CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

As autonómicas achegaron máis de 435 millóns de euros en 2019 á industria audiovisual local

28/07/2020

A CRTVG ten activo desde abril un paquete extraordinario de medidas para apoiar o sector creativo audiovisual, teatral e musical galego afectado pola crise

As autonómicas achegaron máis de 435 millóns de euros en 2019 á industria audiovisual local

Santiago, 28.07.2020.-    A contribución dos servizos audiovisuais públicos autonómicos vai moito máis alá do seu propio labor como medios esenciais que informan de maneira próxima e rigorosa os cidadáns. Así o poñen de relevo as cifras. Só en 2019, os medios audiovisuais públicos englobados en FORTA achegaron 435,1 millóns de euros á industria audiovisual. Como media, máis do 70% da facturación das autonómicas o ano pasado realizouse a provedores audiovisuais de índole local. Esta contribución viuse reforzada nos últimos meses. Os servizos audiovisuais públicos autonómicos activaron diversas iniciativas para potenciar o seu apoio ao sector audiovisual dos seus respectivos territorios nun momento tan difícil xerado pola pandemia. 

Un momento histórico que require medidas extraordinarias

Desde abril, a CRTVG ten activo un paquete extraordinario de medidas para apoiar o sector creativo audiovisual, teatral e musical galego afectado pola crise. Entre estas medidas figuran a adquisición de sete documentais de actualidade, gravados en HD e en lingua orixinal galega. Son pezas de temática relacionada con Galicia, dos que se adquiriron os dereitos de comunicación pública. Os documentais foron elixidos entre os 80 proxectos presentados, que estudou a comisión de análise e avaliación. 

As axudas inclúen a contratación da adaptación a televisión dunha obra teatral. Este punto foi tamén fallado, coa selección da obra ‘Crónicas do paraíso’ (unha versión libre de ‘As crónicas do Sochantre’, de Álvaro Cunqueiro) de Sarabela Teatro en colaboración coa produtora Ollovivo. O plan incluía tamén a adquisición dun documental sobre a crise sanitaria. O seleccionado foi ‘Bajo la pandemia’, producido por M  International Audiovisual e que foi emitido recentemente na TVG. Tras o anuncio destas medidas especiais, o Observatorio Audiovisual Europeo recolleunas no plan na súa guía dixital. Nesta guía aparecen máis de 600 medidas de operadores, gobernos e asociacións europeas na defensa do sector audiovisual contra a crise provocada pola Covid-19 e a única canle española que aparece en dito listado é a CRTVG.

Como complemento a estas decisións, a finais de abril a CRTVG anunciou tamén a súa participación en sete novos proxectos cinematográficos -seis longametraxes de ficción e documentais, e unha TV movie-, nunha decisión marcada no seu compromiso coa industria audiovisual galega e nunha medida anticipada pola situación creada polos efectos da crise. 

Iniciativas para axudar a superar a crise ao sector audiovisual nas autonómicas

Canal Sur Radio e Televisión apoiou a campaña da Asociación de Empresas de Distribución Audiovisual de Andalucía (AEDAVA) para recuperar a afluencia de público ás salas de cine e reforzou o seu apoio cofinanciando 14 películas e 17 documentais e series documentais para reactivar o sector.  Ademais, a RTVA está apoiando tamén nestes momentos de crise ao sector audiovisual andaluz, que se agrupou nunha plataforma integrada por 27 entidades vinculadas ao cine e ao sector audiovisual co propósito de protexer o seu carácter estratéxico como industria.

A CCMA (Corporació Catalana de Mitjans Audiovisuals) deu a coñecer recentemente a preselección de 34 proxectos que se poderían acoller á liña de fomento das producións audiovisuais que o Departamento de Cultura da Generalitat de Cataluña e a mesma CCMA acordaron o pasado 10 de xuño. Este acordo de colaboración supón unha achega económica por parte do Departamento de Cultura de 6 millóns de euros. Televisión Canaria, xa no inicio da pandemia, decidiu non interromper a produción externa de programas, o cal permitiu ás produtoras das iIlas continuar coa súa actividade, producindo programas e contidos adaptados á nova realidade. De maneira similar, a radiotelevisión pública vasca EiTB mantivo as datas de convocatorias e comisións a fin de manter o ritmo de traballo e facilitar ás empresas a busca de financiamento; e flexibilizáronse algunhas cláusulas de contratos referidas a entregas de materiais e inicios de licenza. Tamén, ETB1 abriu un slot de programación para emitir cine vasco e en ETB2 programáronse varios títulos de cine vasco. 

À Punt mantivo o investimento no audiovisual durante o verán con novas propostas, triplicando o valor da oferta na franxa da tarde e incluíu dous novos programas para manter un número importante de traballadores do sector audiovisual en activo durante a temporada estival. Tamén puxo en marcha a campaña ‘Compartim À Punt’, agradecemento ás marcas o seu apoio a manter a inversión publicitaria da canle. Pola súa parte, a televisión de Eivisa IB3 impulsou unha convocatoria aberta extraordinaria para a produción de programas en prime time e proximamente lanzará unha nova convocatoria de coproducións de documentais e curtas. Tamén encargou un documental sobre os efectos da COVID-19, nesta ocasión, sobre o sector da educación. 

Pola súa parte, Aragón TV puxo en marcha un proxecto cinematográfico para reflectir o momento que vivimos como consecuencia da pandemia co que deixar constancia audiovisual deste momento histórico, desde un punto de vista aragonés. Televisión de Castilla-La Mancha CMM subscribiu acordos con diversos festivais, entre os que se atopan o Festival de Cine Internacional de Almagro ou o Festival Internacional de cine independente Abycire, subindo a aposta de anos anteriores coa proxección de curtametraxes a través da plataforma CMM Play.