CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

As catro obras finalistas do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico poderán escoitarse desde hoxe na RG

13/03/2017

Os programas 'Galicia por diante', 'Diario Cultural', 'A Tarde' e 'Pensando en ti' emitirán as dramatizacións ata o 24 de marzo

As catro obras finalistas do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico poderán escoitarse desde hoxe na RG

Santiago.- 13.03.2017. A Radio Galega emite desde hoxe e ata o 24 de marzo, nos seus diferentes espazos, as obras finalistas do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico. O certame conta con dúas categorías, o Premio da Audiencia e o Premio do Xurado, e cada unha delas está dotada de 3.000 euros. As pezas finalistas, que serán publicadas nun libro-CD, son 'Veos', de Ana María Carreira Varela; 'O quinto inverno', de Eva F. Ferreira; 'Un bo final', de Carolina Alba Castro Estévez, e 'Punto de Vista', de Avelina Pérez Pérez. Os oíntes poderán escoitalas nos espazos da emisora pública 'Galicia por diante', 'Diario Cultural', 'A Tarde' e 'Pensando en ti'.


A directora da compañía Voadora, Marta Pazos, foi a responsable da adaptación radiofónica dos textos seleccionadas, aos que darán vida os actores Melania Cruz, Ricardo Barreiro, María Roja, Gena Baamonde e Chelo do Rejo. Este ano,o certame acadou a participación máis alta dende que se creara, cun total de 82 orixinais presentados.


As obras estarán dispoñibles tamén para a súa escoita a través da páxina web da CRTVG ata o 26 de marzo. Os oíntes poderán votar e apoiar a súa favorita través do correo premiodiariocultural@radiogalega.es ou chamando ao número 981540530.


Unha vez que rematen as emisións, a Radio Galega anunciará o gañador do Premio do Xurado, composto por Marta Pazos, Clara Gayo, gañadora do Premio do Xurado na edición anterior, Fefa Noya, directora do Centro Dramático Galego, Camilo Franco, crítico de teatro, Gloria Ferreiro, a xefa de programas da Radio Galega, e Ana Romaní, directora de “Diario Cultural”.


O Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que celebra a súa décima edición, está organizado pola  Radio Galega co patrocinio da Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. Este certame creouse co obxecto de fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre a dramaturxia contemporánea e o medio radiofónico, e contribuir á recuperación desde unha perspectiva contemporánea do xénero de teatro radiofónico.