CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

"Bamboleo" regresa esta noite á Televisión de Galicia coa forza de Sergio Dalma e o grupo Agoraphobia

13/01/2018

O programa presentado por Xosé Manuel Piñeiro contará  coas súas seccións habituais e coa actuación da orquestra Los Trovadores

"Bamboleo" regresa esta noite á Televisión de Galicia coa forza de Sergio Dalma e o grupo Agoraphobia

Santiago, 13.01.2018.-    O programa “Bamboleo” (22.00 h.) retoma a súa cita cos espectadores da Televisión de Galicia cos bos propósitos do novo ano de seguir entretendo e divertindo a audiencia cada sábado á noite. Por iso, hoxe comeza hoxe coa enerxía e a música de Sergio Dalma. O coñecido artista fará gala do seu sentido do humor e deleitará os espectadores coas súas adaptacións de “Sólo tú”, “Este amor no se toca” e “Yo que no vivo sin ti”, incluídas no seu terceiro álbum de versións de clásicos italianos co que pon fin á triloxía “Vía Dalma”.

O espazo presentado por Xosé Manuel Piñeiro contará ademais coas actuacións da orquestra Los Trovadores e coa forza do cuarteto Agoraphobia, unha das bandas de rock femininas máis prometedoras da actualidade, que acaba de publicar o novo traballo “Incoming Noise”, do que hoxe se poderá escoitar “Zero”, o seu primeiro sinxelo.

No escenario tamén estarán Enma Rodríguez, interpretando “Ya te olvidé” de Yuridia, e Santi Expósito, co tema “Perdóname”, de Camilo Sesto, competindo ambos os dous na sección “Agora ou Nunca”.

Coma sempre, “Bamboleo” contará tamén coas seccións “A ITV do amor”, onde un concursante terá que adiviñar cal é a verdadeira parella dunha persoa a partir de certas probas; “Déixate de Juasá”, que animará a Salud e Antonio a deixarse de trebellos tecnolóxicos e dicirse as cousas á cara; “A Jrileira”, onde Lúa e Mercedes se enfrontarán cantando no karaoke, e “Dirtidansi”, en que parellas de distintas xeracións bailarán hoxe chachachá.