CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

A TVG remata a temporada como líder dos informativos en Galicia

02/07/2020

A faixa informativa do mediodía supera os 120.000 espectadores de media, con picos esta temporada de 260.000

A Galega tamén incrementou a audiencia entre os mozos de 13 a 24 anos e entre a poboación de 25 a 44 anos

Os datos de Kantar Media reflicten que a TVG foi a primeira canle en número de emisións musicais e de artes escénicas e ofreceu 1.651 emisións de carácter cultural

A TVG remata a temporada como líder dos informativos en Galicia

Santiago de Compostela, 02.07.2020.-    Na temporada televisiva entre setembro de 2019 e xuño de 2020, a TVG foi, unha vez máis, a canle de referencia informativa para os galegos, que a elixiron para coñecer a actualidade cunha audiencia media dos informativos de 68.000 espectadores, que na faixa informativa do mediodía supera os 120.000 televidentes e que alcanzou neste período picos de ata 260.000 espectadores.

Nestes 10 meses, a media de audiencia da canle situouse no 9,3% no conxunto do día e un 10,7% no prime time. Nas noites, os mellores datos de audiencia do prime time foron para os xoves, con ‘Land Rober Tunai Show’; para os venres, co consolidado ‘Luar’, e para os sábados, coa proposta de música de ‘Bamboleo’.

A canle pública foi tamén quen de aumentar o seu perfil de audiencia entre os mozos de 13 a 24 anos (liderando esta clasificación nos meses de maio e xuño) e entre a poboación de 25 a 44 anos.

Dentro da FORTA, a CRTVG segue a ser un dos seus motores principais, superando en máis dun punto a media das televisións autonómicas neste período.

#Cultura365: a TVG ofreceu 1.651 emisións de carácter cultural

Nesta temporada 2019-2020, e segundo os datos extraídos polo medidor oficial Kantar Media, a Galega é a primeira canle en número de emisións musicais na nosa comunidade, o que reflicte unha clara aposta polo sector. Os programas musicais acadan unha cota de pantalla na TVG do 9,9%, a segunda cota máis elevada neste xénero.

Tamén foi a canle con maior número de emisións na área cualificada por Kantar Media como de artes escénicas, con 17 emisións e unha cota media do 6,6%, a máis alta de todas as canles.  A TVG ofreceu 1.651 emisións de carácter cultural, só por detrás de La2. Neste tipo de contidos a TVG logra unha cota do 7,5%, 4,8 puntos máis do que acada La2 nese xénero (2,7%).