CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

As Azúcar Moreno e a emblemática orquestra El Combo Dominicano poranlle ritmo a esta noite de venres no 'Luar'

05/07/2019

O espazo da TVG (22.00 h.), que comeza hoxe as semifinais de ‘Recantos’ e ‘Vai de Baile’, ofrecerá tamén as actuacións do Coro Galego Santa Comba de Veigue, da A.F. Colexiata do Sar e das Pandeireteiras Agrocovo de Esteiro, entre outros

As Azúcar Moreno e a emblemática orquestra El Combo Dominicano poranlle ritmo a esta noite de venres no 'Luar'

Santiago, 05.07.2019.-   Os ritmos e a ledicia que achegan as Azúcar Moreno en cada unha das súas actuacións serán un dos pratos fortes da velada musical que propón hoxe o programa ‘Luar’. O dúo de irmás, formado por Encarna e Toñi Salazar, interpretará algúns dos seus éxitos máis recentes.

Outra das actuacións estelares da noite será a da emblemática orquestra El Combo Dominicano, todo un fenómeno de masas, especialmente entre a mocidade galega, que en cada actuación arrastra unha lexión de seguidores. Expertos en sons caribeños e ritmos frenéticos, chegaron a Galicia desde as Illas Canarias no 2005 e non pararon de medrar ata converterse nun auténtico fenómeno social.

O espazo da TVG tamén contará coa presenza dos cantantes Fran Amil e Gonzalo Brea, do Coro Galego Santa Comba de Veigue, da A.F. Colexiata do Sar, das Pandeireteiras Agrocovo de Esteiro e da agrupación tradicional burgalesa Tierra Noble.

Pero, sen dúbida, un dos momentos cumio da noite será o comezo das semifinais nos concursos do programa. O primeiro finalista do ‘Vai de Baile’ sairá hoxe do duelo entre Ventos da Graña e Garatuxas da Fiada, mentres que en ‘Recantos’ enfrontaranse por unha praza na final A China, representante da comarca da Arousa, e Iria González, procedente de Ourense sur.