CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Bertín Osborne presenta novo disco en 'Luar', onde tamén sobresae a música de Xil Ríos, Davide Salvado e a orquestra Cinema

21/01/2022

No que respecta ás intervencións humorísticas, gozarase coas divertidas propostas de Pedro Brandariz, Fran Rei, Campos, Crespo, Marcos Pereiro e Lucía Veiga

Bertín Osborne presenta novo disco en 'Luar', onde tamén sobresae a música de Xil Ríos, Davide Salvado e a orquestra Cinema

Santiago, 21.01.2022.-   Xosé Ramón Gayoso e Trisha Fernández danlle a benvida en Luar (21:50 h) este venres a Bertín Osborne, que acaba de publicar novo disco, 40 años no son nada. O versátil artista ofrecerá algunhas das cancións inéditas, que recolle neste traballo desenvolvido durante o confinamento, co gallo de conmemorar catro décadas de traxectoria musical.

Da música do cantante andaluz a toda unha lenda da cultura galega: Xil Ríos. O cantautor e compositor moañés interpretará tamén algún dos seus temas máis recentes, como é o caso de "Engaiolar".

Outra das actuacións destacadas da noite corresponderalle ao marinense Davide Salvado, artista de música tradicional que compartiu escenario con Xosé Manuel Budiño e Ugía Pedreira, entre outros, e mesmo se achegou a xéneros como o cabaré.

Os ritmos da coruñesa orquestra Cinema e os cantos e danzas do Grupo de música e baile tradicional Trébede completan o elenco musical desta edición.

No que respecta ás intervencións humorísticas, o programa gozará coas divertidas propostas dos Ramistas, grupo artístico formado por Pedro Brandariz e Fran Rei, do dúo Campos e Crespo e tamén de Lauren (Marcos Pereiro) e Sabela Folgueiras (Lucía Veiga).

Finalmente, no certame "Recantos" competirán Rubén Darío (Ourense central) e Jennifer Cambón (Terras de Ordes), mentres que o concurso telefónico disporá dun bote acumulado de 5.000 euros. Cómpre salientar, ademais, que nesta edición dedicada ao Morrazo algúns dos contidos e convidados estarán relacionados con esta comarca pontevedresa.