CRTVG Viva
As conservas e as marmeladas serán protagonistas este martes na cociña dos 'Larpeiros'
Benigno Campos cociñará un peixe sapo con salsa de bonito e anchoas

Santiago, 18.06.2019.- Os ‘Larpeiros’ (22.05 h.) da TVG comezan hoxe o programa falando dos sabores que máis os sorprenden. A súa amiga Nuria é unha experta en facer marmeladas de todo canto hai na horta, mesmo de grelos, e abrir logo eses botes é unha novidade moi agradable.
Adrián lembrará que as conservas tamén resultan moi sorprendentes, e cada vez máis, porque se fan conservas dunha chea de cousas: desde peixes e mariscos ata cogomelos ou verzas. Falar de conservas na casa dos ‘Larpeiros’ sempre trae á cabeza ideas cheas de sustancia, así que Benigno proporá cociñar un peixe sapo cunha salsa de bonito e anchoas, un prebe de inspiración italiana que do outro lado do Mediterráneo chaman tonatta.
Cos ánimos arriba diante dun xantar que tanto promete, Nuria e Leni trazan grandes plans para a sobremesa: facer unha marmelada de grosellas que será o recheo dunhas riquísimas madalenas. E por se todo isto fose pouco, unhas lambetadas de limón. A cociña vai botar fume!
Mentres, Adrián irá ao mercado polo camiño máis longo, coma sempre. A súa habitual parada será hoxe no obradoiro do seu amigo Carlos, que elabora unhas conservas e uns patés de campionato.