CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Baloncesto e fútbol, esta semana nos directos da web da CRTVG

04/10/2017

O equipo deportivo da Radio Galega narrará hoxe a segunda xornada da Liga ACB, en que o Obradoiro visita o actual campión, o Valencia

O xoves chega o fútbol, cos partidos amigables Deportivo-Corinthians e Celta-Pachuca

Baloncesto e fútbol, esta semana nos directos da web da CRTVG

Santiago, 04.10.2017.-   O equipo deportivo da Radio Galega ofrece esta dúas edicións especiais de 'Galicia en Goles' a través dos directos da CRTVG. Hoxe, ás 21.00 h., Pedro Pablo Alonso narrará a segunda xornada da Liga ACB de baloncesto, en que o Obradoiro visita o actual campión, o Valencia. O adestrador Iago Casal e o experto Menéndez Zapico "Zapi" comentarán as incidencias do xogo, nun programa que estará dirixido por Tony López García. O balonmán feminino tamén terá protagonismo, con Andrés Vieites desprazado ao Porriño, onde o equipo galego recibe ao Santa Eularia.

Xa o xoves chega o fútbol, con dous partidos amigables. Desde as 19.50 h., os oíntes terán cumprida información do que pase en Riazor, co Deportivo-Corinthians do Brasil, e en Balaídos, onde o Celta recibe o Pachuca de México. Os dous equipos galegos aproveitan a semana de paro na Liga polos compromisos da selección para ir preparando a xornada do 15 e 16 de outubro. Como sempre, Javi Torres e Xaime Escudeiro serán as voces dos equipos grandes de Galicia, cos analistas Xosé Manuel Traba e Moncho Carnero.

Nos dous días de deporte en directo pola web da CRTVG, a audiencia da Radio Galega terá os resumos dos partidos e as entrevistas aos protagonistas a partir das 23.00 h., na edición nocturna que dirixe Roberto Carlos Carballo e que se emite a través da FM e TDT.