecto ao gran día das súas vidas.

     O programa, unha clara aposta por rescatar e facer visibles historias reais de superación, renova o formato docusoap en que destaca o triunfo do amor por riba das dificultades, tamén en tempos de crise, e pretende ser un retrato coral do universo dos casamentos en Galicia, potenciando os factores sentimentais.

   A primeira das historias de amor xa ten o atractivo engadido de ser unha parella, María Rosa e Raúl, que se coñeceu grazas á Radio Galega, exercendo de “celestina” no programa “Pensando en ti”, a través dunha cita a cegas. A parella, que eran un home e unha muller moi solitarios, acode outra vez á RG para relatarnos os detalles desta primeira cita, nun lugar secreto de Santiago, e tamén para anunciar o seu compromiso.

     Na narración dos acontecementos, o que non sospeitan é que a gran familia de oíntes de “Pensando en ti” lles está a preparar un feixe de sorpresas que ata minutos antes da voda, en Agolada, ningún dos dous contaba ter.

Galería de imaxes