CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A Televisión de Galicia remata o ano colocándose como líder de audiencia das canles autonómicas

30/12/2016

Acadou en decembro unha cota de pantalla do 11,4%, rachando anos de liderado da televisión catalá

A TVG foi a escollida polos galegos na xornada da Noitevella, cunha cota de pantalla do 18,3%

No cómputo de 2016 foi, xunto con TVE, a única das canles xeneralistas que mellorou a súa audiencia

 

A Televisión de Galicia remata o ano colocándose como líder de audiencia das canles autonómicas

Santiago, 02.01.2017.- A Televisión de Galicia foi a canle autonómica máis vista en España no mes de decembro, rachando así anos de liderado da televisión catalá, que quedou 0,6 puntos por debaixo. A TVG acadou así unha cota de pantalla, ou share, do 11,4% no total día. Estes resultados foron posibles grazas a unha programación que obtivo o claro apoio dos galegos e as galegas, onde sobresaen a forza dos informativos e programas de entretemento para a toda a familia, e tamén pola boa audiencia de espazos consolidados na grella da TVG como 'Land Rober Tunai Show', 'Bamboleo', 'Luar', ou a serie policial 'Serramoura'.

Había anos que non se chegaba a este liderado das canles autonómicas, en que a Televisión de Galicia actúa como principal motor de FORTA, e nun momento en que, sendo sinxelo atopar distintas vías de información e lecer, a sociedade galega apoia os contidos dos seus medios públicos.

No cómputo anual de 2016, a TVG foi con TVE a única canle xeneralista que creceu sobre o ano anterior, ao acadar unha audiencia media do 9,8%, o que significa cinco décimas de incremento anual. A isto pódeselle engadir outro 0,8% de audiencia media da tvG2. Na franxa do prime time, a TVG foi a segunda canle máis vista en Galicia, cun 10,9%, só por detrás de Telecinco.

No último día de 2016, a Televisión de Galicia foi a canle escollida polos galegos e galegas, ao rexistrar unha audiencia media do 16,4%, superando a todas as demais canles nesa xornada. O 'Especial Fin de Ano' acadou unha cota de pantalla de 18,3%, cunha audiencia media de 136.000 espectadores, quedando a só 6,7 puntos de A3 e a 2 puntos de TVE.

 

Galería de imaxes