CRTVG

Buscar

CRTVG Viva

Arrinca a nova programación da TVG, cun reforzo da información en directo e co lanzamento de novos formatos de ficción

10/09/2018

Renova a faixa da tarde cun dobre programa en vivo, 'Fun polo aire' e 'Vin polo vento', presentados respectivamente por Susana López e Nieves Rodríguez

Esta semana regresan con forza dous pratos fortes do 'prime time' da Galega, o 'Land Rober Tunai Show' e o 'Luar'

Novas facianas e novos horarios para os informativos, o 'Telexornal Serán' comezará ás 20.45 horas

Arrinca a nova programación da TVG, cun reforzo da información en directo e co lanzamento de novos formatos de ficción

Santiago, 10.09.2018.-  Comeza este luns a nova programación da Televisión de Galicia, cunha clara posta en valor da información máis próxima e en directo e unha aposta pola ficción con selo galego. Nesta nova temporada, a TVG renova a faixa da tarde, con máis horas de actualidade en vivo e cunha tripla oferta de concursos. As estreas de ficción e de espazos de entretemento son tamén outros dos puntos fortes na grella da canle pública galega, que rematou o mes de agosto sendo a canle pública que máis medrou cun 10,8% de audiencia, máis de 3 puntos por riba da media de FORTA.

Na nova programación destaca a remodelación das tardes da Galega, coa estrea este luns de 'O porquiño polo que vale', concurso en que, con humor, Duarte Galbán e Tamara Pérez percorren as rúas poñendo a proba os galegos. Regresan tamén cunha emisión diaria os outros dous concursos de éxito da canle pública: 'Ti verás', con Rodrigo Vázquez, e 'Coma un allo', liderado por Bernardo Montaña e que nesta nova andaina incorporará máis probas e contidos.

O seguimento da actualidade, un dos eixes principais da grella da TVG, tamén terá un oco destacado na faixa das tardes coa posta en marcha, o próximo 17 de setembro, dun dobre programa. Desde unha perspectiva máis próxima e realizados en directo poranse en marcha 'Fun polo aire', presentado por Susana López, e a continuación 'Vin polo vento', capitaneado por Nieves Rodríguez.

Esta semana volven con forza dous programas de éxito das noites da Galega. Por unha banda, o late night dos xoves, o 'Land Rober Tunai Show' e, pola outra, o musical 'Luar', o veterano espazo inicia este venres a súa 26 temporada en antena. Ambos os dous reaparecerán con destacadas sorpresas para os seus seguidores.

'A noite de...', programa de especiais en que se fai unha radiografía da vida e obra de persoas moi coñecidas do noso país e que empezou a súa andaina na TVG cunha recensión de Ana Kiro, terá continuidade este luns coa orquestra Panorama. Sucederana a París de Noia, o grupo A Roda e mesmo o presentador Xosé Ramón Gayoso.

A grella da TVG irase vestindo ao longo de setembro doutras novas propostas, como será a incorporación ás mañás de 'Estache bo!', unha achega á cociña saudable e sinxela, da man de Moisés Rodríguez. Seguindo coa gastronomía, cada martes 'O caderno de Isabel' buscará as receitas máis tradicionais de cada vila galega explicadas polas persoas que dominan a súa elaboración. Tamén o martes será a noite de 'Larpeiros', que tras percorrer Galicia durante o verán retorna á súa cociña habitual, cun espazo de maior duración. A serie documental 'Buscadores de Naufraxios' sorprenderá a audiencia da Galega os domingos, en cada entrega, mergullándose nas costas galegas, a ducias de metros de profundidade, na busca de barcos afundidos.

A ficción de factura galega, como piar fundamental

Progresivamente iranse sumando máis propostas de entretemento e ficción galegas. Neste eido, cómpre salientar a estrea de 'O sabor das margaridas', un novo 'thriller' que chegará á TVG no mes de outubro. Esta serie policial de seis episodios está dirixida por Miguel Conde e ten nos papeis protagonistas a María Mera, Tony Salgado, Ricardo Barreiro, amais de contar coa colaboración especial de Nerea Barros.

Unha das series de máis éxito da TVG, 'Pazo de Familia', chega á súa fin con máis emoción ca nunca, xa que, por primeira vez na Galega, os espectadores teñen nas súas mans a elección do remate. A maiores volve 'Serramoura', aínda que nesta ocasión comeza cunha precuela. Entre as intrigas e os casos complicados que deberán resolver os protagonistas, no comezo desta nova etapa coñecerase de novo a sarxento Neira e volveranse ver vivas personaxes que tiveron un peso destacado no arranque da serie.  

Na proposta diaria é destacable á estrea de 'Polo rego. A universidade do campo', unha volta ao vasto coñecemento que nace da experiencia nas hortas galegas. O espazo organizará en pequenas entregas e de xeito sinxelo todo o saber para aprender a cultivar a terra.

Os máis pequenos da casa terán o seu espazo na TVG con 'Eu quero ser'. Os rapaces contaranlle á audiencia as súas ilusións e soños para cando sexan maiores.

Información e cultura

A TVG comeza tamén este luns unha nova etapa informativa, co compromiso de ofrecer a actualidade dun xeito máis próximo e de acordo coa súa condición de servizo público e coa responsabilidade de ser a canle de referencia informativa en Galicia.

Para esta nova xeira, os informativos da Televisión de Galicia van experimentar algúns cambios nos seus formatos. A dixitalización da CRTVG vai marcar esta etapa, en que a modernización dos contidos, a integración das redaccións e a máxima atención ás redes sociais supoñen un novo fito para a empresa.

Os espazos arrancan este luns con cambios de presentadores. No informativo central da xornada, o 'Telexornal Mediodía', dous xornalistas contarán a actualidade, Marta Darriba e Sevi Martínez. Cómpre salientar tamén que o 'Telexornal Serán' modifica o seu horario e se prolongará desde as 20.45 ata as 21.45 horas, agora con Carlos Amado e Raquel Domínguez á fronte. Ás 20.45 h. comeza un espazo para 'O tempo', seguido de cinco minutos de información local, o que dobra o tempo que había ata o de agora e ás 20.55 h. dáse paso ao resto da actualidade de Galicia, nacional e internacional.

O informativo máis madrugador da Televisión de Galicia, o 'Bos Días', contará como  presentadores con Ana Pérez e Francisco L. Iglesias. Marcos Sueiro seguirá ofrecendo conversas destacadas da actualidade cada día na sección de 'A Entrevista' e tamén contará cun espazo de información local.

Á fronte de 'A Revista' estará a xornalista Loli Gómez e na fin de semana Almudena de Urzáiz, mentres que no 'Galicia Noticias' continuará  Marga Pazos. O 'Telexornal Noite' e os telexornais da fin de semana estarán presentados, respectivamente, por Encina Ramos e Irene Lourido.

Nesta nova temporada, á marxe dos xa coñecidos 'Cada día un libro' ou 'Ben falado' ampliarase a programación cultural, onde o 'Zigzag', o programa máis galardoado da historia dos premios da Academia Galega do Audiovisual, pasará a emitirse tamén na fin de semana na primeira canle da TVG, antes do "Telexornal Mediodía". A Galega tamén apostará por un programa de específico de concertos de música clásica e outro de música contemporánea. O 'Zigzag', de luns a venres, estará presentado por Pilar G. Rego e na fin de semana por María Solar.