CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

As cortinas de continuidade de primavera da TVG homenaxean o primeiro galego en gañar un Grammy Latino

06/04/2021

Daniel Minimalia foi galardoado co Latin Grammy ao mellor disco instrumental co seu álbum ‘Terra'

As cortinas de continuidade de primavera da TVG homenaxean o primeiro galego en gañar un Grammy Latino

Santiago. 06.04.2021.- A CRTVG deu inicio a primavera da man da música de Daniel Minimalia, gañador do Grammy Latino ao mellor artista instrumental co seu disco ‘Terra’. Unha das cancións que integran o traballo do autor instrumental, foi elixida para musicar o comezo de estación nas cortinas de continuidade empregadas pola Televisión de Galicia. Homenaxéase así ao primeiro artista galego en conseguir un Grammy Latino por un disco propio. 

Combinando elementos folk coa chamada world-music, o guitarrista e compositor ourensán afiánzase como un dos referentes musicais do país e convértese nunha icona internacional. Esta acción reforza, unha vez máis, o compromiso que a CRTVG mantén coa cultura galega, dando voz á música propia e fomentando a súa difusión na canle pública. 

O pop e folk mesturado cos sons tradicionais da Banda da Loba; o compás urbano de Dakidarría; a percusión de influencia tradicional de Xosé Lois Romero; a música de 8 bits de Pulpiño Viascón; ou o eclecticismo de Tanxugueiras, son algúns dos ritmos que empregan desde hai anos os medios públicos de Galicia para dar visibilidade aos intérpretes galegos e ao abano cultural que se abre ao seu paso.