CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

As pequenas empresas familiares galegas competirán en 'Negocios de Familia', o novo programa que a TVG estrea esta noite

15/09/2020

Juan Fuentes presenta un formato en que cada semana se enfrontarán dous exemplos de emprendemento, que serán valorados por un xurado para decidir quen se fai cun premio de 1.500 euros

Na primeira entrega (22.30 h), concursarán as mulleres da Polbería Roberto, do Carballiño, e a familia propietaria da Ecotenda Traloagro, de Friol

As pequenas empresas familiares galegas competirán en 'Negocios de Familia', o novo programa que a TVG estrea esta noite

Santiago, 15.09.2020.-   Este martes chega á TVG o novo programa ‘Negocios de Familia’, un concurso que quere dar a coñecer e poñer en valor os pequenos negocios familiares de Galicia e que cada semana confrontará dúas familias e dous exemplos de emprendemento.

O popular Juan Fuentes presenta este novo formato, producido por ‘El Progreso’ e Zenit Tv. En cada programa, dous negocios competirán no estudio por seren as mellores empresas familiares e por un premio económico de 1.500 euros. Polberías, ferraxerías, hoteis, carnicerías, tendas de moda, cerraxerías, tendas de bicicletas, xoierías, inmobiliarias e outros negocios de diverso tipo, procedentes de 25 lugares distintos de Galicia, visitarán o estudio para presentar as súas empresas.

Un grupo de xuíces valorará a execución das dúas empresas en distintos aspectos do negocio: trato ao público, situación do local, prezo dos produtos, xerencia, responsabilidades compartidas, etc. O xurado está composto polos recoñecidos consultores Roberto Pérez Marijuán e Nelly Rey, os empresarios Manolo Saavedra, Olga Santoni e Ana Corredoira e os populares Pepo Suevos e Isi. Cada semana tres xurados avaliarán distintos aspectos dos negocios e descubrirán as emocións e tensións entre os membros de cada grupo concursante.

Tamén se analizarán os distintos problemas cos que se atopan os empresarios na actividade que desenvolven e mesmo intentarán achegar solucións imaxinativas, a través da participación de expertos asesores na actividade comercial. O obxectivo é dar a coñecer o pequeno tecido empresarial galego e tamén a súa problemática cotiá.

No primeiro programa competirán esta noite as mulleres da Polbería Roberto, do Carballiño (Ourense), e a familia propietaria da Ecotenda Traloagro, de Friol (Lugo), que se dedica ao cultivo e venda de produtos ecolóxicos.

Representando a Polbería Roberto virá a concursar Aurora, a xefa, unha muller moi loitadora, valente e traballadora, pero que ten moito carácter. Nuria, amable, cariñosa e súper traballadora, é a filla do medio e tamén a máis implicada no negocio porque é a que leva máis tempo. Mentres que Rebeca, a pequena da familia, ten un trato diferente ao das outras irmás; ela sábeo e aprovéitase un pouco.

Desde Friol chegarán Isabel, filla de emigrantes, que naceu en Bruxelas. Na adolescencia instalouse en Galicia coa familia, estudou Empresariais e agora leva o peso da tenda e carnicería ecolóxicas de Friol. Pola súa parte, Ana leva un ano á fronte da carnicería, di que lle encanta o seu traballo e que ademais é boa atendendo os clientes. Tito, nado tamén en Bruxelas e irmán de Isabel, é o encargado da gandería ecolóxica.

As dúas empresas intentarán convencer o xurado da súa boa convivencia e das bondades do seu negocio. Cal será a familia gañadora?