CRTVG

Buscar

CRTVG viva

As obras 'Psicofonías', de Marcos Abalde, e 'Alianzas', de Avelina Pérez, gañan o XI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

20/12/2017

Quedaron como finalistas 'Proxecto Tempo', de Clara Gayo, e 'Andrómenas soa moi antigo', de Fernando Epelde

O certame está organizado pola Radio Galega en colaboración coa Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia

As obras 'Psicofonías', de Marcos Abalde, e 'Alianzas', de Avelina Pérez, gañan o XI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

Santiago, 20.12.2017.-    O xurado do undécimo Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico decidiu outorgar o galardón desta edición á obra 'Psicofonías', escrita por Marcos Abalde Covelo, pola súa “estrutura dramática moi eficaz e ben construída cunha escenografía contextual que conxuga o relato de suspense coa realidade social”. O xurado valorou tamén “a utilización dos recursos sonoros e textuais para lograr a creación dunha atmosfera de intriga conducida cunha habilidosa medida cara a un final climático de gran impacto emocional”.

Dramaturgo e poeta, Marcos Abalde gañou en 2008 o IV premio Josep Robrenyó coa obra experimental 'Canibalismo'. A súa obra dramática recibiu tamén os premios Álvaro Cunqueiro pola peza 'A Cegueira', Marqués de Bradomín coa obra 'Xudite' e o Premio Varela Buxán por 'Oito epitafios por Troia'. Ten publicados tamén os libros de poemas 'Oenach', Premio Fiz Vergara Vilariño, e 'Exhumación', Premio Lueiro Rey.

A adaptación radiofónica de 'Psicofonías', con dirección de Santiago Cortegoso, foi interpretada  por Fernando Dacosta e Iria Sobrado e contou coa realización técnica e deseño sonoro de Chus Silva.

Contabilizados os votos recibidos a través da conta de correo electrónico e do contestador automático, a gañadora do Premio da Audiencia foi a obra 'Alianzas', de Avelina Pérez, directora teatral, dramaturga e actriz. Fórmase como actriz na Escola Santart e remata Dirección Escénica e Dramaturxia na ESAD de Galicia. Foi a directora de 'Vaguedás' e 'A que non podes dicir cocacola?', que tamén interpreta, da Compañía Teatro do Lume, e 'Gañaremos o pan coa suor da túa fronte', da Compañía Tripalium. Na actualidade presenta nos escenarios a súa obra 'Os cans non comprenden a Kandinsky”' No ano 2015 recibiu o Premio da Audiencia deste mesmo certame con 'Non teño espello no baño'.
    
Con dirección de Santiago Cortegoso, 'Alianzas' foi interpretada por Salvador del Río e Marián Bañobre, coa realización técnica e deseño sonoro de Chus Silva.

Ambos os dous premios, o do xurado e o da audiencia, están dotados economicamente con 3.000 euros cada un. Quedaron como finalistas 'Proxecto Tempo', de Clara Gayo, e 'Andrómenas soa moi antigo', de Fernando Epelde.

O xurado do XI Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico estivo formado polo dramaturgo e director de teatro Santiago Cortegoso; a gañadora do premio do xurado da edición anterior, Eva F. Ferreira; a programadora de teatro de Carballo Carmen Castro; o crítico de teatro Antón Lopo; a xefa de Programas da Radio Galega, Tania Fernández Lombao, e a directora do programa 'Diario Cultural', Ana Romaní.

61 obras presentáronse a esta undécima edición do certame, organizado pola Radio Galega coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura. O galardón pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre a dramaturxia contemporánea e o medio radiofónico, divulgar a escrita teatral galega e contribuír á recuperación desde unha perspectiva contemporánea do xénero de teatro radiofónico.