CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

As producións da TVG destacan cun total de 75 candidaturas para os Premios Mestre Mateo

07/02/2019

Parten como favoritas as longametraxes ‘A sombra da lei’ e ‘Trote’, as dúas participadas pola Televisión de Galicia e finalistas con 15 destacados, respectivamente

As propostas da Galega copan unha ducia de categorías, entre elas, as de mellor programa, serie, comunicador, dirección, intérpretes masculino e feminino de reparto e masculino protagonista

As producións da TVG destacan cun total de 75 candidaturas para os Premios Mestre Mateo

Santiago, 07.02.2019.-  Televisión de Galicia asistirá o próximo 2 de marzo á gala dos Premios Mestre Mateo cun total de 75 candidaturas. Na dezasete edición dos premios do audiovisual galego, a canle pública destaca con 16 producións finalistas. ‘A sombra da lei’ e ‘Trote’, ambas as dúas longametraxes participadas pola Galega, parten como grandes favoritas con 15 candidaturas, respectivamente. A maiores, compiten polo Mestre Mateo á mellor película ‘Memorias dun home en pixama’ (3 candidaturas) e ‘Contou Rosalía’ (7), que tamén conta coa participación da canle pública.

Ás dúas longametraxes máis votadas séguenas con maior número de candidaturas: ‘O sabor das margaridas’ (8), ‘Contou Rosalía’ (7), ‘Land Rober Tunai Show’ (4) e ‘Versogramas’ (4), ‘Os Mariachi’ (3), ‘Serramoura’ (3), ‘Malo será!’ (2), ‘Pazo de familia’ (2) e ‘Zigzag fin de semana’ (2), todas elas participadas ou realizadas pola TVG, salvo ‘Memorias dun home en pixama’ (3).

Os apartados de mellor programa (‘Buscadores de naufraxios’, ‘Land Rober Tunai Show’, ‘Malo será!’ e ‘Zigzag fin de semana’) e mellor serie (‘O sabor das margaridas’, ‘Os Mariachi’, ‘Serramoura’ e ‘Viradeira’) son acaparados por espazos da Galega. Ao igual que a categoría de mellor comunicador/a de televisión, en que foron seleccionados catro profesionais da TVG: María Solar, Marta Doviro, Roberto Vilar e Rodrigo Vázquez.

Entre as 25 categorías que se premian nesta edición dos Mestre Mateo cómpre salientar as candidatas ao mellor actor protagonista (Antonio Durán ‘Morris’, Luís Tosar, Toni Salgado e Xosé A. Touriñán), á mellor actriz de reparto (Adriana Torrebejano, Beatriz Serén, Melania Cruz e Tamara Canosa) e ao mellor actor de reparto (Celso Bugallo, Denis Gómez, Ernesto Alterio e Fede Pérez), xa que se corresponden tamén con producións da Televisión de Galicia.

A maiores destes apartados, as finalistas da Galega copan tamén as categorías de mellor dirección, realización, son, dirección de arte, dirección de fotografía e dirección de produción.

A gala de entrega dos Premios Mestre Mateo terá lugar no Pazo da Ópera da Coruña, o próximo 2 de marzo.