CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

As últimas 'Tendencias', nas máis variadas disciplinas, chegan á Televisión de Galicia

08/10/2018

Da man de Nuria Gómez, amosarase, de luns a venres, a visión máis actual da nosa terra

As últimas 'Tendencias', nas máis variadas disciplinas, chegan á Televisión de Galicia

Santiago, 08.10.2018.-   As correntes e ideas culturais máis modernas chegan hoxe á Televisión de Galicia con 'Tendencias', un magazine fresco e dinámico que cada día, durante media hora, mergullarase nas máis variadas disciplinas para estar ao tanto dos movementos máis vangardistas e non perderse entre as numerosas propostas.

De luns a venres, previa á emisión do 'Telexornal Serán', a presentadora Nuria Gómez percorrerá Galicia na procura da visión máis moderna e actual dos novos deseñadores de moda, da arquitectura, da gastronomía, das novas tecnoloxías e da música, entre outras moitas áreas.

Neste magazine de moda e cultura terán cabida tanto profesionais consagrados coma novos talentos, entrevistas, monográficos ou mesmo a cobertura de eventos que teñan unha repercusión directa na nosa terra.

Hoxe, na súa estrea, 'Tendencias' pisa A Coruña e Vigo para rematar o seu percorrido á beira do mar. Nuria Gómez falará coa creadora do blog 'DonKeycool', que amosará a actualidade que se respira más rúas coruñesas. O espazo fará unha parada para tomar un vermú sen alcohol e botará unha ollada á vida desde unha bicicleta, pasear en dúas rodas é saudable e está en tendencia. O ocio nocturno virá da man dun empresario tudense que triunfa en terras herculinas, e viaxarase ata Vigo para coñecer as ultimas tendencias en perruquería da man de Manuel Bandín. E para rematar o espazo, 'Tendencias' achegarase ata o Talaso Atlántico para deixarse mimar polo seu tratamento estrela.

Para coñecer a imaxe máis cosmopolita de Galicia nos ámbitos máis diversos, os espectadores terán desde hoxe, ás 20.05 horas, unha cita co programa 'Tendencias' da canle pública galega.