CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

As radios públicas autonómicas reforzan o seu labor no mundo dixital

24/02/2021

Aumentan as visitas, número de descargas, usuarios únicos e reproducións dos seus programas de radio online e podcasts en 2020
 
A Radio Galega obtivo en 2020 a súa mellor marca histórica. As canles dixitais incrementaron máis dun 10 % o seu impacto global e a súa aposta polos podcast foron claves para acadar grandes datos de audiencia dixital

As radios públicas autonómicas reforzan o seu labor no mundo dixital

Santiago, 24.02.2021.-  As radios son unha parte fundamental dos servizos audiovisuais públicos autonómicos englobados na Federación de Oganismos de Radio e Televisión Autonómicos (FORTA). Nos últimos tempos, este medio tivo que reinventarse e ir adaptándose aos constantes cambios, á nova maneira de consumir e ao crecemento de Internet. Durante o 2020, as radios reforzaron a súa aposta polo mundo dixital, o cal se viu reflectido no éxito e crecemento dos seus contidos online.

2020 foi o ano da información de servizo público. No medio dunha pandemia sen precedentes, os medios públicos galegos responderon dando o máximo servizo público da súa historia, e este traballo viuse recompensado pola sintonía e fidelidade da audiencia. Todas as canles da Corporación melloraron a súa audiencia en 2020. CRTVG pechou o ano cunha cota media anual do 10,6 %, (TVG 9,9 % e a G2 0,7 %, un crecemento dun 6 % respecto de 2019). A Radio Galega obtivo a súa mellor marca histórica, e as canles dixitais incrementaron máis dun 10% o seu impacto global, cun crecemento interanual do portal crtvg.gal do 16 % no número de sesións.

Os cambios na programación de Radio Galega e Radio Galega Música (RGM), e a súa aposta polos destacados e podcast foron claves para lograr uns grandes datos de audiencia dixital en 2020.

En Radio, RGM creceu un 16 % con respecto a 2019 e os podcast de Radio Galega, un 9 %. Os directos disparáronse o catro últimos meses do ano, do mesmo xeito que o seguimento en redes sociais. E RGM iniciou 2021 con cifras altas de consumo, sen deixar de crecer desde abril de 2020 e un pico de consumo en novembro pasado (27.665 usuarios únicos).

Máis visitas, descargas e usuarios nas emisoras de Forta

Pola súa parte, Canal Sur Radio pechou o ano 2020 con 7.039.624 visitas na súa web (un millón de páxinas máis que o ano anterior) e 1,6 millóns de usuarios únicos, o que supoñen 600.000 usuarios máis que en 2019.  

Catalunya Ràdio obtivo 43 millóns de reproducións de audio, a través da súa web, app, podcast e asistentes de voz. Iso representa un incremento do 17 % respecto ao 2019.

Durante este ano, Onda Madrid logrou un crecemento, non só de usuarios, que ascenden a 3.455.141, un 59 % máis que o ano anterior. O número de páxinas vistas da emisora chega ás 7.255.171, o que supón un 41 % de crecemento fronte á tempada anterior.

300.000 persoas conectáronse á radio en directo de À Punt a través da web, as aplicacións móbiles ou dispositivos intelixentes, e consumíronse máis de 120.000 contidos á carta.

As radios do grupo EITB (Euskadi Irratia, Radio Euskadi, Radio Vitoria, Gaztea, Eitb Irratia e Euskal Kantak) continúan crecendo en Internet, con máis de 410.000 usuarios únicos ao mes e cunha audiencia nas súas emisións online de 50.000 usuarios únicos.

Os programas de Radio Castilla-La Mancha obtiveron máis de 350.000 visitas na súa web corporativa en 2020; case 1 millón de reproducións de podcast, como ‘El Dragón invisible’ ou o programa ‘808 Radio’, especializado en música electrónica, que aglutina preto de 300.000 reproducións.

Onda Regional de Murcia está en continua expansión en internet: durante o 2020 a súa web rexistrou unha media de 100.000 usuarios únicos por mes triplicando as cifras do ano anterior, e ao redor de 4,5 millóns de accesos, o que se traduce en máis de 16 millóns de clics entre visitas, descargas e reproducións dos seus contidos, un dato que supón dobrar a cifra de 2019.

Neste sentido, o impacto de Aragón Radio foi sobresaliente durante o último ano, ao superar os 4,5 millóns de audios descargados (o que supón un crecemento do 22 %), un millón máis que o ano anterior.

IB3 Ràdio incrementou a súa presenza online a través de diferentes formatos e canles. Así, a canle balear logrou que os seus usuarios consumisen máis de 234.131 contidos á carta a través das plataformas dixitais. Durante o 2020, un total de 162.697 persoas conectáronse á radio en directo a través da páxina web, a App e a plataforma de podcasting de Ivook e Spotify.

As emisoras en RRSS

Ademais, a presenza das radios públicas en redes sociais é cada vez máis notoria. As emisoras atoparon nas plataformas o aliado perfecto para achegarse ao público máis novo -e máis esixente- captando a atención de novos oíntes.

A Radio Galega obtivo un crecemento do 7 % en Facebook e do 17 % en Twitter, mentres que Aragón Radio conta cunha activa comunidade de seguidores en redes que ascende a máis de 145.000 persoas.

Canal Sur Radio aumentou a presenza das súas emisoras en RRSS: por exemplo, Canal Fiesta Radio ten 388.385 seguidores e é a emisora da casa con maior presenza, converténdose en TT todos os días en Twitter.

Catalunya Ràdio destaca a súa evolución no panorama dixital: entre as súas canles de Youtube, Instagram TV ou Spotify, o número de reproducións ascende a un total de 3 millóns.

As canles de EiTB teñen gran presenza en plataformas como Spotify, Ivoox ou iTunes, así como en Facebook, Twitter e Instagram. Os contidos de Radio Castilla-La Mancha, pola súa banda, superaron as 150.000 reproducións en Youtube durante o 2020. A presenza de ORM en redes sociais tamén creceu de maneira exponencial nos últimos anos, principalmente en Twitter e Facebook, onde a radio autonómica conta con preto de 50.000 seguidores.

As temáticas máis demandadas

Entre as temáticas de máis éxito para os oíntes das radios públicas autonómicas atópanse os programas informativos e os espazos deportivos, mantendo sempre unha presenza relevante os programas de humor e de música.

Entre os andaluces e os valencianos os programas máis destacados son os de humor. Destacan principalmente os programas de actualidade entre os cataláns, vascos e murcianos.

O deporte é outra temática moi demandada, exemplo diso son os programas de Castilla-La Mancha, Canal Sur, Radio Euskadi e Radio Galega. Precisamente, os eventos deportivos do último trimestre incrementaron considerablemente o número de usuarios únicos, tanto nas canles dedicadas ao deporte como na propia emisión de Radio Galega e Televisión de Galicia.

Tamén son os que máis crecen os programas deportivos de Onda Madrid, À Punt Aragón Radio. Ademais, os madrileños apostan por un novo contido que se consome maioritariamente a través da web, relacionado coas ofertas de emprego e que resolve dúbidas laborais por parte do SEPE.