CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Boa acollida de audiencia de "Tourilandia", o novo espazo de humor de Xosé A. Touriñán

13/01/2012

Na súa estrea, o programa superou por momentos a competencia do partido do Barcelona e acadou unha audiencia media do 13,2%

David Vidal, convidado estelar do espazo, acadou o nível de “trending topic” (tema de moda) na rede social Twitter

Boa acollida de audiencia de "Tourilandia", o novo espazo de humor de Xosé A. Touriñán

Santiago, 13.01.2012.-      O público galego deulle este xoves unha boa benvida a “Tourilandia”, o novo show da noite dos xoves na Televisión de Galicia, ofrecéndolle unha cota de pantalla do 13,2% ao longo das súas máis de dúas horas de humor e espectáculo, segundo se desprende dos datos de audimetría de Kantar Media. O programa conducido por Xosé A. Touriñán estreouse cunha audiencia media de 144.000 espectadores na comunidade autónoma, sendo así un dos programas máis seguidos da noite.

Sen embargo, por momentos, “Tourilandia” chegou a superar en seguimento o partido de fútbol Osasuna-Barcelona, que á mesma hora estaba a transmitir Tele5, coincidindo estes picos de audiencia cos sketchs e entrevistas que o programa dedicou ao elenco de actores da obra teatral “O florido pénsil”, composto por Xosé Manuel Olveira “Pico”, Antonio Durán “Morris”, Federico Pérez, Josito Porto e Alfonso Agra.

O show, do que son colaboradores o propio Federico Pérez xunto a Isi, Isabel Risco, Iria Sobrado e Marcos Pereiro con diversos personaxes e situacións de humor, tivo entre outros convidados a cantante galega Sés e o adestrador de fútbol David Vidal. Este último foi de seu outro protagonista da noite, ao se converter en grande animador retranqueiro do programa e en “trending topic” ou tema de moda na rede social Twitter.

As páxinas de “Tourilandia” tanto en Facebook coma en Twitter amosaron tamén unha forte actividade o xoves á noite e entre as dúas quedaron rexistrados máis de 2.000 novos amigos do programa. Un dos contidos máis celebrados na web foi o vídeo  “Así me opero”, que reflectía as penurias dun mozo nun centro hospitalario ao ritmo de “Ai se eu te pego”, do brasileiro Michel Teló.