CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Ata a vila de Carral chegan esta semana os "Larpeiros Festeiros", atraídos pola XLV Festa da Empanada

11/09/2018

Un pastel de bacallau e uns petiscos de pan de Carral serán as propostas para cociñar nas rúas desta vila (22.10 h.)

Ata a vila de Carral chegan esta semana os "Larpeiros Festeiros", atraídos pola XLV Festa da Empanada

Santiago, 11.09.2018.-    Os “Larpeiros Festeiros” continúan viaxando ás festas gastronómicas máis senlleiras de Galicia para cociñar nas rúas e prazas os pratos homenaxeados. Ata a vila de Carral chegan esta semana Benigno e Adrián, atraídos pola XLV Edición da Festa da Empanada.

Os veciños acudirán á chamada para conversar, bailar e gozar das cousas ricas que lles prepararán os “Larpeiros Festeiros”: un pastel de bacallau ao xeito de Benigno e uns petiscos de pan de Carral ao xeito de Adrián.

Tamén poderán coñecer as historias de Adrián, que esta semana visitou a casa de Áurea, unha cociñeira con sona en todo o concello que triunfa en cada concurso ao que se presenta.

Na vila de Carral tamén hai “Larpeiros Diplomados” que sorprenderán coas súas propostas doces. Isabel apostará por unha receita tradicional da repostería galega: a bica. Así pois, cousas ricas, contos e cantigas están aseguradas unha vez máis nas troulas dos “Larpeiros Festeiros”.