CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

As producións e emisións da TVG fanse con 19 Premios Mestre Mateo nunha gala en que a gran triunfadora foi a película "O descoñecido"

25/04/2016

“Zigzag Diario” foi elixido mellor programa de televisión por quinto ano consecutivo e “Serramoura” revalidou o galardón á mellor serie

As producións e emisións da TVG fanse con 19 Premios Mestre Mateo nunha gala en que a gran triunfadora foi a película "O descoñecido"

Santiago, 25.04.2016.-    As películas, series e programas producidos ou emitidos pola Televisión de Galicia fixéronse con 19 dos 25 Premios Mestre Mateo que entregou a Academia Galega do Audiovisual (AGA) na súa edición de 2016. Nunha gala conducida desde A Coruña polos tamén presentadores da canle pública Marga Pazos e X. A. Touriñán, a película “O Descoñecido”, participada pola TVG, foi a gran triunfadora da noite ao acadar 12 dos 16 galardóns polos que competía.

A cinta dirixida polo realizador da TVG Dani de la Torre levou ademais os premios máis prestixiosos, entre eles: mellor longametraxe e mellor dirección; mellor interpretación masculina, que acadou Luís Tosar; mellor interpretación masculina de reparto, que foi para Javier Gutiérrez; mellor interpretación feminina, para Paula del Río; mellor interpretación feminina de reparto, para Elvira Mínguez; mellor dirección de fotografía, para Josu Incháustegui; mellor dirección de produción, para Carla Pérez Albéniz; mellor guión, para Alberto Marini, ou mellor montaxe, para Jorge Coira.

Outra coproducción da canle pública, “Lobos Sucios”, a segunda película que competía por máis categorías e filme que rivalizaba con “O Descoñecido” na meirande parte delas, fíxose finalmente con dous galardóns: a mellor dirección de arte, premio que recolleu Antonio Pereira, e a mellor vestiario, que recaeu en Marta Anta.

O galardón á mellor serie de televisión foi para “Serramoura”, ficción da TVG que se fai con este premio por segundo ano consecutivo; mentres que “Zigzag Diario”, o cultural da Televisión de Galicia,  logrou gañar o premio ao mellor programa de televisión por quinto ano consecutivo.

Ademais, foron premiados o programa “Land Rober Tunai Show”, que obtivo un Mestre Mateo á mellor realización para José Villaverde; a serie “Hospital Real”, que acadou outro pola súa maquillaxe e peiteados, e a produción “Os días afogados”, producido tamén pola TVG e que foi elixido mellor documental.