CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Semana das Letras na CRTVG coa estrea de cinema, documentais e a primeira ópera en galego

10/05/2020

Debut na Galega do filme de época 'A sombra da lei', do monfortino Dani de la Torre, e a adaptación cinematográfica de ‘A estación violenta’, de Manuel Jabois

Poderase gozar, en primicia en televisión, da ópera 'A amnesia de Clío' e do espectáculo musical 'Son galego, son cubano', unha homenaxe á emigración galega, desenvolvido con letras de Neira Vilas

Semana das Letras na CRTVG coa estrea de cinema, documentais e a primeira ópera en galego

Santiago, 11.05.2020.- A programación da canle pública galega métese de cheo esta semana na celebración do Día das Letras Galegas, que este ano destaca a figura e a obra de Ricardo Carvalho Calero, catedrático, crítico, creador literario ferrolán e autor da Historia da Literatura Galega Contemporánea. Durante estes días, os espectadores poderán ver longametraxes galegas destacadas, documentais, contidos específicos sobre o escritor e espectáculos musicais, en primicia en televisión, como a primeira ópera en galego, entre outras propostas culturais.

O Día das Letras, cinema e espectáculos musicais de estrea

Os amantes do cinema terán dúas destacadas estreas na TVG, con selo galego. A primeira proposta, 'A estación violenta', a adaptación cinematográfica da novela homónima de Manuel Jabois e primeira longametraxe de Anxos Fanzás, poderase ver o 14 de maio, tras a emisión do 'Land Rober Tunai Show'. Na tarde do Día das Letras, estrearase en aberto 'A sombra da lei', película de acción e de época do monfortino Dani de la Torre, con Luís Tosar como protagonista.

Cómpre salientar tamén a estrea en televisión, o 16 de maio na G2 e ao día seguinte na TVG, da representación de 'A amnesia de Clío', a primeira ópera galega do século XXI, dirixida por Marta Pazos, coa colaboración da Real Filharmonía de Galicia, o Centro Dramático Galego e a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela. Esta peza contemporánea, composta por Fernando Buide, escrita polo dramaturgo Fernando Epelde e con Paul Daniel na dirección musical, propón unha viaxe extravagante en que se mesturan a realidade histórica e a ficción política.

O 17 de maio, os espectadores poderán gozar na G2 co espectáculo musical 'Son galego, son cubano' (TVG, 18 de maio), desenvolvido por Roi Casal conxuntamente con Neira Vilas ata o falecemento deste último, en novembro de 2015. Esta posta en escena, con grandes músicos de ambos países e con letras do escritor, vista por primeira vez no Gran Teatro da Habana en 2016, está considerada como unha fermosa homenaxe ao propio Neira Vilas e á emigración galega en Cuba, onde o autor residiu 31 anos.

A programación especial polo Día das Letras continuará na TVG con 'En Land Rober Queremos Galego', unha edición, que tratará, en clave de humor, o xeito en que se emprega a lingua galega no show. Tamén nesta xornada festiva se emitirá un 'Zigzag Especial Letras', que debullará a vida e a obra do autor. Este monográfico acompañarase de imaxes de arquivo e do testemuño de numerosos convidados, entre amigos, familiares e alumnos do intelectual ferrolán.

Na véspera, o 16 de maio, a Televisión de Galicia ofrecerá unha biografía polo miúdo de Carvalho Calero no especial 'Carvalho da Galiza'.

Noites temáticas na G2

Entre o 12 e o 15 de maio, a G2 achegará contidos especiais nas súas Noites temáticas, onde a través de programas e documentais se recollerán as súas opinións, traxectoria, biografía, entrevistas e testemuños de especialistas no autor. Así, entre as propostas específicas sobre o autor, cómpre salientar o martes os espazos 'A trabe de ouro' (12 maio), que recolle unha conversa con Ricardo Carvalho Calero e 'A dúas bandas', programa de debate que enfronta a posición sobre o galego lusista de Carvalho Calero coa oficial de Constantino García; 'Ás de Ouros' (13 maio) ofrecerá as opinións do escritor homenaxeado sobre cuestións diversas; o programa 'Visións' (14 maio) achegará unha entrevista realizada a Ricardo Carvalho con motivo do seu premiado libro ‘Escorpio’, e pechando a semana poderase ver o documental 'De Carballo a Carvalho' (15 de maio), en que diversos expertos, como Víctor Freixanes, Pilar García Negro ou Darío Villanueva, entre outros moitos, repasarán a vida e obra do profesor e intelectual ferrolán.

'Quérote en galego' e cortinas

Con motivo da festa das Letras Galegas, a TVG ofrecerá outros contidos propios, como as cortinas creadas sobre Carvalho Calero, que serán visibles ao longo de toda a programación. Durante esta semana emitiranse, amais, unhas pezas, baixo o lema 'Quérote en galego', en que actores e presentadores dos medios públicos lle dedican á audiencia a súa palabra favorita na  nosa lingua, unha palabra que ten unha conexión emocional coas súas vidas.

Desde o día 1, as canles da Galega están emitindo 'Unha palabra para Ricardo',  micropezas audiovisuais da Real Academia Galega sobre a figura do escritor homenaxeado. Cada día, durante todo o mes, unha persoa coñecedora do autor homenaxeado elixe unha palabra que destaca unha calidade que, ao seu xuízo, mellor define ao autor.

A maiores, as redes sociais darán visibilidade ao traballo literario de dez autores galegos novos, a través de vídeos, en que cada un deles lerá fragmentos dos seus poemas e falará sobre a nosa lingua e a festa das letras. Estas pílulas estarán tamén dispoñibles en YouTube (https://www.youtube.com/playlist?list=PL0xO_4rto5uy1OqBbpukZR3RwNJaqHJcG). Na fin de semana resaltaranse estes perfís dos medios públicos con vídeos sobre a vida e obra de Carvalho Calero.

Entrevistas e especiais dedicados ao autor, na Radio Galega

Do 10 ao 17 de maio, no 'Diario cultural' emitiranse entrevistas con persoas expertas sobre o homenaxeado, coma son o profesor Henrique Rabuñal, o profesor Eduardo Maragoto, a profesora Aurora Marco, a escritora Carmen Blanco e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes. Todos estes contidos especiais estarán dispoñibles na sección Carvalho Calero do diariocultural.gal.

Tamén o propio Día das Letras, na Radio Galega achegarase un especial 'Arredor de nós', programa especializado na historia de Galicia que, nesta ocasión, estará dedicado integramente ao escritor. Neste espazo contarase coa participación de voces especializadas, entre as que se atopan: José Luis Rodríguez Fernández, José Martinho, Pilar Pallarés, Carlos Quiroga, Ramón Mariño e Xusto Beramendi.

Catro espazos breves enxalzarán tamén o 17 de maio a vida e obra de Carvalho. Poderase escoitar ao longo da xornada unha biografía, a súa poesía, a súa narrativa e o pensamento político do autor.

Durante esta semana, a RG continuará emitindo microespazos diarios con poemas e textos de Carvalho Calero. En total, ofreceranse 41 textos escollidos da súa obra.

A Radio Galega está ofrecendo desde o 1 de maio a emisión de cápsulas diarias con fragmentos da obra de Carvalho Calero, apoiadas pola voz da xornalista Isabel Freire. Ao longo desta primeira quincena, o legado do autor homenaxeado está moi presente na programación da emisora pública.


                                    #Coidémonos         #SairemosXuntosDisto