CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

As películas 'Nación' e 'Olvido e León', ambas participadas pola TVG, chegan ás salas de cine

25/03/2021

A cineasta Margarita Ledo constrúe neste documental de creación un relato de loita co que homenaxea as mulleres na reivindicación dos seus dereitos

O filme de Xavier Bermúdez, continuación da premiada ‘León e Olvido’, presenta a historia de dous irmáns xemelgos e orfos, un deles con síndrome de Down

As películas 'Nación' e 'Olvido e León', ambas participadas pola TVG, chegan ás salas de cine

Santiago, 24.03.2021.- Este venres chegan ás salas de cinema dúas novas películas participadas pola Televisión de Galicia: ‘Nación’, de Margarita Ledo, unha homenaxe a todas as mulleres que converteron a fábrica nun referente para a reivindicación dos seus dereitos, e ‘Olvido e León’, filme de Xavier Bermúdez, que supón a continuación da trama da galardoada ‘León e Olvido’ e presenta a historia de dous irmáns xemelgos e orfos, un deles con síndrome de Down.

‘Nación’, a última longametraxe da xornalista, cineasta e escritora Margarita Ledo, preestreada onte nos Cantones Cine da Coruña, nun acto ao que asistiu a xefa de RSC e Asesoramento Lingüístico da CRTVG, Marta Fernández, aterra nos cines de toda España este 26 de marzo. Tras ‘A cicatriz branca’ (2012), a directora volve ofrecer neste documental de creación, unha pescuda inspiradora sobre as mulleres galegas na segunda metade do século XX, cando durante os anos 60 e 70, traballar na fábrica de louza Pontesa foi para elas sinónimo de liberdade, independencia económica e militancia. O retrato destas mulleres traballadoras ten como protagonistas as actrices Mónica Camaño e Nieves Lusquiños, ás que acompañan Mónica de Nut ou Xoana Pintos.

A longametraxe posiciónase no cinema de non ficción e constrúe un relato coral mediante a testemuña das extraballadoras da Pontesa, a interpretación das actrices e o pouso da herdanza cultural. Vinte anos despois do peche da fábrica, á espera da sentenza sobre a reclamación de débeda pendente, un grupo de traballadoras lembra o símbolo da súa liberdade individual, a súa emancipación económica e a súa loita sindical.

Pola súa parte, a película ‘Olvido e León’, dirixida polo cineasta ourensán Xavier Bermúdez e tamén participada pola Televisión de Galicia, chega aos cines meses despois de ser a encargada de levantar o pano da 25ª edición do Festival Internacional de Cine de Ourense (OUFF). Nos seus papeis principais, Marta Larralde e o ourensán Guillem Jiménez, primeiro protagonista con síndrome de Down nunha película española, que faleceu hai unhas semanas, representan a historia de dous irmáns xemelgos e orfos, un deles con síndrome de Down, unidos e enfrontados por sentimentos moi intensos.

Na secuela desta aclamada relación de tenrura e realismo, os espectadores coñecerán a evolución da vida destes dous irmáns e onde están na actualidade. Despois de 15 anos, Olvido aceptou que o seu mal non é León, senón poderes que non coñece e que non identifica ben, que tecen como unha araña un cárcere de insatisfacción social e persoal. A película foi rodada en distintas localizacións da provincia de Ourense.