CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Audiencia do 24,9% no debate entre Alberto Núñez Feijoo e Francisco Jorquera na Televisión de Galicia

11/10/2012

O derradeiro cara a cara obtivo unha audiencia media de 289.000 espectadores na noite do mércores

O debate electoral entre os candidatos do PPdeG e BNG foi visto nalgún momento por 619.000 persoas

Nas canles de TVG online o seguimento foi un 66% superior ao habitual

Audiencia do 24,9% no debate entre Alberto Núñez Feijoo e Francisco Jorquera na Televisión de Galicia

Santiago, 11.10.2012.- O derradeiro debate electoral cara a cara entre candidatos á presidencia da Xunta, emitido en directo na noite do mércores pola Televisión de Galicia e que reuniu os candidatos do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, e do BNG, Francisco Jorquera, obtivo unha audiencia do 24,9%, segundo reflicte o informe diario de audimetría de Kantar Media. O programa que pechou o ciclo de tres debates cara a cara foi seguido por 289.000 persoas, de media.

O debate foi visto nalgún momento por 619.000 persoas, o que supón o 23,4% dos galegos de 4 e máis anos. O minuto máis visto do programa foi ás 22:24 con 340.000 telespectadores e cunha cota de 28,1%. Foi o momento de maior audiencia do día na TVG, aínda que non o minuto de ouro da xornada, que esta vez correspondeu a un programa de Telecinco.

Como os anteriores cara a cara, este foi emitido simultaneamente pola Radio Galega e pola web da CRTVG (coa posibilidade de seguilo en lingua de signos). Nas canles de TVG online o seguimento foi un 66% superior ao habitual.

Na vindeira semana, a canle pública galega ofrecerá entrevistas aos candidatos do PPdeG (día 15), do PSdeG-PSOE (día 17) e do BNG (día 18), cunha duración proporcional aos votos obtidos nas anteriores autonómicas. Nestes espazos, que se emitirán ás 21.30h, participarán os xornalistas Carlos Luis Rodríguez e Miguel Túñez e será moderadora Irene Lourido, presentadora do Telexornal Mediodía.

A Radio Galega, pola súa parte, realizará a maiores catro debates, un por cada provincia. Cada un deles contará coa presenza de candidatos das tres principais forzas políticas con representación parlamentaria, terán unha duración de cincuenta e cinco minutos e emitiranse en desconexión local, o próximo 17 de outubro, dentro do espazo “A Crónica” (21.05 horas). Ademais, a emisora pública ofrecerá entrevistas aos candidatos do PPdeG (16 de outubro), do PSdeG-PSOE (día 17) e do BNG (día 18), en horario de mañá, ás 08.30 horas, e emitirá entrevistas en desconexión local aos cabeza de lista de cada provincia, os días 15, 16 e 17 de outubro, ás 14.15 horas.